Galicia un proxecto común.

Ideario

Galicia ten que ser o proxecto común que poña dacordo a todos os galegos. É necesario un reforzamento da identidade galega porque a destrución desa identidade levaría ao pobo a unha desconexión coa súa personalidade, e isto deixa un pouso de fondo complexo moi daniño en canto a posibilidades reais de progreso e de benestar. Se renunciamos á nosa personalidade en beneficio doutra por falta dunha autoestima colectiva, veremos perxudicada a nosa capacidade de realización de calquera tipo de empresa individual e colectiva. Non sería bo para o noso futuro que Galicia acabase convertida nunha Castela verde e chuviñenta na que as xentes teñen un acento moi musical e comen empanada os domingos, tendo desta maneira dilapidado un rico e útil acervo cultural e lingüístico. Está claro que desde a nosa personalidade orixinal temos moito que aportar neste escenario globalizado, pero como imitadores acomplexados nunca chegariamos lonxe.