Converxencia 21 leva denunciando desde xa hai moito tempo o uso de fondos públicos –e por tanto a conta dos petos dos contribuíntes- para financiar a partitocracia imperante. Como xa temos sinalado, este financiamento discriminatorio altera substancialmente a concorrencia electoral –repercutindo por tanto no deficiente desempeño da nosa democracia- e, como demostran múltiples e recorrentes casos, é unha das importantes fontes de corrupción da sociedade galega e española.
Estes días asistimos perplexos a informacións nos medios de comunicación nas que se asegura que a Fundación IDEAS (ligada ao PSOE) repartiu mais de 600 mil euros entre familiares e amigos da cúpula do partido. Mención aparte merece o caso de presunto financiamento ilegal do Partido Popular personificado no caso Gürtel , no tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, e no reparto de sobre-soldos entre os cargos do PP.
Como demostran todos estes casos, a corrupción non é propia dun partido político particular, mais todo indica que se estende transversalmente polas entrañas da partitocracia española. A única conclusión é que a escandalosa corrupción que inunda a vida política é consecuencia dun deficiente deseño institucional que temos que apresurarnos a corrixir.
Desde Converxencia 21 consideramos que a corrupción é en grande medida consecuencia do excesivo intervencionismo das administracións públicas na vida económica e social que agarrota a iniciativa privada e concede aos partidos representativos do statu quo a capacidade de aproveitar a súa alternancia no poder para partillar entre os seus seus amigos e redes clientelares contratos e subvencións que saen dos impostos de todos e que aproveitan para financiarse de forma irregular, derivando ademais este financiamento a cobros irregulares nas cúpulas dos partidos, como reflicten os tristemente famosos “sobres”.
Por iso desde Converxencia 21 queremos reclamar, como únicas medidas efectivas contra a corrupción, a redución e limitación do intervencionismo das administracións públicas, a supresión do financiamento público dos partidos políticos e as súas fundacións e unha nova lei de financiamento dos partidos políticos que faga recaer nos seus afiliados e simpatizantes o peso do seu financiamento e instaure os sistemas de control axeitados para garantir a súa transparencia e legalidade.