Corrupción

Se por algo se ten caracterizado o período democrático en Galicia e España, é pola corrupción. Ten habido épocas nas que se fala máis do asunto e épocas nas que se fala menos, mais a percepción que os cidadáns teñen ao respecto é que a corrupción forma parte do sistema. De feito, a idea xeneralizada é que a comisión do 3% é o prezo estándar do corrupto.

Somos máis corruptos por natureza ou cultura ca outros pobos? En C21 non acreditamos en tal cousa. De feito, isto é o que queren que creamos as restantes forzas políticas, xa que non queren atacar as causas dunha corrupción da que, non nos enganemos, se benefician. No que acreditamos en C21 é en que os individuos se moven por incentivos, se un sistema fornece bos incentivos non haberá corrupción, mais se os incentivos son perversos a corrupción será o xeito normal de funcionamento do mesmo. Isto é o que está a acontecer no noso país, o sistema está cheo de incentivos perversos que ninguén, agás C21, quere mudar.

Segundo Robert Klitgaard a fórmula da corrupción é a seguinte:

C = M + D – T

Sendo:

C: Corrupción M: Monopolio D: Discrecionalidade T: Falta de transparencia

Imos ver como se aplica esta fórmula á nosa realidade, o que nos vai dar unha idea clara das causas últimas da actual situación:

Monopolio:

O conxunto das administracións que conforman o Estado fornecen os cidadáns dunha serie de servizos (Sanidade, educación, estradas, obras públicas en xeral, etc). Todos estes servizos son ofrecidos polo estado en réxime de monopolio, o cidadán non ten a capacidade de escoller entre distintos fornecedores na procura do que mellor satisfaga as súas necesidades porque o fornecedor é só un. Certo que estes servizos poden ser subministrados por empresas privadas, mais en todos os casos fano en réxime de concesión monopolista. Xa vemos aquí un incentivo perverso para a corrupción. Calquera persoa ou empresa devece por posuír un monopolio e está disposta a pagar para acadalo. Polo tanto, cómpre introducir a competencia no fornecemento destes servizos, facendo que o poder de decisión o teñan os cidadáns e non as administracións.

Discrecionalidade:

Un terzo do gasto total do conxunto das administracións faino a Seguridade Social, mais nesta área da administración apenas hai corrupción, por que? Porque non hai discrecionalidade na actuación. Os requisitos para que unha persoa cobre unha prestación da SS están marcados e son absolutamente ríxidos, de xeito que a marxe de manobra, de existir, é mínima. Onde se produce a corrupción é no resto das administracións, nos 2/3 restantes, onde as decisións de gasto dependen moito máis da discrecionalidade de políticos e funcionarios. Certo que unha mínima discrecionalidade é precisa, mais hai que ser conscientes dos seus perigos e intentar reducila ao mínimo imprescindíbel.

Falta de transparencia:

A falta de transparencia é proverbial. Os cidadáns non teñen xeito de saber o que están a facer os políticos que gobernan o país. Políticos que están a xestionar máis do 40% do PIB e cuxa obriga sería dar conta á cidadanía das súas actividades. En troques, o que se fai e crear “Portais de Transparencia” que non son máis ca medios propagandísticos onde se procura agochar toda a información que se pode.

No noso país, cúmprese plenamente a fórmula da corrupción descrita e lamentablemente está moi presente na vida dos cidadáns. É isto unha razón para xustificar a existencia da corrupción e os corruptos? Para C21, por suposto que non. O que se corrompe ten a máxima responsabilidade, mais o ser humano ten unha chea de virtudes e defectos, entre estes últimos está o de caer nas tentacións. Se o sistema está cheo de tentacións (incentivos perversos, seguindo o fío ao noso argumento), tarde ou cedo alguén caerá nelas. Isto é o que cómpre mudar, porque para acabar cun problema hai que atacar a súa orixe.

Xa que logo, cómpre mudar o sistema, mais o que estamos a ver nas restantes forzas políticas son parches e pura maquillaxe para que todo siga igual no fondo. Nin queren rematar co monopolio á hora de fornecer servizos públicos da administración e os seus concesionarios; nin queren rematar coa discrecionalidade no gasto (algo que, por suposto, iría na contra dos seus intereses); e tampouco queren falar de transparencia a non ser para convertela nunha verba baleira de contido. Quen se beneficia dun sistema nunca o vai mudar. Os únicos que falamos destes temas e queremos mudar as cousas, somos Converxencia 21 e nesta web están as nosas teses e ideas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.