Converxencia XXI presentarase ás eleccións como a única forza galega de centro liberal

Converxencia XXI liderou no pasado mes de marzo a creación dun Foro para tratar de conseguir a confluencia do galeguismo ubicado no centro político de cara ás vindeiras eleccións autonómicas.

Neste sentido, cómpre dicir que nos últimos días esta iniciativa chegou a unha vía morta. E isto foi debido ao achegamento unilateral á marxe do Foro dalgúns dos seus membros a algún dos grupos escindidos do BNG, que actuou proactivamente na división interna do Foro.

Ante un escenario de viraxe á esquerda, unha vez máis, e cun exercicio de responsabilidade e lealdade cara os galegos, por riba de personalismos e populismos cortopracistas, Converxencia XXI tomou a seguinte decisión: CXXI, o partido dos liberais galegos, comeza a traballar en solitario para estar presente nas próximas eleccións autonómicas nas catro provincias de Galicia como a única alternativa de centro liberal.

Cun programa que estará especialmente pensado para implementar as políticas públicas imprescindibles para sairmos do pozo no que nos meteron PP e PSOE. Cun programa no que non haberá cabida para políticas de corte populista, similares ás da esquerda radical grega, como as que propoñen o BNG, IU ou os escindidos do BNG. Cun programa de propostas sensatas e intelixentes baseadas nos modelos de éxito das democracias liberais do norte de Europa. Cun programa que pretenderá combater os privilexios de todo tipo que fan que o sistema estea colapsado: eliminación de deputacións, fusión de concellos, eliminación de subvencións, rebaixa de impostos, eliminación real de empresas públicas e ‘chiringuitos’…

Converxencia XXI acredita en que a saída da crise pasa por facilitar un boom do emprendedorismo. O emprego e a riqueza que precisamos crear só se poderá xerar partindo da iniciativa privada. Iniciativa privada á que o statu-quo político parece querer afogar a través de brutais subas de impostos que nos homologan a Suecia en presión fiscal, pero que nos iguala a Grecia en cantidade e calidade de servizos. De todos é coñecido que tanto o PP coma o PSOE comparten un mesmo modelo de estado ineficiente financiado con impostos abusivos e débeda impagable.

Galicia, como o resto de CCAA, debería ter a posibilidade de se responsabilizar dos seus propios ingresos. E isto pasa pola adopción dun modelo de federalismo fiscal similar ao alemán. E sen menoscabo do dereito a decidir dos cidadáns galegos, que desde C.XXI se considera corolario imprescindible dos dereitos humanos e da liberdade individual.

No plano operativo, a Executiva Nacional de Converxencia XXI xa designou os coordenadores electorais provinciais que serán os encargados da elaboración das listas e da operativa xurídica e política da campaña nas catro provincias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *