Protección social

Mercado e xustiza

A economía de libre mercado realiza razoabelmente ben súa labor de afectación de recursos e consigue levar a prosperidade á inmensa maioría da poboación pois os sinais do mercado transmiten xeralmente toda a información necesaria para identificar as necesidades dos individuos e para que estes en consecuencia tomen as súas decisións maximizadoras do seu benestar e fornecen de incentivos necesarios para que os individuos estean interesados en satisfacer as necesidades dos demais, xa que é o mellor xeito de procurar o interese propio.

Debido a estas virtudes, o mercado libre é en grande medida o mellor garante do benestar dos individuos pois ao fomentar a prosperidade minimiza a pobreza e permite que todos os individuos teñan a oportunidade de mellorar a súa sorte, favorecendo así a mobilidade social. Ademais, os individuos perciben os resultados da súa interacción libre e voluntaria nos mercados como xusta pois respecta unha regras do xogo limpas, nas que ninguén é discriminado (nin privilexiado, que é a outra cara da mesma moeda), e atribúe os resultados á propia responsabilidade, xa que cada quen recebe en función do que fornece á sociedade (aos outros).

Agora ben, estamos sometidos ás vicisitudes do azar e o mercado tamén xera excluídos. Unha sociedade que procura a xustiza debe preocuparse polos avatares dos mais desafortunados. Necesita dotarse de mecanismos de protección social que aseguren os individuos contra as forzas do destino.

Igualdade de oportunidades e de resultados

O azar intervén nas nosas vidas desde o primeiro momento do noso nacemento. Non todos confrontamos o comezo da nosa vida adulta coa mesma dotación de recursos, tanto por razóns xenéticas como familiares e sociais. É preciso garantir que os individuos gocen dunha certa igualdade de oportunidades para confrontar o reto da súa inserción na estrutura social. Por iso acreditamos nunha política educativa que garanta o acceso de todos os individuos a unha educación de calidade adaptada ás súas características que lle permita desenvolver todas as súa potencialidades.

As políticas de protección social na medida en que garantan a igualdade de oportunidades han contribuír á mobilidade social, é dicir a que todos os individuos teñan a oportunidade de mellorar a súa sorte independentemente das súas circunstancias sociais ou familiares. As sociedades nas que a mobilidade social é maior serán aquelas nas que os individuos teñan esperanza de mellorar o seu destino. Observar que co esforzo debido poden conseguilo, independentemente da súa condición, ha contribuír a aumentar a cohesión social e diminuír o conflito. A mobilidade social fornece da sensación de xustiza. E a xustiza é aquilo que impide que collamos unha pistola e comecemos a tiros. Ademais, a mobilidade social é un sinal de que unha sociedade está a aproveitar eficientemente os seus recursos. É un indicador de que se vive nunha sociedade na que os talentos dos individuos que parten de condicións desvantaxosas non estar a ser desaproveitados. É dicir, unha sociedade na que o mais capaz ocupa os mellores postos con independencia de se o seu sangue é azul ou vermello.

As políticas de protección social non deben estar orientadas a conseguir a igualdade de resultados entre os individuos. A desigualdade na distribución da renda é completamente necesaria porque só se a retribución dos individuos depende dos seus esforzos e contributos á sociedade estes teñen os incentivos necesarios para traballar, investir e innovar. Só se esforzarán se o seus traballos reciben a debida recompensa. Polo tanto, a desigualdade de resultados é unha consecuencia ineludíbel do desenvolvemento económico e social. Expresouno moi axeitadamente Winston Churchill: “O vicio inherente ao capitalismo é o desigual reparto de bens. A virtude inherente ao socialismo é o equitativo reparto da miseria.”

Debemos ser conscientes de que a defensa de igualdade na distribución da renda moito a miúdo acocha comportamentos rentistas. É dicir, o desexo por parte duns individuos de vivir a conta dos esforzos realizados polos outros. Como cando na administración pública todos cobran o mesmo, o capaz e o incapaz, o esforzado e o langrán, o responsábel e o irresponsábel. Como moi ben dixo o premio Nobel de Economía, Milton Friedman, “Unha sociedade que pon a igualdade por riba da liberdade acabará sen igualdade nin liberdade”.

Ademais, a desigualdade non debe ser xulgada per se, mais polo proceso que a xerou. A desigualdade baseada en privilexios é repudiábel, mais non aquela produto de regras do xogo limpas e equitativas. Non é o mesmo facerse rico por ser fillo de menganito a facerse rico por ser emprendedor e arriscado.

Os seguros sociais

Ao longo da vida dos individuos unha serie de desgraciados avatares poden afectar o seu benestar conducindo ao individuo a unha situación de precariedade tais como doenzas, desemprego e vellez. Todas as sociedades historicamente se teñen preocupado pola fortuna dos desamparados na medida das súas posibilidades. O contrario esperta no interior do ser humano un profundo repudio moral. Unha sociedade próspera non pode esquecer os excluídos. Por iso é necesario un eficiente sistema de seguros sociais que protexan os individuos contra perturbacións negativas na súa saúde, contra a perda do seu medio de vida e contra a desamparo que trae consigo a vellez.

Ademais, existen argumentos de eficiencia económica para non deixar exclusivamente nas mans do mercado o fornecemento de seguros sociais. Tipicamente, nos mercados de seguros existen problemas de información asimétrica que nun mercado libre implican un nivel de seguro demasiado baixo. Para alén disto, a profunda raizame moral na que se sustenta a asistencia ao desvalido pode xerar o seu propio problema de risco moral pois os individuos que non estean cubertos por un seguro (de saúde, de desemprego ou de vellez) poden anticipar que si eventualmente caen na indixencia serán asistidos polo estado, co cal, ante esta expectativa, poderían optar por non asumir o custo do seguro, pasándolle os custos á sociedade.

O Estado do Benestar

A elaboración dun sistema de seguros sociais non debe implicar necesariamente un intervencionismo excesivo do estado. O único indispensábel é que o Estado impoña unha certa obrigatoriedade de subscribir os seguros para eliminar os problemas de afectación eficiente de recursos por parte do mercado que xera a información asimétrica. Desde logo, non é necesario que o Estado se encargue directamente do fornecemento de bens e servizos como os sanitarios, asistencia social, intermediación no mercado de traballo,…isto pode facelo convenientemente o sector privado. A insistencia do estado en monopolizar o fornecemento destes bens e servizos é unha das principais razóns dos problemas que está a padecer o noso sistema de protección social. Nin tan sequera é necesario que todos os seguros sociais sexan públicos, poden ser aínda que obrigatorios, contratados con empresas privadas.

Existen ao noso arredor múltiples exemplos de organización do sistema de protección social aos que compre prestar atención. Moitos países do noso entorno teñen optado por profundar na colaboración público-privada no terreo da protección social con demostradas ganancias de eficiencia. Debemos estar atentos e non persistir en vellas e anquilosadas fórmulas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *