POSICIONAMENTO DE CONVERXENCIA 21 EN RELACIÓN AOS LUMES NOS MONTES GALEGOS. VERÁN 2013.

En Converxencia 21 queremos amosar o noso profundo repudio polos incendios forestais que asoballan Galicia cada verán.

É inconcebible comprobar como, ano tras ano, temos que asistir á destrución progresiva
dun dos mellores activos que ten a día de hoxe o noso País e pola contra as entidades
administrativas non fan máis que pór parches a este grave problema. Non existe unha
política forestal seria que teña unha certa continuidade no tempo, co que ademais de non obter resultados, en moitos casos xéranse novas inquedanzas.

O monte galego precisa dunha serie de actuacións que vaian encamiñadas a conferir un
valor real e tanxible do monte (grande parte da nosa superficie forestal está sen
aproveitar) para facilitar o investimento dos propietarios e incluso de terceiros axentes.

Dende Converxencia 21 solicitamos unha ordenación paulatina pero continuada de todo
o monte atendendo á súa potencialidade e sustentado en piares tan básicos como a
rendibilidade económica, o aproveitamento social e por suposto a conservación
ecolóxica.

O asociacionismo entre propietarios é sen dubida unha ferramenta privada que pode dar
moi bos resultados, pero por desgraza para que esta poida ser relevante son precisos
uns tamaños e unhas disposicións de fincas moi diferentes ós actuais, co que
voltamos ó dito no parágrafo anterior.

Só cando o monte teña un valor considerable e acade a consideración que ten noutros
países, tanto dende os organismos administrativos como dende a sociedade en xeral,
deixaremos de asistir a este espectáculo anual que tan mal nos representa a todos os
galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.