O pasado 18 de outubro, Converxencia 21 rexistrou na Xunta de Galicia unha petición formal para a retirada da Medallas Castelao a Jose Luis Méndez e Julio Gayoso porque, ao noso entender, non eran merecedores de tal condecoración por evidentes – e xa expostos – motivos.
A resposta da Xunta de Galicia a Converxencia 21 foi a seguinte:
– Comunicado da Xunta de Galicia a respeto da petición de Converxencia 21
Desde Converxencia 21 lamentamos, unha vez máis, o desentendemento das administracións públicas coas súas funcións.
A resposta da Xunta de Galicia non é admisible. As condecoracións forman parte da actividade de fomento da Administración.
Os medios de fomento da administración poden ser: Positivos (dan unha vantaxe) ou negativos (poñen un atranco ou dificultade).
Os medios de fomento positivos poden ser:
1.- Honoríficos.
2.- Económicos.
3.- Xurídicos.
Dentro dos honoríficos están, entre outros, as Condecoracións.
Abonda por tanto o inicio dun Expediente de Anulación da Concesión da Medalla Castelao a D. José Luís Méndez López e D. Julio Fernández Gayoso, ao abeiro do disposto na Lei 30/1992, dado que TODO acto administrativo, é revisable, anulable sempre que sexa subsumible no artigo 62.1 da Lei 30/1992.
Neste caso son nulos de pleno dereito (62.1.f) “os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.”
Pois ben, o art. 102 da Lei 30/92 establece que “As administracións Públicas, en calquer momento, por iniciativa propia ou a solicitude de interesado, e previo dictame favorable do Consello de Estado ou órgano consultivo equivalente da Comunidade Autonoma (neste caso Consello Consultivo) declararán de oficio a nulidade dos actos administrativos que puxeran fin á vía administrativa ou que non foran recorridos en prazo, nos supostos previstos no artigo 62.1.”
O Sr. Méndez e o Sr. Gayoso carecían e carecen dos requisitos esenciais para a adquisición da condecoración da Medalla Castelao e, cando lle foi outorgada, ostentaban unha consideración pública e social incompatible coa súa realidade ética e persoal.