Posicionamento de Converxencia XXI a respeito da reforma laboral

A situación do mercado laboral español é crítica. O alarmante aumento do desemprego e a elevada precariedade laboral -que se ceba especialmente entre os mais desfavorecidos e que está a levar xa a moitos á dolorosa decisión da emigración- son os seus penosos síntomas. Desde Converxencia XXI sempre temos solicitado unha actuación decidida por parte do goberno que permita poñer couto a esta sangría.

O goberno do Partido Popular obtivo recentemente nas urnas o respaldo dos electores para levar adiante unha acción de goberno que sente as bases da recuperación económica e que permita que todos os segmentos sociais se beneficien dunha prosperidade recobrada. Lamentabelmente, as decisións que ata o momento está a tomar o goberno dos Sr. Rajoy están defraudando a confianza que o electorado puxo no Partido Popular nas pasadas eleccións xerais. Primeiro foi unha traizoeira suba de impostos que castiga sobre todo ás clases medias e agora chega unha insatisfactoria reforma laboral.

 

Desde Converxencia XXI consideramos a reforma laboral decepcionante por varios motivos:

1.- A reforma laboral non serve para reducir significativamente a dualidade do noso mercado de traballo, no que un terzo dos empregados está sometido á presión de pésimos contratos temporais e que, o que aínda é peor, carece de expectativas de estabilidade no emprego. Neste sentido a reforma non fai nada para reducir a panoplia contractual que padece o mercado laboral español. A reforma non só non reduce o actual abano de contratos, mais aínda introduce algún mais. Desde Converxencia XXI avogamos pola simplificación do menú de contratos e, en particular, pola introdución dun contrato indefinido único cun custe de despido lineal, abonable polas empresas mes a mes e obrigatoriamente externizable, como un custo salarial da relación laboral, que favorecería a mobilidade laboral voluntaria, suprimiría o intervencionismo alleo á empresa e evitaría problemas de liquidez ás empresas que confronten necesidades de despedimento, dado que sería unha cantidade que xa pagaron en épocas de bonanza económica

2.- A reforma laboral insiste na política, manifestamente fracasada, de subvencións á contratación introducindo unha serie de bonificacións fiscais para a contratación de certos grupos de traballadores. Ademais, segue a permitir o uso do FOGASA para subsidiar despedimentos. A política das subvencións conduce a ineficiencias, corrupción e agravios comparativos, ademais de supor un lastre para unha finanzas públicas xa de por si deterioradas.

3.- A reforma segue facendo unha distinción falsa entre despedimentos por causas obxectivas e despidos improcedentes ou disciplinarios. Establecer unha única indemnización xa abonada ao longo da relación laboral, libera a ambas partes de esa distinción falsa. Entendemos que a única razón entendible para que unha empresa contrate a un traballador é que teña a expectativa de que ese traballador lle proporcione á empresa un maior retorno do que supón o seu custe. Toda empresa, baixo esa premisa, tenderá a contratar o máximo posible dado que é un camiño para maximizar os seus beneficios. Unha empresa, unha vez abonadas as indemnizacións establecidas mes a mes, debe ser libre para prescindir dun ou varios traballadores sen custe, sempre que non incurra en causas groseiramente discriminatorias.

4.- A reforma laboral non inclúe un elemento chave que é un críbel plan de choque para fomentar a formación e reincorporación dos desempregados ao mercado laboral, mais aínda, a errada política de subvencións retrae recursos desta tarefa.  Debemos ter en conta que mais da metade dos desempregados españois apenas teñen estudos básicos e que só nunha mínima parte das colocacións intermedian os servizos públicos de emprego. Debemos ligar a protección por desemprego á reinserción laboral e á procura efectiva de traballo. Temos que mellorar a eficacia das políticas activas de emprego reorientándoas aos desempregados de longa duración e á xente nova con baixo nivel de estudos. Debemos fomentar a participación das axencias privadas na intermediación e formación laboral avaliando rigorosamente os seus resultados e  facendo depender a súa remuneración do seu suceso.

5.- A reforma presumibelmente non vai reducir os custos de transacción asociados ás mudanzas no emprego, que non benefician nin a empresarios nin a traballadores e que implican moi a miúdo pesados procedementos xudiciais e administrativos. A proposta que fai CXXI suprime a incertidume na relación laboral, e tamén na súa finalización, e por tanto, suprime os custos de transacción e finalización das relacións laborais.

 

En definitiva, esta non é a reforma laboral que os precarios e os desempregados agardaban e tanto necesitaban. Certamente, non todo é negativo na reforma, avánzase na flexibilidade interna, na descentralización da negociación colectiva e na redución da ultraactividade, aspectos tan necesarios para que as empresas podan adaptarse a condicións cambiantes e así podan manterse os empregos, evitando que o mercado de traballo español reaccione agudamente vía cantidades xerando un enorme stock de desempregados tan pronto como o ritmo de crecemento económico se desacelera. Porén, precarios e desempregados teñen aínda que manter a esperanza. Mais tal vez xa se lles estea esgotando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *