Dez políticas en prol do emprendemento

A economía española baseou o seu crecemento na primeira década deste século no sector inmobiliario. Porén, este sector desmoronouse vítima dunha enorme burbulla. As economías galega e española encóntranse agora mergulladas nunha crise económica de histórica magnitude. Necesitamos que as actividades inmobiliarias sexan substituídas por novas actividades. Esta han vir da man dos emprendedores, da man de miles de novas e pequenas empresas que explorarán alternativas e territorios ignotos. Para que estas iniciativas teñan bo suceso é chave non impor trabas no seu camiño.

Desde Converxencia XXI queremos manifestar o noso pleno compromiso cos emprendedores porque eles serán os que, co seu esforzo, iniciativa e coraxe, situarán a economía galega na senda da recuperación económica e a prosperidade. Por iso acreditamos que é necesaria unha profunda mudanza das administracións públicas a respecto de todos aqueles que queren arriscar emprendendo un novo negocio. Unha mudanza orientada a facilitar o emprendemento, abandonando a actual política de sometelo a caprichos burocráticos de toda índole.

Converxencia XXI propón as seguintes liñas de acción para lograr un entorno mais amigábel para os negocios:

– 1. Reducir as cotizacións sociais ao 15% do salario bruto do traballador e as taxas marxinais do imposto de sociedades ao 12% ao tempo que se limitan as exencións, desgravacións e deducións.

– 2. Limitar ao máximo o uso das licencias e autorizacións previas, supeditándoas exclusivamente a razóns de interese xeral (orde pública, seguranza e medioambiente) e substituílo por outros instrumentos como a declaración responsábel ou as comunicacións previas. É dicir, substituír o réxime de licencias a priori por outro de control a posteriori.

– 3. Para incentivar á administración a acurtar os prazos, é necesaria a introdución do silencio administrativo positivo na concesión de licencias.

– 4. Eliminar todas as exixencias de cualificación profesional que no estean xustificadas para a abertura de novas actividade e flexibilizar as existentes.

– 5. Asegurar a plena eficacia dos mecanismos de constitución “express” de sociedades co obxectivo de que un emprendedor poda poñer en marcha a súa actividade en 24 horas.

– 6. Posta en marcha da chamada “xanela única” para evitar a peregrinaxe forzada do emprendedor por unha panoplia de administracións.

– 7. Reducir o papel (e o custo) dos notarios e rexistradores ao mínimo necesario.

– 8. Conseguir a máxima liberdade de horarios comerciais.

– 9. Liberalizar os sectores da enerxía, transporte, farmacias, notarías e rexistradores.

– 10. Eliminar o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.