Converxencia 21 de Tui chama ao PP e aos partidos da súa órbita a se renovaren para poder conformar un goberno alternativo ao actual.

Cando xa facemos ano e medio de exercicio de poder do novo goberno podese facer unha valoración do desempeño e atitudes do mesmo, en C21 estamos decepcionados co desempeño pero ainda máis coas atitudes do goberno local e nomeadamente do partido que o encabeza e que ocupa case todo o poder no mesmo, o PSOE.

En canto ás atitudes, o PSOE estase comportando cunha tremenda arrogancia, tanta ou máis que a dun goberno que tivese maioría absoluta, e demostrando unha nula vontade, capacidade e talante de diálogo e de construir maiorías, é realmente surreal o seu comportamento, mesmo cunha organización que os apoiou na investidura e de forma incondicional como C21.

C21 non pode permanecer impasible ante a ameaza que para a prosperidade de Tui supón un goberno que a pesar da sua debilidade, comeza a mostrar un talante autoritario e especialmente malgastador, intervencionista e de tecelán moi activo de redes clientelares, mesmo nun contexto no que orzamentariamente están maniatados, a medio prazo e cando puideran encontrariamonos cun proceso de fonda socialistización, é dicir, aumento brutal de impostos, débeda, aumento de regulacións con marxe para a arbitrariedade, aumento de subvencións e malgasto orientado á compra de voto máis ou menos disimulada, nepotismo, aumento do asistencialismo para nutrirse electoralmente da pobreza e a medio prazo, como consecuencia inevitable de todo o anterior, corrupción.

C21 quere mostrar a sua disponibilidade para evitar que este escenario dramático se reproduza en Tui e chamamos portanto ao PP e partidos afíns a un inaprazable, imprescindible e profundo proceso de renovación. É evidente que o periodo de goberno conservador non foi tampouco positivo para Tui e o fondo descontente co goberno actual non xustifica un retorno á situación previa polo que desde C21 propomos que as persoas que formaron parte dese periodo nun rol de pertenza aos sucesivos gobernos locais, actúen con altura de miras e cedan o seu posto a compañeiros das suas respectivas listas.

A nosa mensaxe sempre foi a mesma, somos un partido liberal e podemos pactar coa esquerda moderada ou coa dereita, cuns grupos municipais do centro dereita renovados os liberais galegos de Tui estariamos dispostos a negociar un plan de acción dun novo goberno municipal austero, unido, cun forte impulso reformista, con visión estratéxica e con capacidade de xestión. De non ser así, e no que a nós respeita, todo quedaría igual e, desde a oposición, comezariamos a preparar as eleccións de 2019 para convertirnos na grande alternativa renovadora ás dañinas políticas da esquerda local.

Executiva local de Tui de C21

Podes descargar en formato PDF o presente comunicado premendo no seguinte enlace:

Comunicado de prensa C21 Tui. 22-01-2017

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.