Por unha auténtica reforma do sector eléctrico

O goberno do Partido Popular está preparando unha reforma da lei reguladora do sector eléctrico. Mais, como sempre, o goberno do Partido Popular non é capaz de confrontar con decisión a pésima situación do sector eléctrico español que todos os anos está a xerar un déficit tarifario de miles de millóns de euros. A consecuente débeda acumulada recaerá tarde ou cedo nos petos dos contribuíntes.

A respecto da reforma impulsada polo Partido Popular, Converxencia XXI considera  que:

1)                  A reforma  simplemente tenta introducir parches no sistema sen confrontar as razóns profundas do problema.

2)                  O obxectivo da reforma é errado pois tenta  resolver o problema do déficit tarifario extraendo rendas dos diferentes axentes participantes no mercado. Para iso, entre outras cousas, (i) incrementará as taxas sobre a enerxía hidráulica e nuclear -o que se traducirá nun incremento do prezo que pola electricidade pagan as familias e empresas- e (ii) subirálle a tarifa eléctrica aos pequenos consumidores.  O que en definitiva repercutirá nunha perda de competitividade da economía española e nunha redución do benestar das familias.

 

Porén, desde Converxencia XXI queremos manifestar que:

Unha auténtica reforma do sector eléctrico español ten que estar orientada a combater as verdadeiras causa do déficit tarifario eliminando as regulacións que asfixian o sector e introducindo unha maior concorrencia. Só así conseguiremos que as familias e empresas españolas deixen de soportar as tarifas eléctricas mais caras da nosa contorna.

 

Por todo isto, en Converxencia XXI acreditamos que unha profunda reforma do sector eléctrico require:

1)                  Unha mudanza completa no rumbo da política de apoio ás renovábeis. É absolutamente necesario eliminar a discrecionalidade política na elección das tecnoloxías renovábeis que entran no mercado e suprimir drasticamente os subsidios a estas enerxías. O apoio ás renovábeis debe centrarse no fomento da I+D con exencións fiscais ás empresas que investiguen co obxectivo de facilitar o seu proceso de maduración e non en pretender substituír o mercado na elección das mesmas. Debe ser o mercado o que escolla cales están listas para entrar en acción.

2)                  Deixar de facer recaer sobre os consumidores custos que nada teñen a ver coa produción de electricidade  tais como certas políticas medio-ambientais (premios ás renovábeis, eficiencia enerxética),  de solidariedade interterritorial (sobrecustos extrapeninsulares) e sociais (subsidios ao carbón nacional, bono social)

3)                  Eliminar instrumentos regulatorios ad hoc dificilmente xustificábeis, tais como pagamentos de capacidade, prezos máximos e tarifas reguladas, estas últimas son o principal obstáculo a unha real concorrencia na comercialización de electricidade.

4)                   Favorecer a converxencia a prezos mais preto do custo de subministro impulsando a instalación de medidores en tempo real que fornezan aos consumidores da información sobre o prezo da electricidade en cada franxa horaria co fin de que podan planificar dun mellor xeito o seu consumo.

5)                  Impulsar a interconexión co resto de mercados europeos e así crear un mercado europeo da electricidade que redunde nun abaratamento dos custos de produción, ao permitir unha mellor afectación dos inputs, e nunha maior concorrencia, ao abrir o mercado a moitos mais operadores.

6)                  Reconsiderar a moratoria nuclear pois a produción nuclear permite satisfacer a baixo custo o consumo base e, por tanto, dota de estabilidade ao sistema ao tempo que é unha enerxía que non emite gases de efecto invernadoiro.

7)                  Introducir criterios concorrenciais na adxudicación de recursos enerxéticos non disputábeis e dos que as empresas eléctricas tradicionais están a obter suculentas rendas.

 

Desde Converxencia XXI consideramos que se  unha profunda reforma liberalizadora do mercado eléctrico é levada adiante conseguiremos que as familias e empresas españolas deixemos de pagar a electricidade mais cara que a práctica totalidade dos nosos veciños europeos. O elevados prezos que pagamos só son explicábeis por cofrontar uns custos regulatorios excesivos e/ou por estar a producirse unha enorme transferencia de rendas das familias cara as empresas eléctricas tradicionais e cara os produtores de enerxías renovábeis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *