En C21 queremos expresar a nosa posición a respecto da situación que se está a vivir en Catalunya nos derradeiros días, se ben é certo que non é doado pois estamos a ver cousas que, non por esperables, deixan de preocuparnos menos.
Como liberais e galeguistas apoiamos as arelas de independencia dunha boa parte dos cidadáns de Catalunya. Esa parte é grande ou cativa? Non o sabemos, entre as nosas habilidades no está a adiviñación, preferimos os métodos empíricos. Neste eido, coidamos que a celebración dun referendo é o vieiro máis axeitado para dilucidar a cuestión, sen entrar en discusións bizarras nas que as distintas partes se pechan nas súas posicións sen posibilidade ningunha de acordo.
Non podemos entender a posición absolutamente contraria á celebración do referendo por parte do nacionalismo español. Pensan que as arelas de independencia van desaparecer por arte de maxia o día 2 de outubro? A resposta, ao noso entender, é negativa. Xa que logo, coidamos que é preferible empregar un sistema que peche de xeito definitivo o debate e permita esclarecer cal é a correlación de forzas, resolvendo o problema de xeito civilizado. A experiencia internacional amosa o axeitados que son os referendos para a resolución de conflitos semellantes ao que se está a desenvolver en Catalunya.
Dá a impresión de que hai quen non quere que o conflito se resolva. Igual tiran proveito del ou igual o entenden como unha guerra na que só cabe a aniquilación do contrario. En democracia, esta última non debera ser nin tan sequera unha opción, aínda que vendo como empregan a palabra democracia por parte de ambas as partes en conflito, dubidamos moito que saiban que é o que significa en realidade.
Dicía Churchill que a democracia (a democracia liberal, a única merecedora de tal nome) é o peor sistema de goberno, agás todos os demais. A democracia non e só votar. Votar é un medio pero nunca e un fin en si mesmo. O que define de verdade a democracia é o de ser un sistema que tenta protexer o individuo fronte ao perigo de ter un Estado e/ou unha maioría que actúen de xeito antolladizo sen someterse a control ningún. Na democracia hai que se someter ao imperio da lei.
Os partidos políticos independentistas veñen empregando un relato que, aínda que é claramente populista e non de todo certo tal e como indicamos no parágrafo anterior, ten tido moito éxito: democracia é votar. Cando tentas arengar as masas, tes que empregar lemas sinxelos e de impacto, polo que é habitual usar ese tipo de expresións. Porén, o que non podemos entender é que eses mesmos partidos á hora de aprobar as leis de desconexión no Parlament, non teñan respectado as máis mínimas regras democráticas, dando un espectáculo propio dunha república bananeira. Se así é como se pretende fundar un Estado, mal imos. Porque non é que non estivesen a conculcar as leis españolas, é que non estaban a respectar a lexislación emanada do propio Parlament de Catalunya. Temos que recoñecer que en C21 non podiamos crer o que estabamos a ver.
Non sabemos o que acontecerá o día 1. O goberno de España está a usar todas as súas ferramentas para impedir a celebración do referendo e, nas circunstancias actuais, de celebrarse, non vai ter as garantías mínimas necesarias para poder ser tido en conta. Mais aínda que o goberno de España acade o seu obxectivo, o problema non vai desaparecer e como se deixe guiar polos elementos máis radicalizados do nacionalismo español, moito nos tememos que a cousa poida rematar moi mal. Cómpren menos emocións e máis razón. Mais a razón é cousa do individuo, a masa só entende de emocións. As emocións, recurso fundamental para a supervivencia do ser humano en termos evolutivos, xéranse na parte máis antiga do noso cerebro, sendo a parte máis moderna, a consciente, a que axuda a resolver conflitos. Esperemos que a activen dunha vez e poidamos ver unha solución civilizada a un problema que podía estar solucionado hai ben tempo sen ter que chegar ao espectáculo que estamos a vivir na actualidade.
Para rematar, quixéramos facer unha petición. Ao longo da historia ten habido, e aínda hoxe hai, persoas que se xogan cada día o pelello loitando contra réximes ditatoriais. Por respecto a esas persoas coidamos que expresións coma “golpe de estado”, “estado de excepción” e “preso político” deberan ser usadas con máis sentidiño. É moi doado esaxerar sentados detrás da lareira, mais os que de verdade sofren nas súas carnes as ditaduras merecen un respecto.