Obxectivos
A Converxencia Vinteún pretende a través da súa acción política os seguintes obxectivos:
a) potenciar a identidade de Galicia para conseguir alcanzar un marco no que a cidadanía galega poida desenvolver ao máximo as súas potencialidades individuais.
b) defender a lingua galega como unha lingua normal de comunicación entre os galegos, coa aspiración de acadar unha situación de plurilingüismo na que o castelán e o inglés sexan coñecidos por toda a poboación.
c) inserir sen complexos a Galicia como célula de universalidade no mundo globalizado do século XXI, e dar a coñecer a súa realidade política, cultural, social e económica para incrementar as súas relacións cos outros pobos da península, Europa e o mundo.
d) defender os dereitos humanos e as liberdades individuais e colectivas, a convivencia, a profundización da democracia e o dereito e o respecto á diferenza.
e) vertebrar unha sociedade cunha economía produtiva e competitiva sustentable que incentive o esforzo e a creatividade para xerar riqueza e traballo.
f) protexer a familia no seu sentido máis amplo e independentemente dos vínculos legais ou relixiosos, como núcleo básico de convivencia e solidariedade e como terreo da transmisión de valores, de espírito crítico e de desenvolvemento integral dos seus membros.
g) defender un ensino e unha sanidade universais e de calidade como elementos de vertebración básicos da comunidade.
h) promover a paz e o desenvolvemento social e económico sustentable no mundo e loitar contra a pobreza no terceiro mundo a través da liberalización do comercio mundial.
i) integrar os inmigrantes na nosa comunidade nacional desde o respecto mutuo así como rexeitar calquera forma de racismo ou xeonofobia.
j) protexer e mellorar o medio natural para acadar un crecemento sustentable e preservar este patrimonio para as xeracións futuras.
k) recoñecer o carácter fundamental do compromiso da sociedade civil galega na construción do País.
l) recoñecer o papel que a libre empresa debe xogar no progreso e dinamismo do País. Nesta liña é crucial para Galicia desenvolver o espírito emprendedor da súa cidadanía, unha cultura emprendedora vinculada ao desexo de avance colectivo de Galicia ademais do lexítimo e necesario fin de lucro. Só coa potenciación desta cultura emprendedora poderemos conseguir poñer en valor todas as posibilidades da nosa xente e da nosa terra, acabar por sempre xamais coa emigración e mellorar así a calidade e cantidade de traballo no País.
m) recoñecer o papel crucial da democracia para a riqueza, progreso e benestar dos pobos e admitir unha crítica sen paliativos á ditadura que padeceu España e especialmente Galicia durante case corenta anos do século XX e calquera outra ditadura de sen distincións de signos políticos.
n) defender o municipalismo. Admitir a necesidade da simplificación administrativa para unha maior eficiencia do gasto público, a supresión das Deputacións e a concentración de concellos para que estes poidan conseguir un financiamento axeitado.
ñ) defender a máxima integración económica e política no proxecto europeo. Apostar por unha Unión Europea con peso e cunha política exterior común no contexto mundial.
p) recoñecer o papel positivo que xogou a Constitución Española de 1978, e constatar que está ao servizo dos cidadáns e que non é nin unha biblia nin un dogma de fe. Interpretar flexiblemente a Constitución e, por suposto, defender a posibilidade, que a propia Constitución contempla, de reformala. Para Converxencia Vinteún, esta reforma terá que ser feita en función dos intereses e preferencias da cidadanía galega.
q) considerar a Portugal como espazo próximo de gran valor xeoestratéxico, económico, político, cultural e lingüístico para nós. Defender o reintegracionismo lingüístico desde un punto de vista exclusivamente utilitarista e para poñer en valor esa avantaxe competitiva do noso país ata agora desaproveitada.



