Asistimos a unha nova loita para controlar politicamente os medios
de comunicación públicos, tanto a nivel estatal como autonómico. Non é
a primeira vez nen será a última. Desde Converxencia XXI queremos
puntualizar a nosa total oposición a tales manobras e consideramos que
os medios públicos son principalmente unha ferramenta política usada
para:
1. Manipular a opinión pública en prol do partido no goberno.
2. Esbanxar o diñeiro público e, así, xerar enormes déficits que
logo deben ser asumidos polas arcas públicas, é dicir, por todos os
contribuíntes.
3. Repartir favores e prebendas entre os achegados ao poder a través
de contratos inflados, concursos manipulados, postos políticos
desnecesarios, cadros superfluos e así un longo etcétera de artimañas.
Por todo isto manifestamos:
1. A nosa posición favorábel á privatización de todos os medios de
comunicación públicos, independentemente da administración á cal estean
adscritos, usando procedementos concorrenciais nos que non se privilexie
a ningun grupo de comunicación particular e no que todos podan licitar en
igualdade de condicións, o que permitirá maximizar os ingresos públicos
obtidos da venda destes valiosos activos.
2. Entendemos que algúns medios de comunicación públicos teñen a
tarefa de un fornecer dun servizo aos usuarios dalgunhas línguas do
Estado, mais consideramos que esta labor pode ser perfectamente
garantida por concesionarios privados condicionados a emitir nas
línguas en cuestión.
3. No que respecta a Galicia, aproveitamos para reivindicar a
recepción das televisións portuguesas no país. Os impedimentos
actuais á súa recepción son exclusivamente motivados por cuestións de
índole ideolóxico, sen xustificación económica ou técnica algunha, e
privan a todos os galegos da posibilidade de explorar o pleno
potencial a nivel internacional que nos proporciona a nosa língua
galega.