Lume nos montes galegos

Reproducimos un artigo publicado neste foro no ano 2013. Como non se fixo nada e todo segue igual, segue a estar, por desgraza,  vixente:

“En Converxencia 21 queremos amosar o noso profundo repudio polos incendios forestais que asoballan Galicia cada verán.

É inconcebible comprobar como, ano tras ano, temos que asistir á destrución progresivadun dos mellores activos que ten a día de hoxe o noso País e pola contra as entidades administrativas non fan máis que pór parches a este grave problema. Non existe unha política forestal seria que teña unha certa continuidade no tempo, co que ademais de non obter resultados, en moitos casos xéranse novas inquedanzas.

O monte galego precisa dunha serie de actuacións que vaian encamiñadas a conferir un valor real e tanxible do monte (grande parte da nosa superficie forestal está sen aproveitar) para facilitar o investimento dos propietarios e incluso de terceiros axentes.

Dende Converxencia 21 solicitamos unha ordenación paulatina pero continuada de todo o monte atendendo á súa potencialidade e sustentado en piares tan básicos como a rendibilidade económica, o aproveitamento social e por suposto a conservación ecolóxica.

O asociacionismo entre propietarios é sen dubida unha ferramenta privada que pode dar moi bos resultados, pero por desgraza para que esta poida ser relevante son precisos uns tamaños e unhas disposicións de fincas moi diferentes ós actuais, co que
voltamos ó dito no parágrafo anterior.

Só cando o monte teña un valor considerable e acade a consideración que ten noutros países, tanto dende os organismos administrativos como dende a sociedade en xeral, deixaremos de asistir a este espectáculo anual que tan mal nos representa a todos os galegos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *