Rajoy arruina as familias pero non se atreve cos privilexiados

O goberno do Partido Popular insiste en facer recaer sobre o lombo da maioría dos cidadáns os custos da crise económica mentres os privilexiados, á sombra do poder, conservan intactas as súas prebendas. Neste sentido o goberno do Partido Popular:
– Subiu brutalmente os impostos ( IRPF, sociedades, canon da auga, IBI, previsibelmente IVA,…).
– Encareceu os servizos sanitarios.
– Aumentou a tarifa eléctrica.
– Rescatou a banca.

O cidadán está a padecer por mor das covardes e inxustas políticas do goberno Rajoy unha enorme perda do seu poder adquisitivo, mais, ao mesmo tempo:
– Partidos políticos, sindicatos e patronal seguen a recibir puntualmente os seus subsidios millonarios.
– Os cargos políticos nomeados a dedo proliferan.
A administración permanece sobredimensionada e duplicada.
– Os salarios dos cargos políticos non se resenten.
– As empresas públicas seguen a xerar perdas millonarias.
– Miles de pequenos e inviábeis concellos son o feudo de camarillas políticas.
– O Senado non temos nin idea de para que serve.
– As Deputacións son un nicho de dispendio e corrupción.
– Sectores produtivos ineficientes seguen a vivir dos subsidios públicos.

Por todo isto desde Converxencia XXI reclamamos outro xeito de confrontar a crise con:
1. Reformas estruturais que recorten un Estado sobredimensionado, duplicado, esclerótico e capturado por intereses rentistas.
2. Reformas que poñan couto ao gasto estrutural superfluo das administracións públicas.
3. Reforma fiscal que se afaste da actual política de subas impositivas e a substitúa por unha de reducións impositivas que incentive a actividade económica, reduza o fraude e liquide os privilexios fiscais.
4. Reformas que eliminen as trabas aos negocios e reduzan a discrecionalidade das administracións públicas.
5. Reformas que redefinan a concepción e organización dos servizos sociais e o sistema de pensións para garantir a súa solvencia e eficiencia.

En Converxencia XXI acreditamos que facer todo isto é indispensábel porque:
1. Só unha profunda reforma da organización do estado pode situarnos no punto de saída desta profunda crise que padecemos.
2. Só reformas orientadas a acoutar o gasto estrutural permitirán que as arcas públicas recobren a confianza dos acredores, reducíndose así o premio de risco e o descrédito no que este e pasados gobernos mergullaron España e súa economía.
3. Só reformas que reduzan a penalización que no noso país soportan as rendas e o negocios poden axudar á recuperación da actividade económica e o emprego e, por tanto, ao remonte dos ingresos fiscais.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *