Dez razóns para votar Converxencia 21

Por que votar Converxencia XXI? Dez boas razóns para facelo:

1. Porque presentamos un programa galeguista de reformismo liberal e integrador, co espírito nos problemas da nosa Terra, propugnando reforma valentes, sen demagoxias, que fomenten o esforzo e a frugalidade, liberándonos da crecente opresión fiscal e das trabas regulatorias que atenazan o emprendemento.

2. Porque proclamamos a necesidade dunha profunda rexeneración democrática que incentive a responsabilidade dos representantes ante os seus representados, único xeito de que estes implementen as políticas públicas en favor de todos e non en exclusivo beneficio duns poucos. Unha reforma que outorgue o control da res pública á cidadanía e o retire das oligarquías partitocráticas.

3. Porque defendemos unha radical redefinición do papel das administracións públicas que limite o seu tamaño e racionalice o seu funcionamento. Eliminar chiringuitos públicos, privatizar empresas públicas, reducir cargos políticos e eliminar os seus privilexios son políticas de austeridade que non fan recaer o seu peso sobre os cidadán inocente, todo o contrario, permiten reducir a carga burocrática que este soporta. Só así poderemos poñer couto á corrupción e o dispendio e crear unha sociedade na que os méritos propios sexan a chave do éxito.

4. Porque avogamos por unha revision duradeira da organización territorial do Estado. A actual fomenta a irresponsabilidade fiscal das diferentes administracións e o conflito entre elas. Tampouco articula satisfactoriamente todas as sensibilidades nacionais presentes no Estado. E ademais, debuxa un mapa territorial caduco que non responde ás necesidades do século XXI. Reformas que eviten duplicidades, delimiten competencias, modernicen a administración local, concentren concellos, supriman deputacións, instauren o federalismo fiscal e fomenten a responsabilidade son absolutamente imprescindíbeis

5. Porque somos claros e transparentes. Publicamos as nosas contas na nosa páxina we, Alí as tés, bótalles unha ollada. Financiámonos case exclusivamente coas cotas dos nosos, temos 5000 euros para a campaña. Non nos endebedamos, así non debemos favores e avogamos pola supresión das escandalosas subvencións públicas das que gozan os partidos políticos que constitúen o status quo.

6. Porque non defendemos os intereses de ningún lobby ou grupo de presión. Moi ao contrario avogamos pola eliminación de todos os privilexios dos que gozan estes grupos que lastran a prosperidade da maioría da sociedade e estamos comprometidos coa creación dunha regras equitativas e xustas, nas que todos podamos prosperar en función dos nosos méritos e non función de contactos inconfesábeis co poder. Por iso, defendemos a eliminación dos privilexios que estes grupos de presión teñen na nosa sociedade, privilexios que empobrecen ao conxunto e que moitas veces asumen a forma de transferencias de renda en forma de subvencións públicas a axentes económicos e sociais que só fomentan a ineficiencia e a corrupción. Por iso comprometémonos a limitar drasticamente a súa cuantía.

7. Porque apostamos polo funcionamento eficiente dos servizos básicos como sanidade e educación. A nosa austeridade non compromete o benestar da poboación porque, como toda auténtica austeridade, céntrase en atacar o dispendio, a corrupción, o reparto do diñeiro público entre os amiguetes e os gastos ostentosos. Só se emprendemos unha radical reforma destes servizos básicos poderemos garantir a súa supervivencia.

8. Porque Galicia precisa dunha forza galeguista moderna e centrada que sexa expresión do reformismo liberal necesario para levar adiante unha profunda renovación económica e social que nos equipare aos países mais prósperos do noso entorno. Situándonos nesta coordenadas conectamos coas sensibilidades e inquedanzas da maioría dos galegos e traballando arreo para gañar a súa confianza podemos converternos na grande forza política central que este país necesita para confrontar con éxito o futuro.

9. Porque criticamos as políticas voraces dos partidos que representan o status quo. Votarnos a nós é castigalos a eles. Só se senten o alento da concorrencia nos seu cogote existe a esperanza de que modifiquen o seu modus operandi que os sitúa completamente alleos ás necesidades da cidadanía e que foi o xerme da grave crise económica que padecemos.

10. Porque apostamos por políticas públicas que conformarán os cimentos da recuperación económica que necesitamos para retomar o camiño da prosperidade nun contexto de liberdade e harmonía social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *