Comunicado de Converxencia XXI sobre o galeguismo liberal

O pasado sábado o PNG-PG decidiu en congreso sair do BNG, antes decidiron o mesmo outros tres partidos integrados na frente do nacionalismo de esquerdas; Encontro Irmandiño, Esquerda Nacionalista e +Galiza. É evidente que estamos a ser testemuñas dunha escisión do BNG en grande escala e tamén é evidente que esas organizacións e individuos que están saindo do Bloque aspiran lexitimamente a seguir facendo política fora del.

A delegación convidada de Converxencia XXI no congreso do PNG-PG, composta polo Secretario Xeral, Carlos Vázquez Padín e polo Secretario de Finanzas, Antonio Pérez, reiterou, porque xa lla tiña manifestado desde hai meses, aos anfitrións, e ás delegacións e persoas convidadas ao Congreso, a boa disposición para o diálogo e o encontro do noso partido. Converxencia XXI, partido que se define como galeguista e de centro liberal, non debe permanecer alleo a este verdadeiro big bang organizativo que afecta a organizacións e persoas que nalgún caso, concretamente no do PNG-PG, están perto das nosas coordenadas de pensamento.

Se C.XXI foi fundado no 2009 é precisamente porque non criamos no esquerdismo como plantexamento de progreso para os galegos e para este País, nen no frentismo como modelo organizativo, ademáis de considerar que o liberalismo é unha corrente de pensamento absolutamente crucial para incorporar a Galicia ao conxunto dos paises máis avanzados do mundo no século XXI. Todo isto fai completamente redundante e innecesario afirmar que o noso lugar non está nunha organización de esquerdas.

C.XXI está disposta a ser xenerosa se o que se quere é contribuir a que o proceso que se está producindo desemboque nunha oferta política homologable, por exemplo e salvando as distancias, á que en Cataluña representa CiU, pola contra non sería honrado nen coherente estar ou contribuir a un proceso que dese como resultado unha bifurcación do tipo Batasuna-Aralar ou ERC-Reagrupament. É dicir, nun proceso de escisión que dese como resultado a existencia de dous partidos que na prática defendan modelos políticos idénticos ou moi próximos limitándose a fagocitar o voto da esquerda, isto non aportaría nengúnha máisvalia ao País e consolidaría o dominio do PP no centro e na dereita.

A dirección de C.XXI quere manifestar a sua receptividade e boa disposición a falar con todos aqueles que queiran traballar para a confluencia do galeguismo/nacionalismo cercano a posturas centradas. Encontrarásenos sempre en calquera iniciativa que persiga rachar o monopolio marxista, que desde a transición, domina o galeguismo político através de duas correntes destacadas, a comunista, representada pola UPG e a socialista, representada no seu dia polo PSG e cuxa versión actualizada poderíase considerar que representan algún dos partidos que están saindo do BNG.

Na nosa opinión e cos bimbios existentes podese traballar para a configuración dun proxecto de amplo espectro dentro do centro, no que poida haber socialdemócratas, liberais e democratacristáns, o obxectivo seria obter como resultado unha organización que se ubique á dereita do PSOE e á esquerda do PP, buscando unha síntese programática entorno ao liberalismo social, á marxe de etiquetas, e a un galeguismo atractivo, aberto e integrador, tamén somos partidarios de que o partido resultante dun hipotético proceso negociador se integrase no Partido Liberal Demócrata Europeo, onde están integrados partidos de nacións sen estado, como Convergencia Democrática de Catalunya, ou partidos social-liberais de estados-nación como o holandés D66 ou os Lid-dems británicos.

Ademáis dos sectores “non marxistas” que están saindo do BNG, ese novo proxecto debería contar cos partidos que están xa actualmente posicionados no centro galeguista, entre os que poderíamos mencionar ao PG, PGD, CG e TEGA, todos eles saben da nosa boa disposición, tamén habería que tratar de atraer a membros liberais e/ou galeguistas do Partido Popular, desencantados coa deriva centralista e intervencionista do seu partido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *