En Converxencia 21 somos moi conscientes do mal momento que está a atravesar o sector leiteiro galego. Neste eido, entendemos que perante un mundo que muda a grande velocidade, aquelas persoas que ven como o seu xeito de vida, as súas empresas, os seus negocios, corren perigo de desaparecer, loiten con unllas e dentes pola súa supervivencia recorrendo ao dereito que todo cidadán ten á folga. Dereito incluído na Constitución e que debe estar garantido en todo país que queira levar o título de democrático.
O que non entendemos, e nunca apoiaremos, é a concepción do dereito de folga como un exercicio no que os dereitos duns individuos son máis importantes que os de outros. Actitudes como o bloqueo da plataforma loxística dunha coñecida canle de supermercados desconto, alegando que “venden o leite moi barato” (sic), non poden ser permitidas pois constitúen un ataque directo aos dereitos de terceiros, dereitos que, novamente calquer estado democrático que se prece de selo, ten que garantir en todo momento.
O mercado fornece os consumidores dun amplo abano de opcións entre as que, no uso da súa liberdade e soberanía, escolle en aras do fin último do consumo: a satisfacción das súas necesidades. Cando un consumidor se atopa con distintas opcións moi similares e non atopa diferenzas substanciais entre elas en termos de satisfacción, o prezo convértese na única guía da súa escolma. Isto é o que está a pasar no mercado do leite. Os consumidores non atopan diferenzas entre as distintas marcas e, racionalmente optan pola máis barata, reservando recursos para mercar outros produtos, incrementando, loxicamente, o seu nivel de satisfacción.
Ora ben, estase a facer unha boa análise da situación por parte dos gandeiros? Están a aproveitar a unidade da que están a facer gala para crear unha marca ,“leite galego”, que sexa sinónimo de calidade e pola que o consumidor estea disposto a pagar máis? A resposta a ambas as dúas cuestións é NON. Os gandeiros estanse a comportar seguindo a lóxica dun capitalismo tipicamente Español: o “capitalismo de amiguetes”. Nesta caste de capitalismo, empresas ou sectores que ven perigar o seu modelo de negocio tradicional, constitúense en grupos de presión organizados, co obxectivo de influír no poder político e obter, vía lexislación, privilexios á custa da maioría dos cidadáns. Xa que logo, o que pretenden estes lobbies, e acadan na meirande parte dos casos, é converterse en extractores de rendas pola vía da imposición. O que pretenden os gandeiros é limitar a liberdade dos consumidores, obrigándoos a destinar un porcentaxe maior da súa renda ao seu produto. A quen prexudica isto? Aos consumidores e, maiormente, aos máis pobres.
En C21 consideramos que isto non só é inaceptábel, senón que a longo prazo se vai volver na contra dos propio sector leiteiro levándoo á desaparición. Un exemplo disto é a petición de implementar un prezo mínimo garantido para o leite. Esta medida, alén de ser ilegal, suporía, nunha economía aberta e globalizada coma a nosa, a creación dun sector non competitivo e permanentemente subvencionado que remataría por desaparecer.
En Converxencia 21 admiramos os nosos gandeiros. A transformación sufrida polo sector dende a década dos 70 do pasado século, é a historia dun éxito; a mostra clara de que con traballo, esforzo e asunción de riscos, un sector de subsistencia se pode converter nun sector orientado ao mercado, que ten incrementado exponencialmente a calidade de vida das persoas que se adican ao mesmo. O que nos dá mágoa é ver como os nosos gandeiros, unha vez máis, seguen as consignas populistas daqueles que lles ofrecen solucións doadas a problemas complexos e que, cando veñen mal dadas, nunca asumen ningunha caste de responsabilidade. Os gandeiros xa teñen experiencia de cara a onde os levan esas políticas populistas (están a sufrir as súas consecuencias); de cara a onde os levan os parches que lles ofrece a administración; de cara a onde os levan as boas verbas baleiras de contido; esperamos que non se deixen enganar de novo, tomando eles as rendas do sector para convertelo nun sector competitivo e con futuro.
Totalmente de acordo. Noraboa polo artigo,pareceme
moi acertado.