Relatorio Estratéxico. IV Congreso C21

IV CONGRESO DE CONVERXENCIA 21

RELATORIO ESTRATÉXICO

 

Introdución

Converxencia 21 segue a ser unha forza necesaria no panorama da política galega actual. Unha forza que, sen hipotecas de ningún tipo, sexa quen de artellar unha axenda reformista para que a nosa economía medre en todo o seu potencial.

O camiño non vai ser doado, pero coa vista posta no futuro, presentamos estas liñas de actuación:

As vindeiras eleccións ás que nos enfrontaremos serán as eleccións galegas.

Da experiencia que nos dan os anos e as distintas eleccións ás que nos temos presentado tiramos a conclusión de que só traballar de xeito sostido moito antes de que comece a campaña electoral, nos pode levar ao éxito. As campañas electorais serven para consolidar votos pero non para gañalos. Neste eido, o exemplo de Tui é paradoxal. O bo traballo dos nosos compañeiros tudenses leváronos a duplicar a súa representación no concello. O bo traballo de catro anos.

Cómpre comezar a traballar dende xa para artellar candidaturas que poidan presentarse con opcións e formular un plan de traballo para apoialas.

Seguimos a considerar que a organización territorial do estado necesita dunha profunda revisión. En particular no seu ámbito local. Neste pais instaurouse unha estrutura descentralizada do Estado –o Estado Autonómico- ser ter previamente desmantelado a estrutura centralizada do propio Estado. Esta xustaposición de estruturas administrativas redundantes é fonte de múltiples ineficiencias. Ademais, a división municipal, tanto galega como española, é completamente arcaica con multitude de concellos de reducidísima dimensión incapaces de financiarse e de fornecer os cidadáns dos servizos públicos imprescindíbeis nunha sociedade do século XXI. Por iso, en Converxencia 21 acreditamos en que é imprescindíbel unha profunda reestruturación da administración local que a capacite para realizar eficientemente as súas tarefas.

O grande obxectivo que temos por diante é medrar en afiliación. Somos un partido que se financia exclusivamente coas contribucións dos afiliados, o que nos obriga a sermos moi activos neste eido. E non só se trata dun tema de financiamento. O único xeito de espallar o noso proxecto consiste en termos uns afiliados activos que se convertan en axentes difusores de Converxencia 21.

A isto é ao que imos dedicar os nosos maiores esforzos nos vindeiros anos. Mais, aínda que isto é un labor que ten que guiar os pasos da Executiva, ten que ser tamén algo que cada un dos afiliados de Converxencia 21 sinta como prioritario.

Incrementar a base de afiliados permitiranos, así mesmo, que se poidan constituír agrupacións locais no eido do expresado no relatorio estratéxico do II Congreso, único xeito de podermos configurar candidaturas con garantías nas próximas eleccións municipais.

As dificultades que temos á hora de que a nosa mensaxe chegue aos medios de comunicación tradicionais non é ningún segredo. Porén, temos feito grandes avances neste eido nos últimos anos, froito dun grande esforzo.

Para nós, segue a ser básico o activismo nas redes sociais. Así naceu o partido e así foi medrando, constituíndo unha peza clave no espallamento do noso ideario. Cómpre que sexamos moito máis activos e incidamos moito máis no aproveitamento eficiente destes medios. Destinaranse os recursos económicos necesarios para mellorar este aspecto.

Somos un partido liberal, somos os liberais galegos. É a nosa marca e o que nos distingue doutras ofertas existentes no mercado político galego. Sen esquecermos este feito, temos que aprender a modular a nosa mensaxe coa intención de achegalo á cidadanía.

O noso ideario liberal está intrinsecamente unido á debida solidariedade que debemos ter para aqueles que, moitas veces pola acción do azar, se ven excluídos do sistema. Isto entronca con moitos dos relatorios que se presentaron na conferencia política celebrada no primeiro semestre do 2012. Estes relatorios están á disposición de todo o mundo na nosa páxina web e deben constituír o alicerce básico a nivel ideolóxico da acción do partido nos vindeiros anos.

A transparencia sempre constituíu un dos sinais de identidade de Converxencia 21. En cumprimento do Artigo 29 dos estatutos, informamos da situación económica-financeira do partido. Este foi un compromiso adquirido no II Congreso e que estamos a cumprir de xeito escrupuloso e imos seguir a facer.

A dirección do partido está aberta en todo momento ás demandas e preguntas da afiliación. Segue aberto o enderezo electrónico caixadecorreo@converxencia.eu para poder manter un diálogo fluído entre a executiva e calquera afiliado. Seguirase afondando nas relacións internas do partido, na procura dunha maior cohesión.

Como forza galega, europeísta e centrista liberal demócrata, traballaremos por obter liñas de comunicación privilexiadas coas forzas políticas afíns de fóra de Galicia. Fomentaremos de xeito prioritario as relacións cos grupos integrados dentro da familia do ALDE, a formación europea dos liberais, demócratas e reformistas. O ALDE é a terceira forza no parlamento europeo e a medio prazo Converxencia 21 solicitará formalmente a súa membresía. Tamén traballaremos para poder integrarnos na Internacional Liberal.

En España existen partidos que xa forman parte desta familia ou que se sitúan próximos a ela, polo que tamén colaboraremos con elos. Ademais, na nosa vontade de defensa dos dereitos e liberdades, sempre procuraremos manter canles de comunicación axeitadas con outras formacións coas que compartamos obxectivos e programas.

Ámbito local

1. Profunda reforma da administración local

Neste pais instaurouse unha estrutura descentralizada do Estado –o Estado Autonómico- ser ter previamente desmantelado a estrutura centralizada do propio Estado. Esta xustaposición de estruturas administrativas redundantes é fonte de múltiples ineficiencias. Ademais, a división municipal, tanto galega como española, é completamente arcaica con multitude de concello de ínfima dimensión incapaces de financiarse e de fornecer aos cidadáns dos servizos públicos imprescindíbeis nunha sociedade do século XXI.

Por iso, en Converxencia 21 acreditamos en que é imprescindíbel unha profunda reestruturación da administración local que a capacite para realizar eficientemente as súas tarefas.

Por iso propomos:

Unha profunda reforma da administración local:

    1. Finiquitar a estrutura provincial do Estado.

    2. Eliminar as Deputacións Provinciais

    3. Suprimir as Delegacións provinciais tanto do Goberno Central como autonómicas.

    4. Reducir o número de concellos galegos dos 312 actuais a un número arredor da cincuentena tomando como base a división comarcal.

    5. Dotar de capacidade de auto-financiamento os concellos para que sexan responsábeis tanto dos seus gastos como dos seus ingresos.

2. A executiva tomará en consideración a posibilidade de acordos e alianzas electorais para as próximas eleccións con forzas galeguistas e centristas que se encontren próximas no espectro político á nosa organización. A executiva non renuncia a que estes acordos e alianzas se consoliden e supoñan un primeiro chanzo na ansiada unidade sempre e cando os potenciais socios dean mostras de fiabilidade e lealdade.

Crise económica e institucional

É esta unha época crítica de crise económica e institucional, indisolubelmente unidas. Como consecuencia, a nosa prosperidade está ameazada. Necesitamos de profundas e valentes reformas económicas e políticas, alleas a espurios intereses. Reformas que ademais nunca esquezan os mais desfavorecidos e mais castigados pola actual crise económica. Arredor destas reformas debe estar estruturado o discurso estratéxico de Converxencia 21.

O noso discurso debe ser un centrado no reformismo liberal, construtivo e integrador. Un discurso que manifeste un profundo compromiso coa nosa terra transpirando a inquedanza por resolver os problemas que nos atenazan partindo da análise sincera e realista. Sen demagoxias.

As reformas imprescindíbeis para saír da profunda crise económica na que nos encontramos deben estar pensadas para favorecer o esforzo e a frugalidade das persoas, alicerces sempre da prosperidade dunha sociedade e características indisolúbeis da galeguidade. Por iso é indispensábel:

  1. Unha reforma fiscal que nos libere dun sistema fiscal coas taxas impositivas mais elevadas de Europa. A elevada imposición que soportan as familias e empresas están a hipotecar o crecemento económico. O actual goberno do Partido Popular insistiu, incumprindo todas as súas promesas, en aumentar salvaxemente as cargas tributarias dos cidadáns. Esta é unha política errónea que en vez de facilitar a saída da crise está a agudizala. Por outro lado, o noso sistema fiscal está ateigado de desgravacións e deducións que favorece os privilexiados e incitan á fraude, o cal o converte en intrinsecamente inxusto. En Converxencia 21 acreditamos en que existe outro camiño: a redución e simplificación de impostos.

  2. Abandonar as políticas que penalizan o emprendemento. Para saír da crise necesitamos que o inmenso sector inmobiliario sexa maiormente substituído por novas actividades. Estas han vir da man dos emprendedores, da man de miles de novas e pequenas empresas que explorarán alternativas e territorios ignotos. Para que estas iniciativas teñan bo suceso é chave non impor trabas no seu camiño. Por iso Converxencia 21 debe sempre manifestar o seu pleno compromiso cos emprendedores porque eles serán os que, co seu esforzo, iniciativa e coraxe, situarán a economía galega na senda da recuperación económica e a prosperidade. Por iso acreditamos que é necesaria unha profunda mudanza da actitude das administracións públicas a respecto de todos aqueles que queren arriscar emprendendo un novo negocio. Unha mudanza orientada a facilitar o emprendemento, abandonando a actual política de sometelo a caprichos burocráticos de toda índole. Por iso necesitamos de profundas e variadas reformas que eliminen as trabas regulatorias que frean o emprendemento.

  3. Emprender unha profunda reforma do mercado laboral para permitir a creación de emprego e así finiquitar a pantasma do desemprego que castiga a miles de familias no noso país, cebándose especialmente nos mais novos. O mercado de traballo español ten manifestado reiteradamente a súa incapacidade para crear emprego e a súa habilidade para xerar un elevado stock de desempregado en canto a situación económica empeora. A súa rixidez é proverbial, sen igual nos países mais prósperos da nosa contorna. As regras imperantes están condenando a unha ampla fracción da poboación a padecer a precariedade e o desemprego. En Converxencia 21 acreditamos que é posíbel outro marco de relacións laborais que permita que o traballo deixe de ser un ben endemicamente escaso no noso país.

  4. Unha reforma educativa que converta as nosas institucións educativas en axentes que fornezan da educación axeitada ás persoas para confrontar con suceso os retos dunha economía globalizada e en constante mudanza tecnolóxica. O sistema educativo do noso país funciona mal. As comparativas internacionais, nomeadamente o Informe PISA, revelan a deficiente formación dos nosos estudantes de primaria e secundaria, con resultados á cola dos países desenvolvidos. O desencanto cun sistema educativo anquilosado provoca unhas alarmantes cifras de fracaso escolar. A nosa universidade non realiza eficientemente as súas funcións, tanto de investigación como de docencia. Non existe ningunha universidade española no ránking das 200 mellores do mundo. A educación é un dos piares da prosperidade. O pésimo funcionamento do noso sistema educativo está a lastrar a nosa produtividade, actual e futura.

  5. Unha reforma enerxética orientada a combater as causas do déficit tarifario eliminando as regulacións que asfixian o sector e introducindo maior concorrencia para que familias e empresas non teñan que sufrir as tarifas eléctricas mais caras da nosa contorna.

  6. Reforma das administracións públicas para mellorar a súa eficiencia pondo couto ao uso das mesmas e do erario público para satisfacer intereses particulares e espurios. Un dos principais problemas que confrontamos actualmente nas política públicas é o total e absoluto dispendio de recursos que realizan as nosas administracións públicas guiadas por cargos políticos que deben mais ás organizacións partidarias que aos méritos contraídos na eficiente administración dos recursos públicos. Unha proliferación de cargos políticos nos postos de responsabilidade na administración, sen parangón nos países da nosa contorna. Estes realizan a súa xestión pensando mais nos intereses electorais da súa organización partidista que nos intereses de todos os administrados. Usan ademais a administración para partillar suculentas rendas entre os grupos de presión en forma de subsidio e concesións públicas diversas.

  7. Reforma do marco regulatorio intervencionista (imposto por Europa en moitas ocasións e moi mal defendido dende Madrid) que impide que Galicia dea o gran salto á modernidade do século XXI no que respecta a xestión agrícola e forestal. Necesitamos un marco regulatorio que fomente a responsabilidade e iniciativa de todos os axentes implicados na procura da rendibilidade dos recursos agropecuarios e permita potenciar o valor ecolóxico do noso medio natural.

A democracia no noso país non goza de demasiada boa saúde debido tanto a un deficiente deseño das regras electorais, que priman os grandes partidos e prexudican aos pequenos e dilúen a responsabilidades dos representantes ante os representados, como a unha difusa separación de poderes. O sistema na práctica instaura un sistema partitocrático no que que a vontade dos cidadáns queda a expensas das decisións das oligarquías partidarias. Ademais, necesítanse mudar moitas regras e institucións para fomentar a responsabilidade dos representantes públicos. Só así estes terán os incentivos axeitados para levar adiante as políticas que favorezan a prosperidade e refusar de procurar o puro lucro persoal e dos achegados.

Desde Converxencia 21 avogamos por un sistema electoral limpo, equitativo e concorrencial no que todos os participantes acudan en igualdade de condicións e por unha profunda reforma das institucións co obxectivo de fomentar a responsabilidade dos representantes ante os representados e garantir a efectiva división de poderes.

As reformas para asentar o noso país na senda da prosperidade deben atacar a raizame do problema, por iso propugnamos unha profunda renovación das institucións públicas. Acreditamos necesario:

  1. Unha nova lei de partidos políticos que garanta a transparencia efectiva das súas finanzas e a democracia interna.

  2. Supresión de todas as subvencións aos partidos políticos que só favorecen o statu quo protexéndoos da sempre disciplinante concorrencia.

  3. Eliminación das porcentaxes mínimas requiridas para obter representación nas cámaras.

  4. Corrixir as distorsións na representación causadas pola existencia de xurisdicións electorais desequilibradas.

  5. Regulación estrita da publicidade institucional.

  6. Prohibición das subvencións gobernamentais aos medios de comunicación .

  7. Prohibición do mailing electoral.

  8. Instaurar un novo sistema de representatividade baseado nun sistema electoral mixto que combine a circunscrición única coa uninominal como xeito de fomentar a responsabilidade dos representantes ante os seus representados e non, como acontece actualmente, só ante a xerarquía partitocrática.

  9. Os partidos deberán contabilizar a identidade dos seus doadores así como o montante da doazón.

  10. Prohibir por lei a condonación das débedas dos partidos políticos.

  11. Prohibir por lei as doazóns anónimas, de empresas e de organismos públicos aos partidos políticos. As persoas físicas poderán facer doazóns anónimas até o importe de 1.000.-€.

  12. Estatus de independencia dos medios de comunicación públicos, antes de que se produza a súa preferíbel privatización.

  13. Reformar o código penal para aumentar as penas por aqueles delitos cometidos polos servidores públicos no exercicio das súas funcións.

  14. Reformar a Lei Electoral para excluír os procesados das listas.

  15. Impulsar a iniciativa lexislativa popular reducindo as esixencias para a súa presentación e exercicio.

  16. Regular o réxime de pensións dos deputados e altos cargos, equiparándoo ao máximo de calquera outro traballador.

  17. Ampliar o réxime de incompatibilidades dos cargos públicos.

  18. Os altos cargos –incluíndo familiares en primeiro grao- non poderán participar en concursos públicos nin recibir remuneracións adicionais ao seu soldo e as súas empresas non poderán recibir subvencións.

  19. Reformar o regulamento da Cámara para facilitar a creación de comisións de investigación.

  20. Instaurar unha lei anticorrupción que inhabilite de por vida o político e o empresario implicado en caso de suborno para poder concorrer a calquera concurso público.

  21. Reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir un poder xudicial independente.

  22. Impulsar a mellora da eficiencia na administración de xustiza.

  23. Eliminar os espazos electorais gratuítos ao que teñen dereito os partidos políticos nos medios de comunicación, cuxos criterios de reparto só benefician aos partidos do statu quo.

Para que as administracións públicas poidan realizar as súas funcións eficientemente é indispensábel redefinir o papel das mesmas limitando o seu tamaño e racionalizando o seu funcionamento, só así poderemos pór couto á corrupción e o dispendio e crear unha sociedade na que os méritos propios sexan a chave do éxito.

Un dos principais problemas que confrontamos actualmente nas política públicas é o total e absoluto dispendio de recursos que se produce, guiado por cargos políticos que deben mais ás organizacións partidarias que aos méritos contraídos na eficiente administración dos recursos públicos. A proliferación de cargos políticos nos postos de responsabilidade na administración, non ten parangón nos países da nosa contorna. Estes realizan a súa xestión pensando máis nos intereses electorais da súa organización partidista que nos intereses de todos os administrados. Usan ademais a administración para partillar suculentas rendas entre os grupos de presión en forma de subsidio e concesións públicas diversas.

En Converxencia 21 acreditamos que se queremos mellorar a eficiencia da administración pública temos que pór un límite ao uso da mesma e do erario público para satisfacer intereses particulares e espurios. A recuperación económica só será posíbel se o sector privado non se ve lastrado polo desequilibrio das contas públicas e se as administracións públicas realizan convenientemente o seu labor de alicerces da iniciativa privada. Por iso debemos:

  1. Reducir o número de cargos políticos nas administracións nun número arredor dos 500.000 para situarnos nunha cifra por habitante próxima a Alemaña e outros países do norte de Europa, levando a cabo as reformas institucionais precisas –especialmente da administración local- e co obxectivo de reducir o gasto público e poñer fin á corrupción que asola a nosa economía. Esta redución de cargos políticos permitiría reducir o gasto público nunha cifra superior ao 1% do PIB do conxunto do estado.

  2. Renunciar a socializar as perdas dos bancos e iniciar inmediatamente un proceso de liquidación controlada de todas as entidades financeiras insolventes garantindo os intereses dos depositantes. Os custos da salvataxe bancaria -maiormente de entidades da banca pública- que este goberno conservador –e previamente o goberno socialista- perpetraron aínda é incerto, mais podería superar o 10% do PIB do estado.

  3. Eliminar os subsidios a empresas e sectores económicos (enerxético, agropecuario, carbón,…) aos partidos políticos, aos chamados axentes sociais (patronal e sindicatos) e aos medios de comunicación. Os subsidios a diversos tipos de axentes –xerme de ineficiencias e corrupción- representan mais do 1% do PIB.

  4. Instaurar procedementos públicos, limpos e transparentes na adxudicación de contratos públicos para que sexan as empresas que fan eficientemente o seu traballo as que os reciban.

  5. Reducir nun 80% o número de empresas, entes e organismos públicos que frecuentemente proporcionan deficientes servizos aos cidadáns, acumulan perdas millonarias –incrementando o endebedamento público- e serven para colocar e premiar os amigos do poder.

  6. Elaborar unha Lei Autonómica de Estabilidade Orzamentaria que evite os déficits estruturais, fomente a transparencia nas contas públicas e impida os trucos contábeis.

  7. Reducir o gasto corrente das administracións públicas.

  8. Eliminar investimentos públicos innecesarios e con fins distintas ao servizo aos cidadáns.

  9. Privatizar os medios de comunicación públicos.

  10. Reforma educativa, sanitaria e das pensións que permita que os servizos sociais sexan solventes e sustentábeis a medio e longo prazo, incorporando decididamente a iniciativa privada no fornecemento dos mesmos e garantindo o acceso de todos.

  11. Nova política de infraestruturas adaptadas ás necesidades dos cidadáns e que eviten o dispendio baseándose en plans que determinen a súa rendibilidade social. En particular, apostaremos por un aeroporto central de Galicia e revisaremos profundamente a política de infraestruturas ferroviarias apostando mais polas conexión internas, mais próximas e necesarias para os cidadáns e que certamente sirvan de soporte ao noso desenvolvemento económico.

Por último a combinación da crise económica e institucional que estamos a padecer está a destapar todas as deficiencias do Estado Autonómico español. Existen múltiples duplicidades entre as diferentes administración, as administracións non posúen os incentivos correctos de gasto –o cal está dar lugar ao dispendio– e, ademais, as institucións propias da representatividade territorial adoecen dun deseño extremadamente deficiente.

Por todo isto, a nova executiva considera prioritario trasladar á sociedade galega que Converxencia 21 posúe unha estratexia clara e factíbel para solucionar este grave problema. Neste sentido a nova executiva considera indispensábel un redeseño profundo da organización territorial do Estado avanzando pola vía do federalismo e reformulando un novo consenso constitucional ao respecto. Por iso propomos:

a. Mudanza no financiamento autonómico instaurando o federalismo fiscal de xeito que cada administración sexa responsábel dos seus ingresos e gastos como único xeito de instaurar a corresponsabilidade fiscal e evitar así o dispendio.

b. Eliminar ministerios que se solapan coas competencias autonómicas e todo tipo de organismos públicos redundantes.

c. Reforma integral do Senado para convertelo nunha auténtica cámara de representación territorial.

d. Aceptación explícita do carácter plurinacional do Estado.

A crise económica está a supor unha moi grave ameaza así como uns custos maiores para os máis desfavorecidos. A executiva considera que neste contexto cómpre, máis que nunca, dar resposta á problemática dese sector da sociedade. Por iso o Estado do Benestar, co que esta executiva mostra un profundo compromiso, necesita dunha fonda revisión para realizar cumpridamente o seu labor e, mesmo, para ser sustentábel no tempo. Existen diversos desafíos que cuestionan a súa viabilidade. Se desexamos a súa supervivencia e queremos que non resulte excesivamente oneroso para os petos dos contribuíntes necesitamos unha profunda reorganización das súas estruturas deshipotecándoo de intereses corporativos e instaurando mecanismo que o sitúen ao servizo do interese social.

Organización

A nosa organización necesita consolidar a súa presenza na sociedade galega para poder ter a medio prazo perspectiva de bo suceso. Consideramos primordial o aumento da afiliación. Por iso:

  1. A executiva entrante elaborará e implementará un plan de expansión orientado a aumentar o número de afiliados e a implantación territorial da nosa organización.

  2. Levaranse a cabo estratexias para conseguir que a afiliación participe máis da toma de decisións, pero especialmente e sobre todo, que se involucre máis no traballo organizativo da formación, na captación de novos afiliados e na interlocución cos axentes sociais.

  3. A executiva entrante, tal como xa facía a executiva saínte, distribuirá as competencias da executiva, cunha lista clara de tarefas para que sexa posible maximizar a eficacia, e para que cada persoa que forma parte dela poida ser un referente para a afiliación. Así, ademais das tarefas organizativas proporase unha lista de campos e áreas políticas das que serán responsables da súa coordinación os distintos membros da executiva.

Comunicación

Para conseguir o éxito e asentarnos como a forza política central deste país necesitamos tanto elaborar un discurso claro e atractivo para amplos sectores da nosa sociedade como facer partícipe do mesmo a toda a cidadanía.

  1. Para realizar con éxito este labor necesitamos en primeiro lugar recursos económicos. Por iso, elaborarase unha estratexia de captación de recursos económicos contactando os axentes sociais susceptíbeis de compartir o nos proxecto e procurando apoios externos.

  2. Deseñarase un plan para facer partícipe a toda a sociedade das propostas e do proxecto político de Converxencia 21 tentando identificar e incidir nos axentes sociais que se consideren máis receptivos á nosa mensaxe.

  3. A executiva deseñará un plan para aproveitar as sinerxías existentes entre a nosa organización e outras patas do movemento galeguista liberal.

  4. Impulsarase a creación dunha rede galega de ateneos liberais e galeguistas nas cidades e principais vilas do noso país.

  5. Elaborarase un plan para reforzar a presenza nas redes sociais.

  6. Implementarase unha estratexia para que a estrutura local do partido participe activamente na propagación das propostas da nosa organización.

Relacións externas

Como forza galega, europeísta e centrista liberal demócrata, traballaremos por obter liñas de comunicación privilexiadas coas forzas políticas afíns de fóra de Galicia. Así:

  1. Fomentaremos de xeito prioritario as relación cos grupos integrados dentro da familia do ALDE, a formación europea dos liberais, demócratas e reformistas. O ALDE é a terceira forza no parlamento europeo e a medio prazo Converxencia 21 solicitará formalmente a súa membresía.

  2. Tamén traballaremos para poder integrarnos na Internacional Liberal.

  3. Continuaremos os contactos con fundacións liberais europeas para contar co seu apoio.

  4. Continuaremos os contactos con forzas afíns do resto do Estado.

  5. Manteremos os contactos cos nosos homólogos de Portugal.

  6. Exploraremos as posibilidades de posíbeis estratexias de colaboración electoral con forzas políticas similares para as próximas eleccións europeas.

Conclusións

Converxencia 21 naceu coa vocación de ser unha forza integradora e aberta, alén de ser unha ferramenta útil ao servizo da cidadanía. A nosa vontade segue a ser a de liderar o centro galeguista. Son moitas as iniciativas que temos tomado neste eido nos últimos anos e, tamén, moitos os atrancos que nos temos atopado. Mais, este é o noso espírito e non o podemos esquecer.

Temos que seguir a dar unha imaxe de seriedade, de coherencia, garantía de que Converxencia é o lugar central da política galega e nun esperanzador futuro alicerce da prosperidade da nosa terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.