Escándalo na deputación de Ourense

Recentemente vén de estoupar un novo escándalo na Deputación de Ourense. Unha muller presentou unha denuncia na que acusa o presidente da mesma de ofrecerlle, supostamente, un posto de traballo en troques de favores sexuais.

En C21 non quixemos pronunciarnos ao respecto até o de agora, xa que non somos xuíces implacábeis que fagan caso omiso da presunción de inocencia, nin tampouco somos uns gardiáns da moral interesados no que fan ou desfán os demais en catre propio ou alleo. Pero agora, tendo en conta a sucesión de informacións que se están a producir ao respecto, queremos facer unha serie de consideracións.

O caso en cuestión está en mans da xustiza e será ela quen decida se o asunto ten percorrido penal ou non. Temos que ter en conta que as democracias son sistemas moi garantistas; neste eido, as gravacións que saíron publicadas nos medios de comunicación é moi posíbel que non poidan ser usadas como probas perante un tribunal. As garantías democráticas protéxennos a todos, pretender obvialas só conduce á ditadura, sendo a famosa Lei Mordaza un exemplo claro disto último.

Ora ben, no mundo da política unha cousa son as responsabilidades penais e outra as responsabilidades políticas. Os partidos do statu quo tenden a confundilas, mais estamos a falar de cousas moi distintas. As responsabilidades políticas teñen que ver coa decencia, a integridade, a dignidade das persoas e as institucións. Xa que logo, un caso pode non ter percorrido penal, mais si ser merecente de asunción da correspondente responsabilidade política. Isto último é o que nós pensamos no caso que nos ocupa.

Nas gravacións que se veñen de coñecer, o que se desprende é que supostamente a Deputación de Ourense viña sendo usada a xeito de oficina de colocación de amiguetes usando cartos públicos, os cartos de todos, en beneficio dos intereses particulares do partido gobernante en troques de facelo en beneficio dos cidadáns. Isto é gravísimo. Isto é o que tiña que preocupar as restantes forzas políticas que seica están moito máis preocupadas por outras consideracións do caso. Consideracións aparentemente moi miserables mais que teñen que ser dilucidadas nos tribunais como afirmamos máis arriba. Usar unha institución en beneficio propio coma se fora unha eira particular, ten que ter consecuencias, o Sr Baltar ten que conxugar ese verbo tan pouco usado na política do país: dimitir.

Mención aparte merece a actuación do Presidente da Xunta neste tema. Nun primeiro intre, saíu en defensa do Sr Baltar alegando que “como a denunciante non acadara finalmente o posto de traballo desexado, non había caso”. A estupefacción que sentimos non pode ser meirande. Como pode dicir tal o Sr Feijóo? Está a admitir, implicitamente, que o caso é absolutamente real? Ten o Sr Feijóo información do caso que non quere partillar cos cidadáns? Interrogantes dos que non temos resposta e é moi dubidoso que a teñamos por parte do presidente tendo en conta o acontecido esta semana no Parlamento na sesión de control do goberno, onde se viu claramente que a actitude do Sr Feijóo é sempre a mesma perante casos polémicos: vostede pregunte o que queira que eu responderei o que me pete. Cando as afinidades de clan (de partido neste caso) pesan máis ca responsabilidade, as institucións resíntense. Logo quéixanse da desafección dos cidadáns cando son eles os que a provocan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.