A voltas cos cupos Vasco e Navarro

Estamos ás portas dunhas eleccións e, loxicamente, os distintos grupos políticos andan a facer promesas a respecto do que eles farían no caso de gañar as eleccións, o cal forma parte do normal funcionamento do sistema.

Unha proposta que nos sorprende é a que fai un grupo político da chamada “nova política”, Cidadáns. Este grupo, propón a supresión dos sistemas forais Vasco e Navarro e a incorporación destes territorios ao réxime común de financiamento autonómico. É dicir, propoñen mudar o que funciona polo que ten demostrado amplamente que non funciona.

Entre os moitos defectos que ten o sistema autonómico, o modelo de financiamento é sen dúbida o exemplo paradoxal e sendo como é o cerne do sistema, amosa ás claras por que este sistema pseudofederal non funciona nin funcionará mentres non se acometan fondas reformas do mesmo.

Vendo isto en primeira persoa supoñamos que vostede traballa duro, o lóxico é que obteña uns ingresos do mesmo, pero agora supoñamos que vostede non traballa e recibe cartos, por exemplo, dun parente. En cal dos dous supostos é vostede máis responsábel á hora de gastar eses cartos? Cando os gaña co seu esforzo ou cando lle veñen regalados? Estamos seguros de que a resposta é a primeira. Pois o mesmo acontece cando se fala de administracións públicas. O único xeito de que unha administración sexa responsábel á hora de gastar os cartos de que dispón (cartos dos cidadáns, por certo) é que ao mesmo tempo sexa responsábel de recadar eses cartos; se esta ecuación se racha xorde a irresponsabilidade.

Galicia e España están cheas de obras inútiles feitas ao abeiro e por mor dun sistema de financiamento autonómico que fomenta a irresponsabilidade: aeroportos sen avións, cidades das artes que caen a cachos sen uso, cidades da cultura sen contido ningún e un longuísimo etcétera. Todas estas obras non se terían feito se os gobernantes tiveran que enfrontarse aos cidadáns e subirlles os impostos para poder sufragar os gastos dunhas obras cuxa única razón de ser era a megalomanía.

Por isto, dende C21 consideramos que a solución non é asimilar os sistemas forais vasco e navarro ao réxime xeral. A solución é xeneralizar estes sistemas ao conxunto dos territorios. Isto fomentaría, como vimos de ver, a responsabilidade e, ao mesmo tempo, fornecería os cidadáns dunha ferramenta moi efectiva á hora de defenderse de posíbeis incrementos impositivos por parte dos gobernantes; o que se adoita chamar “votar cos pés”: se o goberno do territorio no que vive quere subir os impostos, o cidadán pode decidir trasladar a súa residencia a un territorio veciño con mellores condicións. Noutras verbas, fomentaríase a competencia tributaria entre territorios cuns beneficiarios moi claros, os cidadáns.

Baixo a etiqueta “nova política” estanse a agochar ideas moi vellas (e nalgúns casos moi perigosas por certo), Cidadáns non deixa de ser un representante do resucitado espírito xacobino centralista do século XIX. Mais estamos no século XXI e as receitas decimonónicas non son as axeitadas para este novo mundo e estes novos tempos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.