Dez razóns para votar Converxencia XXI

Hai moitas razóns para votar Converxencia XXI. Aquí tes dez para facelo:

1.       Converxencia XXI sáeche gratis;  o noso orzamento para estas eleccións é de 4.000 €; o que demos reunido desde as municipais procedente na sua maioría das cotas da afiliación. As enormes sumas que gastan outros partidos saen dos impostos directos e indirectos que pagas tódolos días, e chégalle aos partidos establecidos a través de subvencións do Estado. Votar a Converxencia é polo tanto unha medida inmediata, real e efectiva de austeridade individual e social.

2.       Somos un partido fundado hai dous anos, autofinanciámonos e non defendemos os intereses de ningún lobby ou grupo de presión, máis ben pola contra defendemos a eliminación dos privilexios que estes grupos de presión teñen na nosa sociedade, privilexios que empobrecen ao conxunto.

3.       Apostamos por unha sociedade meritocrática, onde as persoas prosperen polos seus méritos e non polos seus “amiguismos” precisamos evoluir dunha sociedade nepotista e amiguista a unha sociedade meritocrática se queremos ter futuro.

4.       Defendemos unha profunda reestruturación da administración pública, precisamos menos políticos e que traballen dunha forma máis eficiente e que custen menos aos contribuintes. De entrada cómpre suprimir as deputacións e fusionar concellos.

5.       É perfectamente posible manter servizos básicos como unha  sanidade e educación universais gastando menos,  apostando pola eficiencia e eliminando o despilfarro e os gastos supérfluos.

6.       Somos a opción da rexeneración democrática e non porque sexamos mellores senón simplemente porque apostamos pola implantación en España e Galicia de normas de transparencia e unha lexislación anticorrupción vixente en países do norte de Europa que non se implanta aquí porque non interesa a PP e PSOE.

7.       Votar a un novo partido favorece a competencia, favorece que os partidos establecidos que tan mal nos gobernan se vexan obrigados a mellorar a esforzarse máis para reter os votos dos cidadáns.

8.       Galicia precisa unha grande forza que ocupe o espazo central da sua política e que obrigue a moderarse a partidos como o PP e o BNG. O actual escenario politico dos tres partidos que dominan Galicia non é digno dunha democracia occidental avanzada e impide unha gobernabilidade moderna.

9.       Somos un partido de ámbito galego porque cremos que Galicia precisa ferramentas de poder ao seu servizo e apostar pola autoorganización política nun contexto dunha España e dunha Europa federais.

10.   Cremos na responsabilidade e tamén na liberdade como a maior fonte de prosperidade social, e cremos que a administración pública debe cumprir o papel de crear un marco ideal para facilitar o emprendedorismo e para que as iniciativas individuais frutifiquen.

Tes ó teu dispor toda a nosa información referente ás Eleccións Xerais en:

– PROPOSTAS PROGRAMÁTICAS

– PROGRAMA ELECTORAL

– CABEZAS DE LISTA

– CANDIDATURAS A CORTES

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *