Reforma fiscal

É máis que evidente que o Estado precisa unha reforma fiscal urxente e completa que incentive a actividade económica, o aforro, o investimento e poida por fin reducir as escandalosas cifras de desemprego. A semana pasada publicouse por fin o ansiado informe do comité de expertos, designado polo Goberno, que viña ser un borrador de reforma que permitirá modernizar o sistema fiscal anterior que se deseñou a base de improvisacións e caprichos políticos do goberno de turno.

O informe está realmente ateigado de medidas que ao final amosan que no seu conxunto pretenden manter o mesmo nivel de recadación e polo tanto pouco poderán axudar a sair da actual crise que padecemos. É positiva a eliminación de certas figuras como patrimonio e a reducción que se pretende facer no IRPF e Sociedades, pero lamentablemente será insuficiente dados os niveis nos que se atopan neste momento e que as baixadas de tipos se verán compensadas con eliminación de deduccións e bonificacións. Chama a atención que non se concrete moito a baixada do IRPF e que se limiten a dicir entre outras cousas que non debe superar o 50%; afirman no segundo que se deberían eliminar entre outras as deduccións por I+D e Tecnolóxicas porque só benefician as grandes empresas (que son practicamente as que invisten neste campo nestes momentos)  que agora xa non terán incentivo de facelo aquí, e se a isto lle sumamos que a investigación pública está no nivel máis baixo, non se entende o bombo que se lle dá a esta medida.

Unha das sorpresas máis desagradables é o IVE, aconsellan a súa suba para compensar as baixadas nos outros impostos, e sinalan que se debería subir ao tipo xeral os produtos que agora están ao 10 %. Para “suavizar” esa suba, din que non se vai tocar o superreducido do 4% que se aplica aos alimentos básicos e así non afectar ás clases máis vulnerables. Deberían saber que a carne e o peixe teñen un tipo do 10% e pasarían ao 21%, polo tanto o impacto especialmente nesas clases que intentan protexer está asegurado porque non é de recibo insinuar que simplemente se viva de leite, ovos, pan, froitas e verduras.

Finalmente para incentivar a creación de emprego falan de rebaixar as cotizacións sociais. Supomos que esta medida debería avergoñar o executivo xa que hai pouco subiron as cotas de autónomos e esas mesmas cotizacións como medida para “mellorar a empregabilidade” e que denunciamos nun dos nosos anteriores posicionamentos.

Advírtese tamén unha ansia recentralizadora en materia de fiscalidade xa que se recomenda retirar ás autonomías parte da capacidade para fixar impostos e por tanto agravará os problemas de irresponsabilidade fiscal dos que adoece o deseño territorial do Estado e impide a competencia entre elas.

Desgraciadamente temos que falar novamente dunha falla de interese polo cidadán, pola economía e polo futuro da sociedade. Tendo en conta que os impostos son ingresos para sufragar os gastos públicos, non sería conveniente primeiro analizar que gastos públicos serían imprescindibles sufragar e de paso xestionalos da forma máis eficiente e eficaz? O Goberno ignora outra vez as súas obrigas cos contribuíntes e nos condena a pagar gastos políticos, subvencións a sindicatos, partidos, patronal, sectores improdutivos…. En vez de coñecer a magnitude do gasto e facer recortes selectivos e non porcentuais, preocúpase de seguir recadando e utiliza todos os medios ao seu alcance para ingresar máis e máis pero non para sair da crise senón para poder seguir gastando e gastanto. Este, na nosa opinión, non é o mellor camiño e o Goberno non debería enrocarse en seguir sendo un obstáculo para a recuperación.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.