As políticas que Rajoy non se atreve a tomar
– Políticas de emprego e crecemento: como sentar as bases da recuperación económica –
Converxencia XXI considera que o goberno Rajoy ten emprendido a errónea política de subas impositivas –incumprindo todas as súas promesas electorais- e que só van contribuír a agravar aínda mais a profunda crise económica que padecemos. Ademais, ao goberno do Partido Popular só se lle ocorre como xeito de controlar o gasto público prexudicar aos cidadáns, reducindo o investimento público e encarecendo os servizos públicos, mentres os intereses dos grupos próximos ao poder permanecen intactos. Ante este despropósito do goberno conservador, desde Converxencia XXI queremos ofrecerlle ao Sr. Rajoy e o seu goberno catorce políticas que si colocarían á economía española na senda da recuperación, o crecemento e a creación de emprego, ao tempo que permitirían controlar o déficit público sen que os contribuíntes saísen sistematicamente prexudicados.
As políticas:
1. Reducir o número de cargos políticos nas administracións españolas nun número arredor dos 500.000 para situarnos nunha cifra por habitante próxima a Alemaña e outros países do norte de Europa, levando a cabo as reformas institucionais precisas –especialmente da administración local- e co obxectivo de reducir o gasto público e poñer couto á corrupción que asola a economía española. Esta redución de cargos políticos permitiría reducir o gasto público nunha cifra superior ao 1% do PIB español.
2. Eliminar os subsidios a empresas e sectores económicos (enerxético, agropecuario, carbón,…) aos partidos políticos, aos chamados axentes sociais (patronal e sindicatos) e aos medios de comunicación. Os subsidios a diversos tipos de axentes –xerme de ineficiencias e corrupción- representan mais do 1% do PIB español.
3. Reducir as cotizacións sociais a un 18% do salario bruto do traballador co fin abaratar os custos laborais sen que esta diminución repercuta negativamente no poder adquisitivo do asalariado.
4. Introducir unha taxa impositiva única do 25% sobre a renda –tanto procedente do traballo como do capital- cun mínimo exento de 15.000 euros anuais. O mínimo exento convertería o imposto en progresivo e permitiría que quen cobrase por debaixo dos mil euros ao mes non tivese que pagar o imposto sobre a renda.
5. Reducir o imposto de sociedades ao 10% dos lucros anuais da empresa para así favorecer o investimento produtivo e a entrada de capital estranxeiro.
6. Elaborar un plan para perseguir o fraude fiscal co obxectivo de aumentar a recadación fiscal e acabar coa inxustiza de que o peso do fisco sexa soportado polo asalariados.
7. Eliminar todos os privilexios fiscais (deducións, desgravacións,…) que confunden, complican, favorecen o fraude, discriminan e, en definitiva, fan inxusto o noso sistema fiscal e que especialmente afectan ao imposto sobre a renda e ao imposto de sociedades.
8. Eliminar a distinción entre despedimento procedente e improcedente para acabar coa lacra da xudicialización que corroe as nosas relacións laborais e aumenta ostensiblemente os custos laborais.
9. Substituír as indemnizacións por despedimento por unha contribución empresarial mensual -do 1,5% do salario bruto do traballador- a un fondo de capitalización individual ao que o traballador teña acceso independentemente de se é despedido ou abandona voluntariamente o seu emprego, que conserve aínda cando mude voluntariamente de emprego e que poda acumular para a súa xubilación.
10. Instaurar procedementos públicos, limpos e transparentes na adxudicación de contratos públicos para que sexan as empresas que fan ben o seu traballo as que reciban os encargos e non os empresarios que medran á sombra do poder.
11. Reducir nun 80% o número de empresas, entes e organismos públicos que frecuentemente proporcionan deficientes servizos aos cidadáns, acumulan perdas millonarias –incrementando o endebedamento público- e serven para colocar e premiar aos amigos do poder.
12. Reforma educativa, sanitaria e das pensións que permita que os servizos sociais sexan solventes e sustentábeis a medio e longo prazo, incorporando decididamente a iniciativa privada no fornecemento dos mesmos e garantindo o acceso de todos.
13. Renunciar a socializar as perdas dos bancos –principalmente das caixas, entidades financeiras controladas polo poder político- e iniciar inmediatamente un proceso de liquidación controlada de todas as entidades financeiras insolventes garantindo os intereses dos depositantes. Os custos da salvataxe bancaria que este goberno conservador –e previamente o goberno socialista- pretende aínda é incerto, mais podería superar o 10% do PIB español.
14. Reorganización do Estado Autonómico para afondar nos principios do Federalismo Fiscal de xeito que as administración públicas, en todos os seus niveis, sexan responsábeis tanto dos seus ingresos como dos seus gastos e se eviten duplicidades administrativas, instaurando así os incentivos necesarios para a xestión eficiente e o aforro e non para o esbanxamento e os comportamentos free rider.
Todas estas políticas son de relativamente doada implementación. Só é precisa a vontade política para levalas adiante e non estar atrapado nas redes dos grupos de interese que están permanentemente condicionando ao seu favor as políticas públicas. Temos fundadas razóns para acreditar en que o actual goberno conservador –como o anterior socialista- non fará absolutamente nada disto e tirará polo camiño das subas impositivas acompañadas de peores servizos públicos. A súa prioridade non é o benestar dos cidadáns, mais si a salvagarda dos seus intereses e os dos seus amigos.