En prol do federalismo fiscal

 

 

 

 

 
 

– En prol do federalismo fiscal –

A comunidade autónoma catalá quere revisar a súa condición fiscal
para recibir un trato fiscal semellante ao de Euskadi e Navarra. Esta
nova situación faría á comunidade autónoma responsábel da recadación
dos impostos ao tempo que ampliaría a súa capacidade normativa. O modo
proposto pola Generalitat catalá é un xeito de emprender o camiño do
Federalismo Fiscal.

Desde Converxencia XXI témonos pronunciado en repetidas ocasións
en prol do Federalismo Fiscal como único camiño posíbel para fomentar
a responsabilidade fiscal e, por tanto, incentivar o aforro e a
eficiencia. A actual situación de irresponsabilidade, na que as
autonomías deciden o gasto mais finánciano con transferencias do
goberno central, non pode continuar. Esta situación fomenta que as
autonomías esbanxen o diñeiro do contribuínte mentres mendigan mais
recursos a Madrid e que o goberno central reparta territorialmente o
diñeiro conforme a criterios espúreos.

Por todo isto, desde Converxencia XXI avogamos porque os partidos
políticos galegos actúen por unha vez responsabelmente e esixan
conxuntamente unha profunda revisión do modelo de financiamento
autonómico reclamando para a nosa comunidade autónoma un status
semellante ao de Euskadi e Navarra e instando ao goberno central a
implantar os principios do Federalismo Fiscal no sistema de
financiamento autonómico. De non tomar a iniciativa neste terreo
corremos o risco de ficar atrás. Outros negociarán no seu proveito e
logo a nós só nos restará o laio. Non sería a primeira vez que acontece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *