O leite galego: marketing, deleite e oportunidades (perdidas?)

Dá moita magoa ver como un dos sectores produtivos históricos de Galicia vai esvaecendo.

Galicia chegou a producir o 70% da produción total de leite de España, e o gran problema foi ese mesmo, como nos pasa en moitos sectores, que pretendíamos competir por volume, por prezo…

E esa loita, na Europa Occidental do século XXI, é unha batalla perdida de antemán. Sempre vai a haber alguén que produza máis barato. Podemos pór todos os aranceis que queiramos, podemos recibir subvencións de Europa outros vinte anos máis, pero perderemos. Outros sectores produtivos de Galicia deberían tomar nota.

Xa non se entra a valorar se os políticos, coma sempre, xogaron a Deuses e enganaron dun xeito ou doutro, aos gandeiros de Galicia. Coa complicidade dos sindicatos que tampouco saben moi ben como funciona o mundo real.

O leite galego ten dous problemas graves:

  1. Producir é caro. Deixamos de ser agricultores e a alimentación animal está en mans das grandes multinacionais que poñen o prezo dos cereais cos que alimentamos ás bestas.
  1. Non xeramos valor para o cliente. Cando se compite en igualdade de condicións, oferta e demanda, o prezo é un dos motivadores de compra, pero non é o único. E se ese é o noso posicionamento do mercado, non hai fidelidade á marca de ningún tipo, polo que ao consumidor dálle igual comprar xan que pericán.

En definitiva, o gran problema do leite galego, e da economía galega en xeral, é que non sabemos vender. Falla o marketing. Non somos quen de crear valor (aínda que sexa un intanxible) para que o cliente nos compre por riba doutras alternativas. Danone leva anos vendéndonos o litro de leite a maior prezo, con marcas, con innovación, con comunicación…. Iso si que é crear riqueza nun país.

Pero non todo son malas noticias, nin moito menos. Non todos os empresarios do leite de Galicia aparecen no listado das peores marcas de leite para a OCU (organización que representa o parecer dos consumidores, guste ou non).

En Xanceda temos un claro exemplo do que se pode facer cunha produción láctea orientada cara ao cliente. Casa Grande de Xanceda foi quen de detectar unha nova necesidade do mercado polo que estaba disposto a pagar un pouco máis, e puxo no mercado leite, iogures e manteiga entre outros de produción ecolóxica. E esa diferenciación, o selo ecolóxico, fai que os consumidores esperemos ao día de reparto, esteamos concienciados de que o leite caduca en poucos días, e que os iogures valen o dobre que os de Danone… é xusto! É o que debería ser!

Non se está dicindo que agora todos os produtores lácteos copien ese modelo, ese posicionamento, porque copiándoo acabaremos outra vez competindo a prezo.

O que se quere dicir é que o xeito de competir con algunha garantía de futuro é atopar un posicionamento único no mercado, na mente do consumidor que nos compra no lineal do supermercado. Buscar aqueles factores que motiven o cliente final e que estea disposto a pagar un prezo xusto por el.

Temos unha nova oportunidade en Galicia, no mercado do leite galego, e esperamos que a xente que comprou a marca Deleite (algo innecesario dende o noso punto de vista) sexa consciente dela. O cliente está disposto a pagar un pouco máis para axudar os gandeiros que saen todos os días nos xornais, ese é o novo posicionamento.

Os gandeiros teñen a súa propia marca (cousa que xa o explotou Feiraco hai anos) e teñen que facer uso dese elemento diferencial. A que vén falar de que volve o leite? Que significa iso? O que hai que dicir é que ese leite ten o prezo xusto. E que axuda os nosos veciños a levar unha vida máis digna.

E o resto da economía galega, por favor, deixen de facer caso da Administración Pública, porque os que gobernan nunca levaron unha empresa na súa vida e saben tanto disto coma os tertulianos de Sálvame. Teñen cartos de subvencións -non os deixen escapar- pero nin caso coas súas ideas peregrinas, xa ven como acaba o conto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *