Contra a intervención militar en Siria

Os estados occidentais teñen o desafortunado costume de intervir frecuentemente nos asuntos internos de terceiros países. En casos extremos recorren ao uso directo da forza bruta esgrimindo razóns humanitarias para xustificar a intervención. Porén, a historia amosa que frecuentemente detrás destas louvables razóns agóchanse escuros intereses que nada teñen a ver co que se predica. Máis aínda, cando esta preocupación é sincera, non podemos menos que constatar que as consecuencias da intervención son habitualmente moito peores que o dano que se pretende reparar.

Converxencia 21 acredita que:

  • As relacións entre países deben basearse no respecto mutuo.

  • Esas relacións tamén se deben soster no establecemento de relacións diplomáticas pacíficas tendentes a facilitar a mobilidade de factores –capital e traballo- así como de mercadorías, bens e servizos.

Por todo isto Converxencia 21 está profundamente comprometida co principio de non intervención e reclama a súa consagración constitucional.

En virtude deste convencemento e compromiso Converxencia 21 oponse á participación do Estado español en calquera acción bélica contra o réxime sirio se non está amparada pola legalidade internacional.

Defendemos esta posición aínda conscientes do totalitarismo do réxime socialista sirio que conta no seu debe con crueis crimes contra a súa propia poboación, o que o converten en merecedor do noso máis profundo e decidido repudio.

A situación de guerra civil de facto hoxe existente en Siria é unha catástrofe humanitaria. O réxime sirio actual é unha ditadura que non respecta os dereitos humanos, e polo tanto, carece de calquera lexitimidade moral, pero tampouco se pode descoñecer que os chamados rebeldes –Irmáns Musulmáns- pretenden a instauración dun réxime incompatible cos dereitos humanos individuais.

A utilización de armas químicas supón a violación de todo o dereito internacional da guerra, pero tamén, que o Dereito Internacional de Guerra está pensado para conflitos entre estados belixerantes, e non ampara unha situación de guerra civil como a que se está a producir en Siria.

Nestes intres non se pode determinar quen dos contendentes, ou mesmo se ambos, teñen recorrido á utilización de armas químicas.

O respecto mutuo que debe presidir todas as relacións internacionais obriga a aplicación das normas xurídicas que os Estados se deron voluntariamente. A prohibición de armas químicas derívase internacionalmente da Convención sobre a Prohibición do desenvolvemento, a produción, o almacenamento e o emprego de Armas Químicas e sobre a súa Destrución, feito en París o 13 de xaneiro de 1993 e ratificado por España o 22 de xullo de 1994. Siria non forma parte de tal Convención e por tanto non lle é aplicable. Así mesmo, o presunto emprego por Estados non parte na Convención de armas químicas, ten como única consecuencia a denuncia do feito diante do Secretario xeral das Nacións Unidas a fin de que esta Organización tome as medidas necesarias no seu marco de actuación, e nunca de xeito unilateral por parte de ningún Estado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *