Europa como un espazo común de convivencia, cooperación e integración é unha concepción xenuinamente liberal que se retrotrae, cando menos, ao Manifesto de Oxford de 1947 e que foi confirmada na Declaración de Stuttgart en 1976. A CECA, a CEE e, hoxe, a UE, son a superación da Europa dos antagonismos que os gobernos estatais arrastraron á barbarie.
A resistencia deses gobernos estatais a perder poder e influencia ante unha Europa dos cidadáns, unha resistencia que sempre estivo aí, recobra máis forza coa crise económica europea. O medo á globalización devólvenos un Estado-pai que usa a súa forza inmobilista contra ela. Non é novo tampouco que esas resistencias veñan decote animadas desde o anticapitalismo, ora illacionista, ora internacionalista, pero sempre estatista.
Da man desa resistencia anticapitalista vén, tamén e tristemente, o rexeitamento político, social e económico a cidadáns non-UE que queren lexitimamente prosperar e mellorar as súas condicións de vida. O cuestionamento frívolo da moeda única e as atoladas propostas devaluadoras que escoitamos na boca dos estatistas esquecen que esas medidas regresivas destrúen recursos para sempre, e que se ceban especialmente nos que menos teñen. Ante o rexurdir de discursos proteccionistas e antiinmigratorios en Europa, os liberais debemos opornos, como sempre fixemos, con máis forza aínda.
A crise deixounos de agasallo, ademais, o renacer do discurso do odio intraeuropeo, baixo a forma do rexeitamento aos cidadáns doutros estados membros. Contra esa retórica vil os liberais podemos situar os nosos principios e, tamén, os datos: sen o norte, sen o sur, sen o leste e sen o oeste, Europa sería agora un espazo de convivencia con menor liberdade, con menor democracia, con menor prosperidade económica.
A Europa na que acreditamos garante os dereitos e as liberdades dos cidadáns: dende escoller o lugar onde queremos vivir ata montar unha familia da forma que desexamos; dende progresar economicamente coa nosa iniciativa ata discrepar en liberdade. Ademais queremos unha Europa onde se denuncie e se actúe contra as violacións deses dereitos.
O mundo globalizado esixe alianzas e estratexias comúns. O mercado común precisa de esferas políticas e institucións que combinen a cooperación intergobernamental, goberno común e cogoberno. Mais non de calquera xeito.
Se queremos unha Europa libre e próspera necesitamos que esta sexa:
1. Unha Europa integrada que garanta a libre circulación de persoas,factores e mercadorías e impida calquera traba a tal libre circulación por calquera das súas partes constituíntes.
2. Unha Europa aberta ao exterior que desmonte as políticas proteccionistas que prexudican a humanidade máis desfavorecida.
3. Unha Europa que non atente contra a liberdade económica con políticas intervencionistas que absorben inxentes recursos e xeran ineficiencia económica e agravios comparativos.
4. Unha Europa cooperativa que renuncie a constituírse e comportarse como outro simple polo de poder no mundo global e procure a cooperación e a solidariedade entre todas as nacións da terra.
5. Unha Europa dos cidadáns que formule un marco básico de convivencia que garanta as liberdades civís e económicas no seu seo.
6. Unha Europa descentralizada na que as decisións democráticas locais sobre as políticas públicas non sexan substituídas pola vontade dunha superestrutura tecnocrática.
7. Unha Europa que recoñeza que as realidades estatais non son perennes e que asuma con naturalidade as mudanzas que o devir histórico impoña nas mesmas.
8. Unha Europa simple que prescinda de desmesurados aparatos burocráticos que afastan os cidadáns dos mecanismos de decisión e pexen a eficacia da nosa economía.
9. Unha Europa de institucións transparentes e democráticas.
10. Unha Europa que favoreza a estabilidade monetaria e o equilibrio das finanzas públicas e non o dispendio e a irresponsabilidade.
Moitos dos principios contemplados polo coruñés Salvador de Madariaga no século XX son realidades cotiás na UE do XXI. Con entusiasmo e crítica os nosos antecesores liberais contribuíron a facer isto realidade. A nós cómprenos agora con igual forza e crítica defendelo e levalo á próxima fronteira.
Por unha Europa libre, próspera e democrática!