Contra as subvencións aos partidos políticos

Os partidos políticos maioritarios teñen promulgadas moitas leis exclusivamente ao seu servizo. Paradigmática é a que regula os subsidios que han recibir a conta de todos os contribuíntes. A suma non é nimia. Por exemplo, de acordo coa Lei Orgánica 8/2007 sobre financiamento dos partidos políticos o PP recibiu pola súa representación no Congreso no primeiro trimestre deste ano case 8 millóns de euros, o que, se multiplicado por catro, fai un total de case 32 millóns de euros anuais e o PSOE recibiu mais de 4 millóns no mesmo trimestre, ao ano correspóndenlle arredor de 18 millóns de euros só pola súa representación no congreso. Súmense a estes números subvencións por representacións autonómicas e locais e poderá facerse unha idea da millonada que reciben actualmente os partidos políticos maioritarios das arcas públicas.

A continuación reproducimos as cifras de subvencións por representación no Congreso correspondentes ao primeiro trimestre de 2012 e que foron publicadas no BOE o 21 de xuño de 2012:

PARTIDO POPULAR . 7.677.545,40 €
PARTIDO SOCIALISTA OBRERO ESPAÑOL . 4.380.604,38 €
CONVERGENCIA DEMOCRÁTICA DE CATALUNYA . 548.354,52 €
PARTIT DELS SOCIALISTES DE CATALUNYA . 655.734,09 €
PARTIDO POPULAR-PARTIDO ARAGONES
• PARTIDO POPULAR .214.489,05 €
• PARTIDO ARAGONÉS . .71.496,36 €
IZQUIERDA UNIDA (LA IZQUIERDA PLURAL) . 738.980,07 €
AMAIUR . 267.933,99 €
UNIÓN PROGRESO Y DEMOCRACIA . 618.887,70 €
PARTIDO NACIONALISTA VASCO . 231.749,43 €
ESQUERRA REPUBLICANA DE CATALUNYA . 168.546,75 €
INICIATIVA PER CATALUNYA-VERDS (LA IZQUIERDA PLURAL) . 179.498,94 €
BLOQUE NACIONALISTA GALEGO . 118.374,90 €
COALICION CANARIA (CC-PNC-NC) . 99.391,17 €
UNION DEL PUEBLO NAVARRO-PARTIDO POPULAR . 91.181,88 €
BLOC INICIATIVA VERDS EQUO COALICIO COMPROMIS (COMPROMIS Q) . 74.924,10 €
FORO DE CIUDADANOS . 62.711,55 €
IZQUIERDA UNIDA-CHUNTA ARAGONESISTA (LA IZQUIERDA PLURAL)
• IZQUIERDA UNIDA . 15.334,65 €
• CHUNTA ARAGONESISTA . 35.780,85 €
GEROA BAI . 35.737,41 €

 

– Ante a escandalosa magnitude das cifras, Converxencia XXI considera que as subvencións aos partidos políticos atentan contra o bo funcionamento do noso sistema democrático impedindo a innovación e pervertendo os incentivos da xerarquía:

1. As subvencións aos partidos políticos maioritarios impide o xurdimento, expansión e florecemento de novas ideas e alternativas no campo da oferta política e da xestión pública ao trabar a libre concorrencia entre todas as opcións políticas favorecendo o status quo fronte aos novos entrantes que carecen do financiamento público.

2. As subvencións aos partidos políticos maioritarios ao trabar a concorrencia dos novos entrantes limita o castigo que estes reciben en caso de realizar unha deficiente xestión e, consecuentemente, as subvencións fomentan a xestión irresponsábel da res pública.

3. As subvencións aos partidos políticos rebaixan a responsabilidade das súas xerarquías ante os seus afiliados, simpatizantes e votantes ao diminuír a dependencia financeira da xerarquía a respecto da base.

Así, as subvencións diminúen o interese da oligarquía política en recoller nas súas propostas e actuacións os intereses e inquedanzas das bases.

 

– Por iso Converxencia XXI propón:

1. A eliminación de todas as subvencións aos partidos políticos.

2. O desenvolvemento dunha Lei de Financiamento dos partidos políticos que, ademais de prohibir o financiamento dos mesmos a conta das arcas públicas, garanta un financiamento transparente dos mesmos.

Ademais, Converxencia XXI quere lembrar que ten a disposición do público as súas contas na súa páxina web. Non hai outro partido en Galicia que poda gabarse deste exercicio de transparencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.