Por unha reorganización da administración pública

Reorganizando o gasto superfluo: como e porqué.

A administración autonómica está sobrecargada. Isto significa, entre outras cousas, que sobran moitos organismos e entes ligados dun ou doutro xeito á administración. Non quere isto dicir que necesariamente sobre as funcións que presuntamente realizan estes organismos públicos. O que quere dicir é que sobra a estrutura implementada para realizar estas funcións, non necesariamente as funcións en si mesmas.

Cando desde Converxencia XXI propugnamos a eliminación dunha determinada entidade pública somos conscientes de que hai diversas posibilidades:

(i) A función que realiza a institución sobra. Por exemplo, neste sentido sobra o IGAPE. Non necesitamos un instituto público que se dedique a dar diñeiro dos contribuíntes aos amigos do poder. Non necesitamos un Consello Económico e Social que non serve para nada.

(ii) A función debe trasladarse a outra institución. Por exemplo, dependen directamente da Xunta varios centros de investigación que nós consideramos que deberían integrarse no sistema universitario galego para así aproveitar mellor todas as sinerxías da investigación básica e aplicada.

(iii) A función debe realizarse pola iniciativa privada. E aquí temos dous caos:
(iii.a) Privatización do organismo. Por exemplo, este é o caso dos medios de comunicación públicos. Defendemos a súa privatización, mais de xeito que sigan satisfacendo a súa función de promoción da lingua e cultura galegas. Isto pódese lograr doadamente se a privatización se produce coas condicións axeitadas.
(iiii.b) Externalización do servizo. Por exemplo, as funcións da Escola Galega de Administración Pública poden ser perfectamente realizadas en colaboración coa universidade sen ter que estar mantendo todas as infraestruturas e persoal propias dun organismo como a EGAP.

(iv) A función debe compartirse con outra institución. Por exemplo, consideramos que son innecesarios tantos tribunais de defensa da competencia como autonomías e ademais un dependente do goberno central. Podería haber un único tribunal de defensa da competencia que sería un servizo compartido por todas as autonomías e o goberno central. Nótese que isto non significa engordar o goberno central. Este novo tribunal da competencia substituiría aos actuais dependentes tanto das autonomías como do goberno central. Nisto consiste o verdadeiro federalismo e implicaría unha nova concepción e organización do Estado. Unha auténtica colaboración entre partes iguais. Por suposto, avanzar nesta nova concepción e organización do Estado é un dos principais obxectivos de Converxencia XXI.

(v) A función debe integrarse na estrutura das consellarías. Por exemplo, as funcións da Axencia Galega de Emerxencias deberían ser asumidas por un Servizo da Consellaría que agrupe os actuais de Protección Civil, de Prevención e Análise de Riscos e de Vixilancia Radiolóxica.

Esta nova e moito mais racional organización da administración pública permitiría obter un gran aforro en gastos superfluos, como son os gastos fixos asociados ás infraestruturas, persoal –especialmente de cargos políticos nomeados a dedo- e funcionamento da multitude de organismos e entes que impregnan a administración pública. Facendo así poderíamos sen moito esforzo aumentar a produtividade do gasto público, pois cos mesmos medios poderíamos atinxir moitos mais fins. É dicir, as funcións para as cales presuntamente se crearon todos estes organismos serían moito mellor realizadas. Mellorando así o benestar da cidadanía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *