O Partido

Converxencia é unha forza política que se define como galeguista, europeísta,democrática, de centro reformista, liberal no social e no económico, con sensibilidade social, aconfesional e que ten como obxectivo a defensa dos intereses colectivos de Galicia co fin de xerar as mellores condicións para o desenvolvemento individual dos seus cidadáns. Desde o punto de vista democrático non pode haber ningún límite de decisión máis que o que o pobo galego, voluntariamente, queira definir para o seu marco xurídico e político. Apostamos na realidade de hoxe por un aprofundamento do autogoberno autonómico de Galicia e un recoñecemento da realidade plurinacional de España que poida, nun futuro próximo, adoptar a fórmula xurídica dunha confederación entre nacións en pé de igualdade, que dote dunha necesaria estabilidade política e administrativa ao Estado e que satisfaga as demandas de recoñecemento, sen ambigüidades, das nacións sen estado como a nosa.
Converxencia aspira a ser un instrumento ao servizo de Galicia e de todos aqueles galegos que crean que as forzas políticas con presenza no escenario actual non teñen un proxecto adaptado nin pensado para as necesidades e ambicións do noso país e que non teñen fé no seu futuro nin crenza nas súas posibilidades, aspira a ser a casa común de todos aqueles que teñan ilusión por construír unha Galicia mellor desde un pensamento autónomo e non subsidiario, desde a autoestima e non desde o autoodio, a casa común onde converxan todos aqueles que queiran construír unha Galicia mais democrática e participativa, e que queiran facelo desde a integración e non desde o sectarismo, desde unha visión colectiva ao servizo do desenvolvemento das persoas, de todos os que queiran ver unha Galicia plenamente integrada en pé de igualdade no mundo globalizado do século XXI e que crean na importancia que a iniciativa privada ten para o logro deste fin.