Campaña a favor das Seleccións Deportivas Nacionais

Desde Converxencia queremos denunciar abertamente o desleixo por parte do goberno da Xunta na defensa e representación dos símbolos propios de Galicia e en especial nun caso de actualidade como o da Selección Galega de Fútbol.

Seleccións Galegas

É precisamente a defensa da nosa identidade, cultura e lingua a obriga principal da Xunta e o motivo fundamental para a súa existencia como institución. Polo tanto entendemos que se se candidataron con tanto entusiasmo para dirixir os nosos órganos de autogoberno deben empregar o mesmo entusiasmo en exercer de defensores da nosa cultura e símbolos. A Xunta do PP aplica, neste e noutros asuntos, facendo gala dun perigoso radicalismo, a lei do funil, onde o lado estreito é sempre para os nosos símbolos e o ancho para os símbolos do conxunto do Estado, contra os que nós non temos nada. Isto é ao que o PP chama liberdade, a reprimir a manifestación pública da galeguidade. Non sabemos se o PP fai este uso da palabra liberdade por ignorancia ou con clara vontade manipuladora, pero o que si sabemos é que as accións desta Xunta nada teñen que ver coa defensa da liberdade de exercermos de galegos en todos os terrenos, nos como galeguistas e firmes defensores das liberdades individuais de todos os cidadans de Galicia, incluindo os que non gostan da selección galega e das liberdades colectivas deste pobo, ofrecemonos a explicarllelo en caso de que usen mal o termo por unha cuestión de ignorancia.

Tras setenta anos de ausencia, desde o ano 2005 vén tendo lugar un partido anual da Selección Galega de Fútbol. Os resultados da selección nestes últimos anos non só foron positivos nos resultados con dúas vitorias e dous empates senón que axudaron á promoción dos xogadores galegos e á súa valoración de cara ao público. Os estadios de San Lazaro, Balaídos e Riazor (por dúas voltas) foron os escenarios onde se festexaron os partidos con entradas xenerosas, cando non se encheu o estadio. Os siareiros levaron con eles a festa ás cidades onde tiveron lugar os partidos contribuíndo co ambiente festivo ao coñecimento das cidades do país en xornadas de convivencia exemplar. Estes actos de convivencia e promoción do deporte tiveron un resultado positivo a todos os niveis, tamén o económico, e só podemos entender como unha acción política ideoloxizada e un ataque ás nosas liberdades, por parte dos gobernantes actuais na Xunta de Galicia esta manobra de menosprezo con referencia á Selección Galega de Fútbol e das demais seleccións deportivas. A posible, aínda que non confirmada, non realización este ano deste encontro amigable é un atentado máis contra a liberdade da Xunta do PP, que por medio da presión social e política debemos evitar. Ao mesmo partido político que pretende impedir a celebración do partido anual da selección galega de futbol non lle parece mal que Murcia, comunidade autónoma que tamén goberna o PP, sí organice estes partidos da selección murciana, ten para o PP máis categoria Murcia que Galicia?.

Polo tanto, desde Converxencia, chamamos a atención sobre este feito agora que aínda estamos a tempo. Esiximos como cidadáns libres de Galicia ao Director Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que fale con claridade o antes posible para saber se se ten que encargar directamente a organización do evento a outra institución ou empresa que se ofreza a tal fin, todo o que non sexa isto será un degrao mais nas agresións da Xunta de Núñez Feijóo contra as nosas liberdades e a nosa identidade, non lles pedimos aos señores do PP que se identifiquen coa nosa selección, só lles pedimos que respeten a liberdade dos que si nos identificamos.

Asinado,
Executiva Nacional de CXXI