Grupo parlamentar galego

Nas pasadas eleccións españolas deuse en Galicia unha confluencia astral nunca vista ata entón. O nacionalismo de esquerdas aliábase coa esquerda radical española nun intento de unir forzas para chegar a tomar o ceo por asalto.

O nacionalismo de esquerdas vendeu esta fusión coma o vieiro máis rápido para acadar unha vella arela: o grupo parlamentar galego no Congreso dos Deputados. Todo se xustificaba en función deste fin que ía solucionar os problemas de todos os galegos (e galegas, por suposto) para os séculos dos séculos.

Chegou o día das eleccións e moitos nacionalistas de boa fe optaron, lexitimamente, por esta estraña fusión. Os resultados foron moi satisfactorios, por primeira vez ía haber un grupo galego no Congreso para defender os intereses de Galicia, dicían todos os medios de comunicación. Mais… era realmente así?

Pasado o tempo e unha vez que se constituíu a cámara, a realidade foi un pouco distinta de como a contaran. A estraña fusión cumpre case que todos os requisitos, mais unha “liña vermella” posta pola esquerda radical española no intre da negociación seica vai impedir que se conforme o grupo parlamentar galego: a imposición de que seu nome tiña que ir obrigatoriamente nas papeletas electorais.

Todos cometemos erros, mais isto mais ca un erro semella algo feito á mantenta. É difícil crer que a esquerda radical española descoñecese o regulamento do Congreso ata o punto de non ver que a súa liña vermella ía imposibilitar a consecución daquilo que lle prometera ao nacionalismo de esquerdas. Estamos no de sempre, a esquerda española sempre semella moi comprensiva coas arelas nacionalistas ata que chega a hora da verdade e descúbrese que había letra pequena no asunto e ninguén a lera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *