Postura de C21 Tui a respeito dos recibos da auga de 2013

Desde C21 queremos facer pública a nosa valoración do acontecido cos recibos da auga do ano 2013. É o anterior alcalde Moises Rodriguez quen decide en marzo do presente ano que os recibos atrasados do 2013 (2º, 3º e 4º) trimestres se pasen a cobro a partir do 1 de xuño do 2015, é dicir, actua cunha grave irresponsabilidade ao desembarazarse dun problema político causado polos gobernos municipais do seu partido que foron acumulando retrasos na información que lle pasaban ao ORAL para o cobro dos correspondentes recibos, e coa clara intención de pasarlle a pataca quente ao novo goberno.

Nese mesmo oficio do mes de marzo o ex-alcalde decide que ao non haber leitura de todo o concello para o cuarto trimestre do 2013 que se facture a todos os usuarios (os que teñen leitura e os que non) coa estimación que establece o Regulamento do canon da auga que establece uns mínimos moi elevados para o caso de que non haxa leitura resultando en cotas abusivas do cuarto trimestre do 2013, o que sumado aos dous trimestres anteriores (2º e 3º), que si teñen leituras, resulta en importes acumulados moi elevados.

Ao actual alcalde debeselle reprochar que debería ter paralisado a emisión do recibo do 4º trimestre para buscar unha solución e para lograr fragmentar os pagamentos. Voltamos a insistir, o feito de que os problemas sexan herdados non exime ao herdeiro da responsabilidade de tratar de resolver eses problemas ou cando menos de minimizar o seu impacto sobre os cidadáns. O que propón agora o alcalde de negociar co ORAL de atrasar os pagamentos ten complicado encaixe xa que dificilmente o ORAL podería estar disposto a facer isto sen querer cobrar xuros.

Estamos ante o enésimo caso dunha neglixencia da administración pública que pagan os cidadáns, na relación coa administración non paga o culpable, paga sempre o cidadán, os mínimos que establece o canon da auga autonómico para os casos nos que non hai leitura supoñen un tremendo abuso, estamos ante un roubo, un roubo legal, como tantos outros. Unha agresión máis do PP aos contribuintes.

C21 xa defendeu no anterior mandato a condonación dos recibos atrasados da auga pero o interventor advertiu que non había cobertura legal para facelo, o Estado sempre crea coberturas legais para cobrar máis e proibe o resto de posibilidades.

As nosas demandas ao actual goberno municipal son:

-Abrir expediente disciplinario ao empregado ou empregados públicos responsables da falta de medicións dos contadores da auga do cuarto trimestre do 2013. C21 cre que hai que lanzar unha mensaxe clara: os contribuintes merecen respeito e os empregados públicos, como os da empresa privada, teñen que cumprir, neglixencias desta gravedade que xeran un forte prexuizo económico aos cidadáns non poden ficar impunes.

-Explorar todos os resquicios políticos que permitan unha cobranza máis xusta do recibo do 4º trimestre do 2013. O alcalde pode e debe falar coa Xunta para solicitar unha excepción na aplicación do canon da auga, xa que é unha neglixencia da administración a que impide ter as leituras necesarias.

-Asesorar aos cidadáns con información presencial e en internet en como orientar as reclamacións para ter máis opcións de rebaixar o importe dos recibos, desde C21 coidamos que o concello debe facilitar as leituras que ten, debería ter todas e non as ten, dai o problema, pero iso non xustifica que non se poidan usar as leituras en poder do concello en ningún caso. Tamén hai que aconsellar aos afectados que comparen a última leitura disponible (para todos os casos) do concello, que é a do 3º trimestre de 2013 coa primeira do consorcio, que corresponde ao primeiro trimestre do 2014, de tal maneira que nalgúns casos se podería demostrar que o facturado non corresponde ao consumo real.

Executiva local de Tui de C21

Postura C21 recibos auga 2013

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.