As dimensións de Galicia

Ideario

1. A Dimensión española.

En primeiro lugar a dimensión que nos vincula aos pobos cos que levamos compartindo tantos séculos de historia, e cos que como resultado desa historia hoxe temos un fondo acervo común que abarca desde o fútbol ata as institucións, a televisión, a visión lúdica da vida e tantos outros aspectos. Sen embargo Galicia ten que comezar a loitar por mudar o deturpado concepto de españolidade actualmente imposto polas visións estatalistas herdeiras dun ultra-nacionalismo castelán estendido con tics imperialistas, que aspira á castelanización de toda España confundindo a españolidade coa castelanidade, e poñendo historicamente toda a maquinaria do Estado, ou antes aínda de que houbese Estado como tal, a traballar en pro dunha homoxeneización empobrecedora que hoxe podemos afirmar que fracasou. É lamentable observar como sectores do PP e PSOE, aínda hoxe, encarnan esta visión de España.

Ser galego, falar galego, bailar muiñeiras, ser do Deportivo ou do Celta, non nos debería facer ser menos españois que ser castelán, falar castelán, tocar a guitarra flamenca e ser do Real Madrid. Ora ben, se alguén considera que responder á primeira definición é peor que corresponder á segunda, este será o seu problema, e isto é algo que non todo o mundo ten claro, provocando moitas veces con esa intención asimiladora que os nacionalismos diferentes do español neguen a españolidade das súas nacións cando en realidade o que están negando é a castelanidade das mesmas. Existen varias formas de ser español e todas elas son lexitimas e deben ser consideradas como un acervo común digno de respecto e protección, e non como estorbos. Neste sentido non se trata máis que de plasmar o espírito dalgún artigo da Constitución do 1978, texto outrora vilipendiado e hoxe sacralizado pero non respectado.

Converxencia considera como referente ao espírito filosófico que informa ao Iberismo dos vellos galeguistas e o da loita por tirar a Castela da usurpación da españolidade, entendendo esta pola vía etimolóxica como a calidade do hispánico que abranguería toda a Hispania. É dicir, toda a Iberia e as distintas identidades ibéricas.

A soberanía, aínda que se quere confundir interesadamente, por parte de xentes cunhas crenzas democraticas máis ben febles, coa independencia, non é máis que o dereito dun pobo a decidir se quere compartir con outros o seu futuro e en que condicións quere compartilo. No caso de Galicia está claro que quere compartilo co resto dos pobos de España. Iso si, as condicións, en democracia, son sempre renegociables. Hoxe encontrámonos nun mundo cada vez máis ligado e interdependente, polo que o que nos debe preocupar é tecer o maior número posible de alianzas e de redes para poder tirar partido do contexto global que nos vai tocar vivir.

A pretensión de constituír un estado galego independente non ten sentido práctico na realidade actual. Desde Galicia a constitución debe ser considerada como un instrumento positivo, flexible e polo tanto con vixencia e con variabilidade, pero como un instrumento ao servizo do pobo galego e español e non como a gran muralla chinesa da reacción recentralizadora das Rúas Xénova e Ferraz de Madrid.

Facendo unha análise da historia recente de España comprobamos como a autonomía e un instrumento en pleno vigor coa excepción de que no noso caso foi aproveitado por diversas forzas políticas que non teñen como norte a Galicia. Polo tanto podemos concluír que o poder autonómico en Galicia estivo en mans erróneas xa que non garantiron a converxencia de Galicia nin en termos de benestar económico nin en termos de autoidentificación, palabra moi interesante acuñada por Fraga pero que resultou ser un concepto baleiro de contido incluso para o seu propio autor.

No contexto español o nacionalismo galego ten que fuxir de tentacións aillacionistas e vitimistas. O aillacionismo é unha política suicida para Galicia nun mundo cada vez máis globalizado. Por outro lado, temos neste momento que entender que o noso futuro depende de nós e non deberiamos caer na frase fácil de, “a culpa é de Madrid”. En todo caso a culpa é de que nós non influímos en Madrid, ou os de Madrid inflúen demasiado en nós, ou non exercemos adecuadamente as nosas competencias. Isto cómpre cambialo. Os males de Galicia hoxe non son por culpa de ninguén máis que dos galegos, que temos instrumentos abondo para mudar as realidades das que non gustemos.

Un destes instrumentos é o voto, e Converxencia pretende ofertar ao pobo galego unha nova alternativa para que este non siga confiando maioritariamente en franquías políticas de Madrid en Galicia. O Estado prima a súa capital, e pode ter a súa lóxica, pero os responsables de que isto sexa así, que son o PP e o PSOE, deberían admitilo sen rubor.

A solución, pola contra, é ter unha clara vontade de intervención no Estado a través de formacións galegas e non só para aqueles asuntos que lle afectan de forma exclusiva a Galicia senón para contribuír a determinación das políticas xerais nos ámbitos da política económica en xeral e fiscal en particular (como único instrumento de política macroeconómica que aínda lle queda ao Estado).

Dicía Risco en El Problema Político de Galicia “…podemos afirmar que la política general de España puede ser considerada desde un punto de vista gallego. Galicia puede aún pesar en la política general española si esos partidos gallegos tienen, desde un punto de vista gallego, soluciones para los problemas generales de España”.

2. A Dimensión Ibérica occidental.

Temos que aprender a ver o que nos ofrece Portugal desde un punto de vista puramente racional, temos que racionalizar e tirar emotividade á nosa visión de Portugal, para que o amor e/ou desprezo que aquí se sente cara ao país veciño non nos nubre a vista e nos impida ver as potencialidades que nos pode aportar, nin as limitacións que, sen dúbida, tamén ten.

Portugal é o espazo próximo natural para saír de Galicia posto que para o oriente atopamos zonas moi pouco habitadas, incluído a zona cantábrica que tamén está moi despoboada na zona próxima a Galicia, mentres que seguindo a liña do atlántico encontrámonos con zonas dinámicas e densamente poboadas a ambos lados da fronteira. Unha boa proba desta realidade esmagante é que os empresarios galegos, mais alá da súa ideoloxía, hoxe non consideran que vender en Portugal sexa exportar, porque consideran a Portugal o contínuum xeográfico, económico e lingüístico natural de Galicia. Quizais sexa necesario lembrar que en ningunha das outras fronteiras do Estado español co portugués se produce nin de lonxe un intercambio de todo tipo e un contacto tan intenso como o que se produce en Galicia con Portugal. A pesar disto o PSOE decidiu nomear a Badaxoz e non a Vigo sede da oficina que xestionará a cooperación transfronteiriza. Tal vez sexa porque lle queda máis cómodo para chegar aos burócratas madrileños e lisboetas.

A primeira vantaxe clara é a afinidade lingüística que aínda non foi posta en valor, sabemos que as fronteiras, hoxe mais que nunca dentro da UE, son barreiras mentais polo que a pedagoxía a este respecto, especialmente con respecto a Portugal, debe ocupar un lugar primordial, nun nivel micro, para que a un veciño de Tui, por exemplo, se lle ocorra aproveitar todo o que lle ofrece Valença, biblioteca, facultade de económicas, piscina, etc. Debemos exercer esa pedagoxía cos portugueses para lograr establecer, para mutuo beneficio, unhas relacións privilexiadas con Portugal, sabendo que Portugal ten as súas problemáticas, pero tendo claro que non podemos actuar como se alén do Miño non houbese un país co que nos interesa relacionarnos a fondo.

As relacións con Portugal téñense que substanciar no nivel político con cumios bilaterais Galicia- Portugal ao estilo do que fan outras nacións con estreitas relacións de todo tipo. O nivel de relacións e de intereses comúns entre unha nación con estado e outra sen el xustifica este tipo de encontros. Naturalmente isto daríanos unha relevancia dentro da propia España da que agora carecemos.

Converxencia cre que merecemos algo mellor. Algúns pensan que isto está cuberto cunhas reunións entre alcaldes das rexións norte de Portugal e Galicia chamado Eixo Atlántico que aparentemente non serven para nada práctico.

3. A Dimensión Europea.

Galicia e unha nación europea e polo tanto ten como referencia os valores europeos da democracia, a liberdade, a cultura e a solidariedade, e que na persecución dos mesmos debe pór todos os esforzos necesarios. Converxencia é un partido europeísta, que cre que debe traballar para construír unha UE que teña máis en conta ás nacións sen estado. A diferenza doutros nacionalistas galegos, vemos, con carácter xeral, a UE como un proceso de Unión tremendamente positivo e que ten mesmo a utilidade de ir enfraquecendo os nacionalismos estatais tan pechados como o español.

Galicia ten que influír na medida das súas posibilidades para que a UE teña unha voz única e forte no contexto mundial, defendo os valores da legalidade internacional, da paz e da democracia, facendo todo o diplomaticamente posible para forzar a queda de ditaduras tanto de esquerdas como de dereitas sen distinción. Converxencia é o primeiro partido galego, tomando tamén como tales ao PP e ao PSOE, que non defende coa boca pequena nin coa grande a ningunha ditadura.

A dimensión institucional é dunha importancia fundamental. A UE vai ser cada vez máis un ente no que se decidan máis cousas de interese para os galegos, que pese a ser unha parte pequena da UE non debemos esquecer que as institucións están ao servizo dos pobos e que non poderemos consentir que desde estas instancias se tomen decisións lesivas para os nosos intereses. Isto pode lograrse ben determinando a posición de España, ben directamente coa nosa voz, que deberá estar sempre presente. Até agora desde a UE tomáronse algunhas decisións discutibles, e sen embargo a culpa só é atribuíble a desleixo por parte do Estado na defensa dos intereses galegos en Bruxelas. O PP e o PSOE xa recibiron demasiados cheques en branco por parte do electorado galego. Temos que traballar por unha Unión Europea cada vez máis forte como Unión, agora que os Estados están demostrando unha simpleza de miras evidente. Case a metade do presuposto da UE vai destinado à PAC (Política Agraria Común), quer dicir, a subvencionar producións agrícolas non competitivas. É arrepiante o cinismo neste sentido; non lles deixamos aos países pobres vendernos as súas producións agrícolas para que avancen por si mesmos e despois queremos ser moi solidarios con eles.

Na dimensión europea, ademais da institucional que nos liga á UE, hai dúas facetas máis, a atlántica e a mediterránea.

A Europa Atlántica. Desde o punto de vista xeográfico, climático, cultural e sentimental temos uns vínculos con todos as fisterras atlánticas europeas desde Irlanda ata a Bretaña. É probable que compartamos algún substrato celta común nun momento determinado da historia. Aínda que isto esta lonxe de estar probado, hai uns trazos comúns chamativos que sen dubida responden a algún tipo de substrato migratorio común e que son unha oportunidade para estreitar lazos turísticos e empresariais con esas culturas.

A Europea Mediterránea. Roma deixou un pouso moi fondo que abarca desde o noso idioma ata a nosa alimentación, sen nos esquecer da relixión. Ademais estamos integrados nun estado fundamentalmente mediterráneo. Nesta dimensión, sen embargo, non temos vantaxes competitivas con respecto a outras comunidades. Para estas zonas si que pode ser útil o aproveitamento para Galicia da marca “España”.

4. A Dimensión Universal.

Temos que sentirnos parte deste mundo en tanto que galegos, e como parte del temos que sentir que o que acontece en calquera parte do mundo tamén nos atinxe a nós. Un dos beneficios da globalización é precisamente que cada vez sentimos o que está a pasar en calquera parte do mundo como algo cada vez máis propio.

Lonxe de formulacións antiglobalización, cremos que este fenómeno ten moitos elementos positivos e desde logo non lle son achacables ás desigualdades no mundo, xa que a longo prazo é de esperar que se o mundo se globaliza tamén o farán os dereitos, as institucións e os diversos poderes. Cada vez é mais plausible que un rapaz de Vigo, outro de Nova York, outro do Cairo e outro de Delhi vexan a CNN e escoiten a mesma música. Galicia tamén quere entrar nese intercambio e non como simples receptores senón tamén aportando. (Os nosos dous músicos mais internacionais, Bieito Romero e Carlos Núñez, son gaiteiros, o que demostra que só desde a nosa tradición con innovacións incorporadas podemos facer achegas universais).

O galeguismo que Converxencia propón é perfectamente compatible cun internacionalismo xenuíno que entenda este último como a relación aberta, igualitaria e libre entre as distintas nacións. Nada que ver co internacionalismo marxista, xa que nós cremos que as nacións existen e deben seguir existindo, e do que se trata é de que estas teñan fórmulas pacíficas de resolución de conflitos e admitan a existencia das demais nacións. O problema non é o nacionalismo, é o imperialismo de quen cre que a súa nación debe preponderar sobre as demais.

Estas dimensións ofrécennos un potencial enorme de cara ao futuro que polo momento foi desaproveitado. Baseándonos nos vínculos de Galicia co exterior, estamos nunha posición privilexiada para ser unha das principais pontes de unión entre Europa e América, España e Portugal, entre o Mediterráneo e o Atlántico. Só é necesario pór en valor estes vínculos para que o fluxo de capitais, ideas, tecnoloxía, persoas e mercadorías entre estes territorios teñan cada vez máis presente a Galicia. Tamén é necesario fomentar desde Galicia a creación dun autentico lobby galego no exterior (Madrid, Cataluña e o Pais vasco incluídos).

Da traxedia da emigración podemos sacar este gran proveito, pois hoxe hai poucos países que teñan empresarios e xente destacada en moitos terreos en diferentes lugares do mundo como ten Galicia. Este e outro potencial desaproveitado, e non debemos esquecer, neste sentido, a vertente solidaria cos galegos que o están a pasar mal en Arxentina e noutros países.

Sabemos que hoxe o mundo funciona por redes, nós temos o fío e só nos falta tecelo. A experiencia de FEGAEX supuxo un fracaso estrepitoso por erros de vulto na súa formulación, e constatamos no período do PP e despois do PSOE no goberno da Xunta que os galegos do exterior só teñen contado como un viveiro inesgotable de votos para o partido gobernante, colleitados ademais de forma claramente fraudulenta.

O PP e o PSOE miran para outro lado cando gobernan e protestan cando están na oposición, porque saben que quen goberna o Estado é o gran beneficiado dun pucheirazo claro, ¿qué clase de demócratas son estes?