Os liberais galegos ante Europa

 

Europa como un espazo común de convivencia,  cooperación e  integración é unha concepción xenuinamente liberal que se retrotrae,  cando menos, ao Manifesto de Oxford de 1947 e que foi confirmada na Declaración de Stuttgart en 1976. A CECA, a CEE e, hoxe, a UE, son a superación da Europa dos antagonismos que os gobernos estatais  arrastraron á barbarie.

A resistencia  deses  gobernos estatais  a  perder  poder  e  influencia  ante  unha Europa  dos  cidadáns,  unha  resistencia que  sempre  estivo   aí,  recobra  máis forza coa  crise económica europea. O medo á  globalización devólvenos un Estado-pai que usa a súa forza inmobilista contra ela. Non é novo tampouco que esas resistencias veñan decote  animadas desde  o anticapitalismo,  ora illacionista,  ora  internacionalista,  pero sempre estatista.

Da man desa resistencia anticapitalista vén, tamén e tristemente, o rexeitamento político, social e económico a cidadáns non-UE que queren lexitimamente prosperar e mellorar as súas condicións de vida. O cuestionamento frívolo da moeda única e as atoladas propostas devaluadoras que escoitamos na boca dos estatistas esquecen que esas medidas regresivas destrúen recursos para sempre,  e que se ceban especialmente nos que menos teñen. Ante o  rexurdir de discursos proteccionistas e antiinmigratorios en Europa, os liberais debemos opornos, como sempre fixemos, con máis forza aínda.

A  crise  deixounos  de  agasallo,  ademais,  o  renacer  do  discurso  do  odio intraeuropeo, baixo a forma do rexeitamento aos cidadáns doutros estados membros. Contra esa retórica vil os liberais podemos situar os nosos principios e, tamén, os datos: sen  o norte,  sen o sur,  sen  o leste  e  sen  o oeste,  Europa sería  agora un espazo de convivencia  con  menor  liberdade,  con  menor  democracia,  con  menor  prosperidade económica.

A Europa na que acreditamos garante os dereitos e as liberdades dos cidadáns: dende  escoller  o  lugar  onde queremos vivir  ata  montar  unha familia  da  forma que desexamos;  dende  progresar  economicamente  coa  nosa  iniciativa  ata  discrepar  en liberdade.  Ademais  queremos  unha  Europa  onde  se  denuncie  e  se  actúe  contra  as violacións deses dereitos.

O mundo globalizado esixe alianzas e estratexias comúns. O mercado  común precisa  de  esferas  políticas  e  institucións  que  combinen  a  cooperación intergobernamental, goberno común e  cogoberno. Mais non de calquera xeito.

Se queremos unha Europa libre e próspera necesitamos que esta sexa:

1. Unha Europa integrada que garanta a libre circulación de persoas,factores  e  mercadorías  e  impida  calquera  traba  a  tal  libre  circulación  por calquera das súas partes constituíntes.

2. Unha  Europa  aberta  ao  exterior  que  desmonte  as  políticas proteccionistas que prexudican a humanidade máis desfavorecida.

3. Unha Europa que non atente contra a liberdade económica con políticas intervencionistas que absorben inxentes recursos e xeran ineficiencia económica e agravios comparativos.

4. Unha  Europa  cooperativa  que   renuncie  a  constituírse  e comportarse como outro simple polo de poder no mundo global e procure a cooperación e a solidariedade entre todas as nacións da terra.

5. Unha  Europa  dos  cidadáns  que  formule  un  marco  básico  de convivencia que garanta as liberdades civís e económicas no seu seo.

6. Unha Europa descentralizada na que as decisións democráticas locais  sobre  as  políticas  públicas  non  sexan substituídas  pola  vontade  dunha superestrutura tecnocrática.

7. Unha Europa que  recoñeza  que  as  realidades  estatais  non son perennes  e  que  asuma  con  naturalidade  as  mudanzas  que  o  devir  histórico impoña nas mesmas.

8. Unha  Europa  simple  que  prescinda  de  desmesurados  aparatos burocráticos que  afastan  os cidadáns dos mecanismos de  decisión e  pexen a eficacia da nosa economía.

9. Unha Europa de institucións transparentes e democráticas.

10. Unha Europa que favoreza a estabilidade monetaria e o equilibrio das finanzas públicas e non o dispendio e a irresponsabilidade.

Moitos dos principios contemplados polo coruñés Salvador de Madariaga no século XX son realidades cotiás na UE do XXI. Con  entusiasmo e crítica os nosos antecesores liberais contribuíron a facer isto realidade. A nós cómprenos agora con igual forza e crítica defendelo e levalo á próxima fronteira.

Por unha Europa libre, próspera e democrática!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *