Converxencia XXI posiciónase en contra das trampas de Feijoo co déficit

O goberno de Feijoó fai trampas e engana os cidadáns. Para non ultrapasar os obxectivos de déficit deixou de contabilizar tódalas facturas que chegaron no último trimestre do ano. Un trimestre é un cuarto de ano, o que, se facemos unha extrapolación directa, suporía arredor dun cuarto do gasto sen contabilizar. As cifras de déficit teríanse disparado e o Sr. Feijoó non podería presumir ante Madrid, que parece ser a súa principal inquedanza.

Desde Converxencia XXI instamos ao goberno de Feijoó a (i) refacer canto antes as contas públicas do ano pasado sen argucias de ningún tipo e contabilizando todas as facturas que lle corresponden ao exercicio do 2011 e (ii) presentar coa debida publicidade estas novas contas ante os cidadáns asumindo as responsabilidades que eventualmente fosen precisas.

Unha vez feito este san exercicio de transparencia, desde Converxencia XXI ofrecémonos ao goberno da Xunta para elaborar un plan de control do gasto público que permita un rápido saneamento das contas públicas sen mingua dos servizos esenciais e, por tanto, sen que o cidadán saia prexudicado. O gasto superfluo da Xunta é de tal magnitude que a tarefa non é difícil. Calquera cidadán podería, sen darlle moitas voltas, apuntar unha secuencia de medidas de aforro.

Agardamos que se teña en conta o noso ofrecemento e solicitamos un maior grao de seriedade por parte dos nosos ‘representantes públicos’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *