En defensa do dereito de secesión

A secesión, ou dito doutra maneira, o divorcio político, é un principio netamente liberal, que emana do direito natural dos individuos a decidir con quen se asocian politicamente.

É un criterio absolutista acreditar que a permanencia nun longo tempo dunha determinada unidade política, como é o caso de España, confírelle un carácter sacrosanto, por moito que o dereito positivo (Constitución Española de 1978) sancione esa “unidade indisoluble”, os liberais cremos en que a soberanía parte do individuo, e portanto calquera comunidade política pode secesionarse mediante mecanismos plebiscitarios se así o decidir. Se non hai consentimento dos gobernados, non hai Estado lexítimo.

Calquera comunidade política é suxeito do dereito de secesión, cando dicimos calquera comunidade política non nos estamos a referir exclusivamente ás comunidades autónomas españolas, senón tamén a calquera cidade, concello ou rexión que así o decida plebiscitariamente. Para pór exemplos, desde Converxencia 21 defendemos o dereito de secesionarse que ten Galicia, pero tamén o que ten Vigo ou A Coruña, ou o direito a que a eurocidade Tui-Valença tería, de así o decidiren os seus habitantes, de secesionarse de España e Portugal e se constituiren nunha cidade estado independente. É previsible que o impulso político para a secesión saia con moita maior probabilidade das nacións culturais naturais (non son resultado de procesos de construción estatal) que carecen de Estado propio, como Galicia, Flandres, Quebec, Curdistán, Tibet, Escocia ou Cataluña, non obstante, e desde un punto de vista liberal, non se pode limitar o dereito de secesión soamente ás nacións culturais.

Obviamente calquera proceso secesionista ten que contar cun impulso desa comunidade política, senón non há lugar ao exercicio dese dereito. No caso que está de actualidade, o catalán, entendemos que Cataluña ten dereito a decidir plebiscitariamente a súa secesión mediante a consulta convocada para o 9 de novembro de 2014, pero iso non exclúe do dereito de secesión, ao Val de Arán, ou á cidade de Barcelona, por colocar só dous exemplos. Confiamos en que o pobo de Cataluña poida exercer libremente o seu dereito a decidir se queren secesionarse ou non, sen ter que sofrer a coerción e a represión, máis ou menos disfrazada de legalidade, dos que queren conservar o seu status a custa da liberdade dos demais.

Pero a secesión non é só un dereito natural pola súa relación coa liberdade e a propiedade, senón que ten vantaxes que van alén, a virtuosidade de non limitar o dereito de secesión é marabillosa, porque coloca unha barreira moi forte á opresión do Estado, o dereito de secesión ilimitado coloca un incentivo para non oprimir os cidadáns, incentivo do que agora carecen os Estados, non esquezamos que a secesión con maior importancia histórica, a dos Estados Unidos de América con respeito ao Reino Unido prodúcese como reacción á opresión fiscal británica.

A secesión ao debilitar o Estado, fortalece o individuo e por iso os Estados, especialmente os máis xacobinos e inmaduros, resístense coercitiva e violentamente a esta posibilidade. Hai unha forte correlación entre estado pequeno (en termos demográficos) e maior liberdade económica e unha forte correlación tamén entre maior liberdade económica e maior prosperidade (medida en PIB per capita). Desde logo e co resto das condicións sendo iguais, hai máis posibilidades de prosperar para o individuo nun pequeno Estado que nun grande, son os políticos estatistas-intervencionistas e os manipulados por estes os que cren na bondade dos grandes estados, porque desde logo para o que si serven os grandes Estados é para conferir maior peso político para beneficio exclusivo dese aparello estatal.

De entre os vinte paises con maior liberdade económica do mundo encontramos unha franca maioria de paises pequenos en termos absolutos e desde logo máis pequenos que os seus veciños: Hong Kong, Singapur, Nova Zelandia, Suiza, Chile, Dinamarca, Irlanda, Estonia, Luxemburgo, Finlandia, Holanda, Suecia e Taiwan. Isto non é casual, canto menor é o Estado máis dificil para os políticos é establecer barreiras e regulacións de todo tipo ou apostar por políticas autárquicas que empobrecen o pobo. Non é alleo ao tamaño dos seus respectivos estados que hoxe un estonio viva mellor que un ruso, un dinamarqués mellor que un alemán, un belga mellor que un francés, un irlandés mellor que un inglés, un de Singapur mellor que un chinés, un chileno mellor que un arxentino ou brasileiro, etc

A proliferación de Estados pequenos fomenta o comercio e desincentiva as guerras, a historia demóstrao claramente, son os grandes Estados os que comezan sempre as guerras pola súa ambición estatista de ampliación do territorio e/ou influencia política. Ademais a proliferación de Estados facilita que as persoas poidan votar cos pés, é dicir, irse de onde non están contentas, facilitando unha concorrencia real entre os Estados por evitar a fuga de persoas de forma non coercitiva.

A secesión en definitiva, non é máis que a representación máxima da liberdade política, da plasmación do dereito natural de libre asociación humana. Defender a inmodificabilidade das fronteiras non só é absolutista senón tamén anacrónico, afortunadamente neste terreo a tendencia é positiva, téndose duplicado o número de Estados desde inicios do século XX até hoxe, pasando duns cen naquela altura, a uns douscentos hoxe en día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.