Contra os privilexios fiscais

Unha panoplia de organizacións gozan do privilexio fiscal de estar
exentas do Imposto sobre Bens Inmóbeis. Ultimamente asistimos a unha
campaña para exixir o pagamento deste imposto á Igrexa Católica. Esta
campaña está a revelarse completamente tendenciosa pois o que acochan
os seus altofalantes é que os partidos políticos, os sindicatos, a
sociedade xeral de autores, fundacións varias,…entre outros moitos,
están tamén exentos deste imposto. Unha manifestación mais dunha
nefasta característica do noso inxusto sistema fiscal: privilexios
para uns poucos mentres os pagáns soportamos elevados impostos, dos
mais altos da Unión Europea. Exencións, desgravacións e deducións
inundan o noso sistema fiscal, converténdoo en arbitrario, inxusto e
presa fácil da corrupción e o fraude.

Desde Converxencia XXI defendemos un sistema fiscal con baixas taxas
impositivas, simple e sen privilexiados. Neste sentido acreditamos en
que todos os propietarios de activos inmobiliarios, sen distinción,
deben pagar o IBI, mais a taxas inferiores ás actuais. Se eliminamos
os privilexios e todos pagamos os impostos debidos, podemos
permitirnos unha significativa e xeneralizada redución de impostos, xa
que, aínda con menores taxas, a facenda pública recadaría mais, tanto
polo aumento de contribuíntes como polo incremento da actividade
económica. Agora ben, roza a indecencia apuntar á Igrexa Católica como
a gran beneficiada de todo isto, mentres que a propia organización á
cal se pertence goza do mesmo privilexio fiscal, ademais dunha
considerábel cantidade de subvencións públicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.