Eleccións en Catalunya

Perante as eleccións desenvolvidas onte en Catalunya, dende Converxencia 21 queremos facer unha serie de avaliacións:

  1. As eleccións expresáronse cun carácter plebiscitario. Perante este feito, e á vista dos resultados, non atopamos indicios claros que nos indiquen se o pobo catalán está a prol ou en contra da independencia.

  2. Os partidos políticos que se postulaban ás claras a prol da independencia acadan 1.956.989 votos e un 47,75% dos sufraxios emitidos. Xa que logo, case que a metade dos cataláns amosan unha preferencia clara a prol da independencia. Non chegan ao 50%, é certo, mais cómpre ter en conta que a postura dos catro partidos restantes que acadan representación parlamentar non era a dun bloque unido contrario á independencia.

  3. En C21 entendemos que, perante a forza acadada polos partidos proindependencia, os cidadáns cataláns gañaron o dereito a ter un referendo no que se aclare definitivamente a cuestión.

  4. Tal referendo debe ter unha pregunta e unhas regras do xogo claras e negociadas de antemán.

En Converxencia 21 entendemos que o diálogo é o único camiño posíbel para dar satisfacción ás lexítimas arelas que os cidadáns cataláns veñen de expresar nas furnas. As posicións maximalistas, as ameazas, os insultos e demais prácticas pouco construtivas que levamos visto ao longo destes anos, non conducen a ningures e, dende logo, non levan a unha solución. A solución é a liberdade; deixar a liberdade de elección aos cidadáns cataláns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *