A reforma do Tribunal Constitucional: Un camiño perigoso.

Perante o intento do PP de modificar a Ley Orgánica do Tribunal Constitucional para incluír na mesma unha serie de normas destinadas a posibilitar a inhabilitación e a imposición de multas a quen incumpra as resolucións de dito tribunal, dende Converxencia 21 queremos deixar claros unha serie de puntos:

1. O Tribunal Constitucional non é un tribunal de xustiza, xa que logo, é un órgano constitucional que non forma parte do poder xudicial.

2. O poder xudicial é o único lexitimado para ter capacidade executiva en calquera democracia.

3. O artigo 161 da Constitución Española di:

“1. O Tribunal Constitucional ten xurisdición en todo o territorio español e é competente para coñecer:

a) Do recurso de inconstitucionalidade contra leis e disposicións normativas con forza de lei. A declaración de inconstitucionalidade dunha norma xurídica con categoría de lei, interpretada pola xurisprudencia, afectará a esta, se ben a sentenza ou sentenzas recaídas non perderán o valor de cousa xulgada.

b) Do recurso de amparo por violación dos dereitos e liberdades referidos no artigo 53.2 desta Constitución, nos casos e formas que a lei estableza.

c) Dos conflitos de competencia entre o Estado e as comunidades autónomas ou dos destas entre si.

d) Das demais materias que lle atribúan a Constitución ou as leis orgánicas.

2. O Goberno poderá impugnar perante o Tribunal Constitucional as disposicións e resolucións adoptadas polos órganos das comunidades autónomas. A impugnación producirá a suspensión da disposición ou da resolución contra a que se recorreu, mais o Tribunal, se corresponde, deberá ratificala ou levantala nun prazo non superior a cinco meses”.

E o artigo 165 di:

“Unha lei orgánica regulará o funcionamento do Tribunal Constitucional, o estatuto dos seus membros, o procedemento perante el e as condicións para o exercicio das accións”.

En ningún caso se fala de que entre as competencias do dito Tribunal estea a execución de sentenzas, polo que entendemos que a reforma é inconstitucional ou polo menos incumpre o espírito mesmo para o que foi creado á vista do texto anteriormente reflectido.

4. Entendemos e condenamos que o PP está a intentar converter un órgano constitucional nun tribunal político, para empregalo de xeito discrecional e sen os controis democráticos que, a separación de poderes, consagra en todo estado de dereito.

5. A Sra. Vicepresidenta do goberno dixo: “no hay que tener miedo a las reformas” (sic). Converxencia 21 é un partido liberal e reformista que sempre leva nos seus programas electorais unha ampla lista de reformas e polo tanto non lle temos medo ás mesmas, pola contra, alentámolas; pero entendemos que a Constitución e os órganos que da mesma emanan, representan polo seu valor normativo as regras do xogo democrático actuais e non poden ser mudadas ao capricho do goberno que toque e menos sen un amplo consenso e ao abeiro de intereses que nada teñen que ver cunha reforma seria e en beneficio do sistema. Consideramos pois que facer isto é un ataque ao estado de dereito, marcando un precedente que consideramos moi perigoso tendo en conta a natureza e o funcionamento do Tribunal segundo o Título IX do texto constitucional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.