Outra Política Aeroportuaria é posible

 

Logo de tres aeroportos –concentración inaudita no orbe occidental-, centos de millóns de euros en investimentos aeroportuarios e millóns dispendiados en subsidios a compañías aéreas, Galicia segue cunhas deplorables conexións aéreas co resto do mundo e os aeroportos galegos non cesan de perder pasaxeiros. É dicir, que se estamos mal aínda podemos ir a peor.

Ante este panorama Converxencia 21 reclama outra política aeroportuaria:

• A retirada de todo tipo de subsidios ás compañías aéreas por parte das distintas administracións e en todos os aeroportos.

Os cartos do contribuínte non poden ser usados para favorecer arbitrariamente a compañías privadas. Ademais como amosan os propios feitos as políticas de subvencións manifestaron o seu reiterado e teimudo fracaso.

• A privatización concorrencial, transparente e mediante poxa dos tres aeroportos galegos liberando a súa xestión de toda inxerencia política co fin de instaurar entre eles unha sa concorrencia que finalmente repercuta positivamente no benestar dos usuarios.

A xestión privada, na procura de lucros, ha procurar as mellores alternativas para a viabilidade dos aeroportos galegos se esta se realiza suxeita ás forzas da concorrencia.

A xestión politicamente interesada ignora os intereses dos usuarios e a cidadanía para perseguir exclusivamente os seus propios obxectivos. A privatización mediante unha poxa concorrencial e transparente ha permitir que a privatización dos activos aeroportuarios repercuta positivamente nas arcas públicas, permitindo, en última instancia, que os seus rendementos repercutan na cidadanía.

• Que o goberno central deixe de favorecer ao aeroporto madrileño de Barajas en detrimento dos aeroportos periféricos. Todas as políticas de infraestruturas estatais están orientadas a converter Madrid no punto central das comunicacións españolas. Política ineficiente que prexudica á maioría da poboación española que habita na periferia peninsular. Política absurda que se manifesta en que os galegos case non teñamos outro lugar onde ir que non sexa Madrid.

Só unha reforma en profundidade da política aeroportuaria seguindo as liñas enriba trazadas logrará que dunha vez por todas a cidadanía galega teña acceso a unha comunicación aérea frecuente, diversificada e económica.

Nos tempos que corren non podemos permitirnos continuar isolados do mundo por mor da incompetencia e intereses daqueles que nos gobernan.

Abonda xa de usar a cuestión aeroportuaria para realizar populismo localista e confrontar á cidadanía entre si.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.