Por unha reforma das normas electorais

Comeza a campaña electoral. Por este motivo, Converxencia XXI cre que é o momento idóneo para lembrar o que desde hai tanto tempo temos denunciado: o sistema electoral réxese por unha regras feitas a imaxe e semellanza dos partidos políticos representativos do status-quo pervertendo o xogo democrático e protexéndoos da sempre disciplinante concorrencia das novas alternativas e proxectos. Unha regras que lles conceden enormes privilexios e que fan recaer o seu custo sobre o peto dos contribuíntes. Ademais, fomentan a irresponsabilidade do representante ante o representados, o cal, consecuentemente, incentiva a toma de decisións públicas pensadas para favorecer só a uns poucos e reforza a corrupción.

Ante isto Converxencia XXI declara:

1. No mercado electoral, como en calquera outro, a concorrencia é imprescindíbel para a eficiencia. Os políticos deben sentir no seu cogote o bafo competitivo dos que procuran substituílos propondo novas alternativas. Só así sentirán a ameaza do castigo cidadán e, ante o temor á perda dos seus cargos, terán os incentivos axeitados para desenvolver unha actuación pública honesta. De non ser así, se dun xeito ou outro están protexidos da concorrencia, o seu goberno será malo e esbanxador. Como cando en calquera mercado existe un monopolio: mala calidade a prezos elevados.

2. Unha das grandes deficiencias do noso sistema institucional é que os grandes partidos están moi protexidos da concorrencia dos potenciais entrantes. As barreiras son variadas:
a. O actual sistema de xurisdicións electorais provinciais acarreta que para os novos partidos sexa moi difícil acadar representación aínda obtendo unha porcentaxe significativa do voto. Os límites mínimos requiridos de porcentaxe de voto –do 5% ou do 3%- tamén restrinxen a capacidade das novas propostas de arrebatar representatividade institucional ás grandes organizacións.
b. A carreira electoral está totalmente trucada polo acceso dos grandes partidos ao financiamento público, que lle é negado ao mais pequenos. As subvencións que receben os partidos políticos son millonarias. Para facerse unha idea: o Partido Popular recibiu pola só pola súa representación no Congreso arredor de 7 millóns de euros para o primeiro trimestre deste ano, multiplicando por catro teríamos o total anual. Súmelle parlamentos autonómicos, eleccións locais,…e farase unha idea do custo da partitocracia imperante neste país para as arcas públicas.
c. Os lazos dos grandes partidos co sistema financeiro semi-público –as caixas- agravan aínda mais as desigualdades financeiras pois reciben destas inxentes cantidades de créditos que nunca serán pagados.
d. Os medios de comunicación xogan un papel crucial na concorrencia política, mais tamén nesta dimensión a concorrencia está pervertida pois os medios de comunicación privados receben inxentes subsidios das diferentes administracións –o cal condiciona a información que recibe o elector- e ao mesmo tempo os medios de comunicación públicos están controlados polos grandes partidos.
e. A reserva de espazos electorais gratuítos nos medios de comunicación é tamén outra treta da lexislación electoral concibida exclusivamente para beneficio dos partidos do statu quo. Coa escusa destes espazos danlle unha migallas aos partidos pequenos poñendo os seus anuncios electorais a horas intempestivas durante uns poucos segundos mentres eles resérvanse amplos espazos en prime time. Así obteñen acceso gratuíto aos medios de comunicación en horarios de máxima audiencia.
f. Tamén a limitación da duración da campaña electoral xoga en contra dos novos na area política, pois son estes os que necesitan mais tempo para darse a coñecer entre os electores.
g. O mailing electoral tamén é un estratexia que perverte o libre xogo electoral. Os partidos do statu quo usando a súa ampla rede interventores electorais saben quen usa as cabinas de votación e quen non. Así que o que as use convértese inmediatamente en sospeitoso de non telos votado a eles. Ante isto moitas persoas nunca usan as cabinas e optan por traer o sobre de votación da casa. O condicionamento do voto que se produce como consecuencia é gravísimo nunha democracia. Os grandes partidos usando o diñeiro do contribuínte que receben en forma de xenerosas subvencións públicas financian custosísimas campañas de mailing electoral. Os partidos políticos que non recebemos estas subvencións non nos podemos permitir tamaño dispendio. Así non podemos acceder a un electorado potencial. E o que é moito peor, este electorado non pode,d e facto, votarnos a nós.

3. Todas estas proteccións converten os representantes e cargos públicos en irresponsábeis ante os cidadáns, pois estes teñen moi difícil castigalos cando corresponde, nas eleccións. Isto explica que en grande medida os representantes populares estean moito mais preocupados por render contas ante a oligarquía partidaria que ante os cidadáns. Depende moito mais o seu cargo deles que dos votantes. Un case se atrevería a afirmar que neste contexto o principio da soberanía popular é substituído –ou polo menos solapado- pola soberanía das oligarquía partidarias.

4. Temos que ser conscientes de que a prosperidade dun país depende crucialmente das normas e políticas postas en marcha polas súas institucións. E para que sexan eficientes é necesario que os encargados da súa elaboración –os políticos- respondan axeitadamente aos intereses dos cidadáns, non a outros de espuria condición.

Por todo isto, en Converxencia XXI consideramos que son necesarias urxentes reformas institucionais que convertan o xogo electoral en mais competitivo. Por iso propomos:

1. Supresión de todas as subvencións aos partidos políticos que só favorecen o statu quo protexéndoos da sempre disciplinante concorrencia.

2. Eliminación das porcentaxes mínimas requiridas para obter representación nas cámaras.

3. Corrixir as distorsións na representación causadas pola existencia de xurisdicións electorais desequilibradas. Regulación estrita da publicidade institucional para que non poda ser usada na compra da vontade dos medios de comunicación.

4. Prohibición das subvencións gobernamentais aos medios de comunicación co mesmo obxectivo do punto anterior.

5. Prohibición do mailing electoral e uso obrigatorio da cabina electoral para garantir que o voto é efectivamente secreto.

6. Eliminar os espazos electorais gratuítos ao que teñen dereito os partidos políticos nos medios de comunicación, cuxos criterios de reparto só benefician aos partidos do statu quo.

7. Instaurar un novo sistema de representatividade que fomente a responsabilidade dos representantes ante os seus representados e non, como acontece actualmente, só ante a xerarquía partitocrática.

8. Os partidos deberán contabilizar a identidade dos seus donantes así como o montante da doazón.

9. Prohibir por lei a condonación das débedas dos partidos políticos.

10. Prohibir por lei as doazóns anónimas, de empresas e de organismos públicos aos partidos políticos.

11. Estatus de independencia de los medios de comunicación públicos, antes de que –ou en caso de que non- se produza a súa preferíbel privatización.

En Converxencia XXI estamos absolutamente comprometidos coa rexeneración democrática das nosas institucións e acreditamos que a reforma das normas electorais é unha das tarefas mais importantes a este respecto. Sabemos que é extremadamente complicado o obxectivo porque confrontamos a dura oposición dos partidos do statu quo que verían nunha reforma deste calado un grave atentado contra os seus intereses mais directos e íntimos. Porén, asumimos o compromiso ante toda a cidadanía de que non imos desfalecer no noso esforzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *