A8: A autovía pantasma

A autovía A8, tamén chamada autovía do Cantábrico, volveu pechar esta fin de semana no tramo do Fiouco por mor da néboa. Isto xa non é noticia; dende xullo do 2014, data na que se produciu un terríbel accidente na mesma, os cortes son continuos e o raro é que o tramo entre Mondoñedo e Lindín estea aberto.

Este vieiro de alta capacidade é de vital importancia para Galicia. Supón un acceso directo a Europa que racha co deseño radial das estradas en España, herdado dunha ideoloxía centralista e autárquica moi prexudicial para os intereses de Galicia maiormente os económicos. Esta concepción autárquica entronca directamente coas apelacións constantes a unha suposta “soberanía” que están a exhibir actualmente os grupos de esquerda, o que os converte nos herdeiros da peor tradición franquista. As ideoloxías resesas nunca deixarán de sorprendernos.

Xa que logo, e tendo en conta a importancia desta autovía, resulta desalentador que após unha inversión multimillonaria, este vieiro non poida ser usado por mor dun factor natural, a néboa, que xa se sabía de antemán que existía. Ou é que durante a chea de anos que durou a construción do tramo Mondoñedo-Lindín non houbo nunca néboa no lugar? Quen toma a decisión de levar a autovía por aí? Van os responsábeis asumir algunha responsabilidade? Preguntas que moito nos tememos que vaian quedar sen resposta pois no país da irresponsabilidade, lavar as mans é o deporte por antonomasia.

É certo que dende o Ministerio de Fomento se vén de licitar un concurso de ideas para tentar arranxar o problema. Dende C21 apoiamos esta iniciativa visto o visto. A fin de contas a obra está feita e cómpre adoptar decisións para facela plenamente operativa. Mais non abonda. A solución ao problema vai custar moitos cartos que van saír dos petos duns cidadáns moi castigados pola crise económica e polo afán recadatorio que exhibiu o Estado durante a mesma. O sistema é perverso: os responsábeis políticos cometen erros (todos os cometemos, por suposto), os cidadáns pagan as consecuencias e ninguén asume as súas responsabilidades.

Cómpre mudar as cousas dunha vez por todas. Dende C21 esiximos que se depuren as debidas responsabilidades por mor dunha obra mal feita que está a provocar graves problemas a cotío. Así mesmo apelamos os cidadáns a que tomen boa nota, na súa man está a ferramenta máis efectiva para non ter que asumir a carga duns políticos que derivan cara a eles a súa irresponsabilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *