Postura de C21 de Tui sobre a cancelación do Tuinic

Despois de termos escoitado ás partes implicadas e reflexionado sobre todas as implicacións do acontecido esta é a nosa postura:

-Calquera sociedade que aspire a prosperar debe facilitar e estimular a iniciativa privada e as iniciativas do tecido asociativo e da sociedade civil en xeral, atraer investimento privado é crucial para prosperar e combater o desemprego, ACITUI presentou un calendario moi potente e atractivo con eventos financiados de forma privada, con atración de patrocinadores, etc, é dicir diñeiro privado ia fomentar actividade turística e económica en Tui. Toda esta expectativa de xeración de riqueza e emprego queda agora liquidada.

-A Administración pública debe ser neutral, os liberais advertimos sempre que na práctica non o é, que sempre ou case sempre defende intereses de parte, cousa que hai que denunciar, o sesgo ideolóxico ou consideracións políticas non deben levar nunca a unha actuación arbitraria da administración con respeito aos administrados en función de se estes pertencen ou non a grupos afins da sociedade, a reacción emocional de algúns con respeito a este asunto como se lles dese un subidón ao ver que agora mandan os seus, non achega nada positivo, non caíamos agora no mesmo erro nen nun revanchismo con respeito á situación anterior que a nada bo nos levaría.

-Compre lembrar que o TUINIC non pillou de sorpresa ao novo goberno municipal xa que o evento foi presentado a todos os candidatos en campaña eleitoral e nengún candidato puxo nengún tipo de pexa, todos os que alí estiveron poden corroboralo.

-Unha das claves da prosperidade é a seguranza xurídica, non se pode pretender atraer investimento co clásico “ti vai facendo se queres, pero eu non te autorizo nin me responsabilizo” que foi a postura que adoptou Enrique Cabaleiro en relación ao Tuinic, a administración pública ten que achegar seguranza xurídica aos investidores de calquera tipo, tamén a quen pretende promover actividades lúdicas e festivas como o Tuinic.

-É certo que o anterior goberno tivo tempo para ter a tramitación feita ou cando menos moi avanzada xa que a primeira solicitude realizouse o 19 de maio e que non fixo praticamente nada ao respeito, é tamén verdade que o novo alcalde se encontrou coa tramitación sen iniciar e o tempo para tramitar o permiso era moi escaso e pillou ao novo goberno ainda en periodo de conformación, tería sido razoable e mesmo aconsellable ter falado cos promotores do evento o antes posible para acordar con eles un aprazamento do Tuinic un par de semanas como mínimo. De ter habido interese por parte do alcalde en que o evento se celebrase esta tería sido a actuación lóxica, pospór o evento para que dese tempo a facer unha tramitación minimamente sosegada do permiso.

-O goberno solicítalle un informe técnico e xurídico ao departamento de urbanismo con data do 25 de xuño, tres dias antes do evento, doce días despois da toma de pose do señor Cabaleiro como alcalde e sete días despois da primeira reunión do alcalde cos promotores que tivo lugar o día 18, isto indica claramente a falta de vontade política de conceder o permiso do concello para a celebración do Tuinic tendo en conta ademais que nesa data, o día 25, os promotores do evento xa tiñan presentado o que se lles tiña solicitado ate ese momento.

-Coidamos que o goberno actuou de forma desleal cos promotores causándolles un dano reputacional e económico, e non só a eles senón á economía e á imaxe da cidade.

-Os gobernos do PP puñan o listón moi baixo, hai que exixir máis, pero tampouco debemos cair na paralisación burocratista de todo tipo de actividade á que parece que apunta a actuación do novo goberno municipal. Esta é a enumeración do que se solicitaba no informe xurídico de urbanismo que foi emitido o día 26 venres, é dicir sen tempo xa material para reaccionar: proxecto técnico, plan de emerxencia, plan de autoprotección, estudio de avaliación de movilidade xerado, estudio de impacto acústico e dispositivo de asistencia sanitaria, declaración da persoa organizadora onde conste o compromiso de contratación dos seguros, documentación sobre a normativa de ruido, quecemento, contaminación acústica, residuos e vibración, documento acreditativo da designación da persoa que debe asumir a responsabilidade técnica de execución, solicitude da licenza urbanística e calquera outra documentación que sexa solicitada polo Concello.

-Se este informe é o que marca o nivel de exixencia que o concello vai ter no sucesivo para a celebración de calquera evento corremos o serio risco de que no sucesivo deixe de haber eventos. Non vai ser C21 quen propoña saltarse a lei, pero non podemos tampouco obviar que no inferno regulatorio e intervencionista no que se ten convertido España como poñamos o listón burocrático nas nubes, non se vai poder facer absolutamente nada co conseguinte dano económico que o concello estaría inflixindo aos tudenses.

-En relación ao informe técnico de urbanismo advirte que non se pode utilizar as zonas que están en obras no paseo fluvial, é dicir, algo completamente lóxico e entendible por parte de todos e que resultaría compatible coa celebración do evento ao haber zonas que si se poderían ter utilizado segundo o propio informe.

-Un goberno municipal de C21 teria tramitado directamente os permisos ante patrimonio e medio ambiente, e exixido aos promotores o seguro de responsabilidade civil e a homologación do escenario.

-Desde C21 coidamos que os promotores se trabucaron insistindo en que o evento non tiña ánimo de lucro, é certo que o evento en si non o tiña, pero tamén é certo que buscaba atraer negocio cara os asociados a ACITUI, nomeadamente a hostelería, como é non só lóxico e natural senón tamén de agradecer, como liberais somos ferventes defensores do ánimo de lucro, é a única fonte de prosperidade económica, sen ánimo de lucro non habería emprego nen prosperidade, os valores anti capitalistas son infelizmente moi dominantes e algúns pretenden que creamos que o ánimo de lucro é algo ruin, desde logo nós non concordamos con esa visión e animamos á cidadanía a librarse dos complexos neste sentido e non cair na trampa do pensamento único; compre afirmar máis rotundamente que nunca que o ánimo de lucro é imprescindible para a prosperidade.

-Tamén como liberais cremos que a administración debe actuar como facilitadora da actividade privada, tramitando os permisos en tempo e forma, garantindo a seguridade xurídica e pública, e basta, un goberno local de C21 non achegaría diñeiro algún ao financiamento dunha actividade privada como esta, tampouco nos parecería mal que a promotora buscase medios de autofinanciarse, por exemplo, coa venda de bebidas, o que si faremos se chegamos a gobernar será baixar impostos e taxas o máximo posible, a renda que libera a baixada de impostos cada un pode usala como queira. As subvencións son fontes de clientelismo e corrupción e case sempre consisten en quitarlle o diñeiro a toda a cidadanía para darllo despois aos amiguetes do poder.

-Desde certos sectores sociais estase tratando de xustificar a actuación do goberno neste asunto desde a perspectiva dos problemas que se están producindo nas noites dos fins de semana no casco vello, se para solucionar os problemas de barullo e vandalismo no casco vello o que temos que facer é non autorizar un picnic á beira do río e un concerto na corredoira que remata ás 23:00 horas coidamos que se está tratando de desenfocar o problema, por esa regra de tres habería que tratar de evitar que veña a xente a Tui de día porque ao mellor decide quedar e sair pola noite, obviamente este sería un plantexamento absurdo.

-É verdade que os cascos vellos que funcionan como polo de atración turística, e ese ten que ser o obxectivo de Tui, están claramente orientados ao lecer diurno e das primeiras horas da noite, compre reordenar a noite no casco vello, regular o botellón, aumentando a seguranza pública, establecendo sancións a quen teña un comportamento vandálico, á mensaxe á minoría vandálica ten que ser clara e xa adiantamos que C21 vai propor unha modificación da ordenanza de convivencia cidadá neste sentido.

-O dereito ao descanso e á seguranza é sagrado e a xente nova tamén ten dereito a divertirse de forma civilizada, evidentemente é un dos moitos problemas irresoltos que ten Tui e moitas localidades. En C21 somos defensores do modelo vasco no que as discotecas están ubicadas en polígonos industriais, coidamos que é a única forma efectiva ao 100% de conciliar intereses de hosteleiros e xuventude co dereito ao descanso que todas as persoas teñen.

-Para rematar, C21 insta ao goberno municipal para que se reuna con ACITUI para aclarar posibles malos entendidos, solicitar o mantenimento do calendario de eventos inicialmente previstos, como a Noite Urraca, o Tui Street Food e o Castellum Tude, mostrar boa disposición a autorizalos baixo unhas condicións razonábeis e con marxe de tempo para evitar que Tui perda esa posibilidade de atración de negocio turístico e comercial, rectificar é de sabios, o señor Cabaleiro ainda pode demostrar que quere ser o alcalde de todos os tudenses; Tui precisa que todos pensemos en grande e con xenerosidade e non sería nada bo para Tui o precedente sentado co Tuinic se agora non se busca unha forma de mudar o rumo. Desde C21 traballaremos para evitar un Tui dividido.

Executiva de Converxencia Vinteún (C21) de Tui

PDF: Postura C21 cancelación Tuinic

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.