Angrois: o triunfo da irresponsabilidade

A TRAXEDIA DE ANGROIS CONTINÚA…

Perante o remate da instrución do caso do accidente do Alvia en Angrois, o Sr Feijoo vén de afirmar que o feito de que o único imputado do caso sexa o maquinista do tren, reflicte o “sentir maioritario dos cidadáns”.

En Converxencia 21 non se amosa semellante prepotencia coma a demostrada polo presidente de Galicia; non somos quen de pulsar o sentir maioritario dos cidadáns do mesmo xeito que o faría un adiviño mirando para unha bola de cristal por ciencia infusa, ao mellor estilo dos programas nocturnos que se adoitan facer actualmente para encher as horas de emisión de diversas canles televisivas.

O que si somos é uns grandes defensores da RESPONSABILIDADE e sabemos que a vida é un exercicio de toma de decisións con consecuencias, unhas boas e outras malas. É de sobra coñecido o feito de que ninguén é perfecto, e como non pode ser doutro xeito en C21 temos moitos defectos, mais non o defecto da perfección do que fan gala os políticos do statu quo, que sen rubor algún se presentan como excelente xestores que nunca cometen erro ningún, non responsabilizándose, consecuentemente, nunca de nada.

Quen toma a decisión de construír unha liña de ferrocarril sen engadirlle os máis avanzados sistemas de seguridade existentes? Tómase esta decisión polas présas de inaugurar a liña antes dunhas eleccións? Por que os novos responsábeis que xorden após tales eleccións non toman medidas ao respecto? Quen toma todas estas decisións? Preguntas para as que non se atopa resposta neste auto xudicial e que nun país democrático, nun estado de dereito, deberan ter cumprida explicación.

Significa o anterior que consideremos que o único imputado, o maquinista, non sexa responsábel do accidente? Por suposto que non. O maquinista é responsábel e a súa imputación axeitada, mais entendemos que as responsabilidades do accidente van alén. En C21 resistímonos, a pesares de todo, a crer que vivimos nun país no que quen toma decisións non ten ningunha clase de responsabilidade, nun país rexido por irresponsábeis que son quen de pór a vida dos cidadáns en perigo na procura de réditos electorais.

Finalmente, dende C21 queremos expresar o noso apoio ás vítimas e aos seus achegados. Comprendemos a inquedanza que están a sentir perante o fallo xudicial que se vén de coñecer que se agranda polas declaracións que están a realizar políticos que non amosan ningunha clase de empatía pois consideran que o fallo xudicial é un éxito para os seus intereses particulares. As declaracións do presidente Feijóo son un lamentable exemplo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *