PROGRAMA DE GOBERNO PARA TUI ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2015

O noso programa de goberno ten como obxectivo convertir Tui nun concello ben gobernado e que cumpra os estándares urbanísticos, administrativos, de xestión e de servizos de calquera concello que funcione ben da Europa occidental máis avanzada e para isto non é necesario moito diñeiro, só se precisa capacidade, boa intención, sentido común, boas ideas e traballo, moito traballo, e iso precisamente é o que C21 ofrece á cidadanía tudense: capacidade, honestidade, boa intención, sentido común, boas ideas e traballo ao servizo de Tui.

1 .- URBANISMO

– O PXOM aprobado no 2011 é unha colección de arbitrariedades inaceptables, e non merece o nome de urbanístico xa que carece de planificación como tal máis alá de aquí se poden facer tantas alturas e ala outras tantas, iso si, onde se poden facer mais alturas coincide casualmente coas propiedades de determinadas persoas.

– Compre elaborar un novo PXOM que elimine as arbitrariedades do do 2011.

– A abertura da rua Ourense, este é un mais de tantos temas que o partido gobernante leva no programa desde hai bastante mais de dez anos e nunca foi capaz de executar a pesar de que é un procedemento relativamente sinxelo. A construcción do novo centro de saude nun lugar erróneo fai máis necesaria que nunca a abertura desta rua.

– Compre elaborar un novo plan que idee o Tui do futuro, unha pequeña cidade cómoda, harmoniosa e agradable para vivir.

– Nese novo PXOM deben ser eliminados os PERIS que hai no actual e que se fixeron pensando con mentalidade de promotor da burbulla inmobiliaria. Cada parcela edificable debe poder edificar individualmente dentro de ordenamento.

– Compre mellorar moito o mantimento do mobiliario urbano e das zonas axardinadas, hai que ir pola via do norte de Europa, máis mantimento e menos obras novas.

– Venda en pública subasta daquelas parcelas municipais que non achegen nada ao concello.

– Habilitar zonas pechadas onde os propietarios podan soltar aos seus cans e permitir o aceso destes ás praias fluviais en temporada de inverno.

2.- INFRAESTRUTURAS

– Internet: A competitividade no futuro non se medirá por número de kilómetros asfaltados e si pola rapidez e fiabilidade das conexións a internet, é necesario garantir que en todo o territorio municipal se pode acceder a internet, neste sentido haberá que negociar coas empresas para garantir que este servizo chega cunha mínima calidade exixible a cada casa do concello. Compre facilitar a instalación da fibra óptica de R na maior parte do concello, no casco histórico debe aproveitarse o soterrado do cableado que propomos para instalar fibra óptica e rede de gás.

– Aparcamento. Tui precisa dun aparcamento subterraneo xa e se Porriño, Baiona ou Betanzos poden telo Tui tamén. Un parking na corredoira sería unha excelente opción se non fose a sua limitada capacidade e o seu prohibitivo custo, a rua Compostela ou a parte non ocupada da traseira da Area Panorámica son duas posibles ubicacións para este parking. Compre tamén crear varios pequenos aparcamentos en superficie espallados por toda o do casco urbano, cunha especial énfase na contorna do casco histórico e un aparcamento para autobuses para facilitar a chegada de turismo.
Na cuestión do aparcamento vemos moi claramente como o Partido Popular ten convertido a Tui nunha cidade sin lei, nunha cidade caótica e desordenada, a carencia de aparcamento en condicións provoca unha serie de problemas colaterais, como abundancia de aparcamento en dobre fila, os aparcamentos alegais que proliferan en solares vacios do ensanche, a carencia do servizo de grua salvo os días de feira o que ten ocasionado o bloqueo de parkings privados durante varias horas, en definitiva, precisase neste terreno crear infraestruras e despois facer cumprir as normas.

– Saude, non concordamos en absoluto coa ubicación para o novo ambulatorio porque ademais de provocar a saturación dunha zona con dificil acceso e dificil saida (o que para unha infraestrutura sanitaria é básico) a cidade perde un espazo aberto no centro que se poderia aproveitar para facer un parking cunhas pistas deportivas e zonas verdes na superficie.
Non obstante a obra xa está nun punto de non retorno, paralizala agora tería máis custos que beneficios, non é asumible quedar cunha obra en esquelete cinco ou dez anos afeando ainda máis a zona por non falar da millonaria indemnización que os tudenses teríamos que pagar á construtora adxudicataría. Agora compre pór o acento na abertura da Rua Ourense e na construcción dun aparcamento para desafogar a previsible saturación que se vai producir na contorna, especialmente en Casal Aboy e a rua Colón. Iniciar a tramitación para a construcción dun Hospital transfronteirizo que de servizo ao Baixo Miño galego e ao Vale do Minho portugués, no pleno de marzo do 2015 o pleno aprobou a proposta de C21 pór en marcha esta iniciativa, tanto se somos goberno, como se somos oposición, faremos o posible para que goberno municipal implemente o mandato do pleno.

– Saneamento. Finalización e conexión. Ainda hai zonas sen conexión.

– Compre elaborar un Plan Municipal de iluminación, como o que propuxo en varias ocasións C21 neste mandato e que sempre foi rexeitado pola maioría, o obxectivo dun goberno municipal de C21 sería dobre, gastar menos en luz conseguindo unha iluminación boa, isto é posible planificando correctamente a colocación das farolas e investindo en luces LED que sustituan ás antigas bombillas. O gasto de luz é un dos gastos correntes maiores que ten o concello e compre axustalo para poder baixar os impostos como pretendemos.

– Plan municipal de sinalización, tamén debatido no mandato que remata a iniciativa de C21. Compre facer unha sinalización xeográfica e xestionar ante a administración oportuna a creación de pasos de peóns en moitos lugares do concello que carecen del, como o tanatorio de Guillarei ou a estrada Randufe-Malvas.

– Mantemento das pistas de forma regular e non a golpe de precampaña electoral. Evitar parcheados e repor o firme de forma periodica e cun criterio obxectivo e non clientelar.

– Exixencia ás empresas de garantia nas obras que realizan e concursos limpos e abertos para determinar os adxudicatarios das obras, non é admisible de ningunha das maneiras que cada seis meses vexamos operarios arranxando as mesmas zonas de pavimento.

– Exixencia á consellería do cumprimento da sua promesa da conexión da VAC Tui – A Guarda co polígono de Areas.

– Xestionar a construcción dunha rotonda no cruce da igrexa de Areas.

– Xestionar ante Augas de Galicia a rápida construcción do coletor no Regato San Martiño que solvente o problema actual de contaminación.

– Posta en marcha do viveiro de empresas de Randufe establecendo un acordo coa Cámara de comercio para a sua xestión e que esta poida implicarse no asesoramento aos novos emprendedores.

3.- COMERCIO E TURISMO

Tui ten os recursos monumentais, gastronómicos, paisaxísticos e naturais para xerar centos de postos de traballo neste sector se a administración pública se preocupa de crear as condicións básicas para isto, que cremos que non son prohibitivas desde un punto de vista financeiro, e a partir dai o investimento privado chegará en abundancia:

– Tui ten que aspirar a formar parte dese grupo de localidades pequenas ou medianas que obteñen enormes recursos do turismo, os referentes existen e non son escasos: Santillana del Mar, Úbeda e Baeza, Ciudad Rodrigo, Ponte de Lima, etc.

– Temos o segundo casco histórico en importancia de Galicia pero a estas alturas ainda non temos un Plan Especial aprobado o que dificulta enormemente a obtención dunha licenza ou de axudas públicas. Neste momento e pese ás carencias do PECHA elaborado no mandato que agora remata compre aprobalo sen maior dilación.

– Necesitase apostar forte pola rehabilitación do casco histórico con todas as axudas públicas extramunicipais ás que se poida acceder e facilitando que as persoas se decidan investir, vivir ou veranear alí incentivándoos con beneficios fiscais e dotandoos de servizos como o acceso a internet por fibra óptica, gás natural, etc.

– Ocultar o cableado do casco histórico e aproveitar para instalar fibra óptica e gás onde non o haxa.

– Hai que promover a Candidatura a Patrimonio Mundial Tui-Valença enfocandoo desde o punto de vista da paisaxe cultural e non exclusivamente desde a monumental, é a estratexia neste momento máis acaida, serian millóns de euros anuais os que entrarian en Tui e este é un obxectivo que se pode alcanzar.

– Traballo de promoción conxunto con Valença do Minho, enfocar o marketing a un conxunto internacional de pequenas cidades fermosísimas e cun contorno cultural e paisaxístico envexable. Esta oportunidade darianos a proxección internacional como cidade da que hoxe carecemos.

– Potenciar o entorno do rio Miño cun sendeiro natural para sendeiristas e bicis de montaña que percorra toda a ribeira do rio desde Areas a Caldelas. O sendeiro seria de terra e constaría de duas pasarelas, unha para salvar o rio Louro e outra o regato San Martiño. Tamén habería que conseguir que o ministerio de defensa liberase un paso á altura da Mariña.

– Desde o monte aloia debería crearse outro sendeiro de terra que unise o alto do monte aloia co rio Miño pasando polos muiños do folón.

– O acondicionamento de duas grandes praias fluviais, a da Mariña, ampliada incorporando a parte que está baixo control militar e a das Areeiras.

– O novo PXOM que promovería un goberno munipal de C21 debe contemplar terreos para dous campings, un no monte aloia e outro na beira do rio, os campings serian de promoción privada, o concello ten que dar facilidades.

– Redución das taxas aos establecementos de hostaleria.

– Fomento das feiras; artesanía, libro, etc

– Fomentar a eurocidade como destino de turismo congresual. Un lugar óptimo para congresos ibéricos de todo tipo.

– Negociar coa empresa de turismo TUI a elaboración dun Plan Director para a promoción turística de Tui aproveitando a cesión que se lle fai a esa empresa do dominio www.tui.es

4.– ADMINISTRACIÓN EFICIENTE, TRANSPARENCIA E DIÁLOGO

– Plan integral de rebaixa fiscal para o concello de Tui.

En relación aos impostos hai dous potestativos, que o concello pode ou non cobrar, tratase do (ICIO) Imposto sobre Construccions, Instalacions e Obras e o (IIVTNU) Imposto sobre el Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana. C21 propomos:

 ICIO. Bonificación do 90% no casco vello e do 50% no resto do concello. Na actualidade hai unha bonificación do 50% só para o casco histórico.

Imposto sobre el Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana IIVTNU. Propomos a supresión deste imposto que é profundamente inxusto e ven sumarse ao impacto que receben os herdeiros como consecuencia do confiscatorio Imposto de Sucesións.

Tamén propomos unha bonificación do 50% do IBI, que é un imposto que o Estado obriga a cobrar pero para o que se poden establecer bonificacións para o casco histórico para a aquelas casas que estén habitadas ou rehabilitadas para uso vacacional, é fundamental entender que non se trata de defender intereses de parte senón que o casco histórico para ser rehabilitado ten que atraer investimentos e poboación e os incentivos fiscais son imprescindibles, preténdese que o Casco Histórico se convirta nunha das locomotoras económicas de todo o concello.

No que se refire ás taxas hai que ser prudente xa que estas teñen que estar vinculadas ao custo do servizo non obstante entendemos que hai marxe para rebaixar a taxa do lixo apostando decididamente pola reciclaxe para rebaixar o custo de enviar os residuos a SOGAMA.

Rebaixar a taxa de vado mellorando o servizo co funcionamento diario da grua, xa que a grua na actualidades só funciona aos xoves a pesar de que a relación de postos de traballo do concello contempla a existencia dun “condutor da grua”.

Suprimir a taxa do “dereito de paso”.

Estaremos vixilantes con respecto á taxa da auga da que agora se encarga o Consorcio xa que entendemos que hai un sobrecusto derivado da política clientelar.

– Implantación de sistemas de administración electrónica para que os cidadáns e empresas poidan facer os trámites necesarios sin desprazarse fisicamente ao concello. Na actualidade son enormes as trabas que os cidadáns se encontran cando van ao concello, nalgúns casos é por falta de organización e noutros por intereses dos gobernantes en ocultar información, isto para Converxencia 21 é intolerable Precisamos que a administración local esté rexida polos criterios de transparencia, eficiencia e axilidade nos servizos administrativos. É un deber facilitar e axilizar os trámites ás empresas e aos cidadáns.

– A presenza de Converxencia 21 e do noso candidato á alcaldia en internet e nas redes sociais Facebook, Twitter, etc, non é simplemente para estar, é para continuar, se gobernamos Tui non abandonaremos os nosos perfis, utilizaremolos como canais de comunicación cos cidadáns de Tui.

– Compre actualizar a web para que sexa unha ferramente realmente útil de información para tudenses e visitantes.

– De acadarmos a alcaldía, o alcalde de C21 dedicaría un día á semana, no que con cita prevía, calquera cidadán se puidese reunir co alcalde.

5.- SERVIZOS

– Xestionar coa Xunta a instalación dun centro de día, estas son infraestruturas que o concello non pode soster polo seu elevado custo pero que se lle poden solicitar con éxito a outras administracións, todos os concellos limítrofes con Tui teñen centro de día.

– Analisar a fondo a posibilidade e viabilidade do establecemento dun servizo de bus que comunique o casco urbano e o rural do concello de Tui entre si e con Valença do Minho.

6.- SEGURIDADE PÚBLICA

– Compre reforzar a policia municipal ata os dezasete axentes (un por cada mil habitantes) eliminando as prazas de auxiliares que teñen un custo similar pero moita menor utilidade xa que están moi limitados nas suas funcións.

– Hai que convocar cunha regularidade non superior aos dous meses a Xunta local de seguridade que presidida polo alcalde reune á policia local e á Guarda Civil para coordenar as accións necesarias para garantir a seguridade das persoas e dos negocios.

– Regulación das noites en Tui, adecuando demandas de hosteleiros e viciños do casco antigo, e adecuación das licencias dos locais.

7.- MEDIOS DE COMUNICACIÓN

– Desde Converxencia 21 valorase positivamente o labor da Radio Municipal, hai que avanzar na sua dotación de medios e na garantia da sua independencia. O concello tamén debe analizar a capacidade de autofinanciamento que a Radio ten e a que pode ter através da publicidade, o obxectivo é que non sexa deficitaria. A Radio debe abrirse ainda máis a iniciativas de quen queira facer un programa en horario que non estea ocupado.

8.-CULTURA

– Apoiar as iniciativas da sociedade civil que como o caso do Playdoc poñen a Tui no mapa. Tratar de rescatar iniciativas como a dos cursos de música estivais en memoria de Francisco Comesaña. Compre, non obstante, traballar para fomentar a mentalidade de mecenádego para tratar de aforrar aos contribuintes cada vez máis diñeiro.

– Compre establecer un debate construtivo para ver que se fai co Teatro Principal, este é o único teatro de toda España sin rehabilitar dos que aparecian no plano de infraestruturas culturais de 1986. Por ser algo pendente
desde hai moitos anos non debera ser moi dificil conseguir o diñeiro para a sua rehabilitación, despois habería que cedelo a unha concesionaria por pública subasta a cambio do seu mantemento, esta concesionaria xestionariao co obxectivo de que o mantemento do teatro non lle costase nada ao concello.

9.-EDUCACIÓN

– Negociar coa Fundación San Pablo CEU e outras institucións a creación dunha Universidade privada en Tui.

– Mellorar o mantimento dos colexios públicos.

– Existe un problema de xestión no conservatorio dado que este xera un défice de mais de 700 € por aluno ao ano, C21 está comprometida coa cultura, pero non é xusto que os contribuintes tudenses teñan que facerse cargo da educación musical de alunos que non son de Tui, é necesario buscar colaboración tantos nos concellos aos que este conservatorio da servizo como através de patrocinadores privados, a suba das matriculas non é unha opción viable posto que xa son máis caras que as do conservatorio de Vigo xestionado pola Xunta. A meta é gozar dun conservatorio de calidade en que isto implique un enorme défice para o concello que na actualidade ronda os 200.000 €.

10.- DEPORTES

– Apoio ao deporte. Con axudas en base ao número de fichas e de rapaces que cada escola deportiva ou clube é capaz de atraer, tamén compre premiar os éxitos deportivos premiando económicamente aos clubes que os obteñan. Hai que ir cara o cofinanciamento deste tipo de actividades, contribución pública por un lado, que deberíamos conseguir que fose menor e unha contribución dos patrocinadores e das familias para garantir a posibilidade de mantemento dunha determinada infraestrutura formativa.

– Creación de bolsas de axuda deportivas para que rapaces de familias sen recursos poidan acceder en igualdade de oportunidades ás escolas deportivas.

– Cesión á Xunta do Centro Interfederado de Remo para a sua xestión, de tal maneira que poida estar para uso e desfrute dos deportistas sen que lle coste nada aos contribuintes tudenses.

– Mantemento e adecuación das infraestruturas existentes.

– Construcción de pistas polideportivas ao aire libre en todas as parroquias para achegar a todos os cidadáns ao deporte.

– Negociación coas comunidades das ruas Compostela, Ourense e Lugo para o aproveitamento dos patios interiores como zonas deportivas e de xogos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.