Converxencia 21 toma a decisión de disolverse como formación política

Este 5 de abril celebrouse en Tui o VII Congreso Nacional (Extraordinario) de Converxencia 21 co obxecto de dirimir o futuro da nosa formación.

Era un congreso crucial porque tras 15 anos de andadura, os liberais plantexabamos por primeira vez a nosa continuidade como partido político. Disolverse era unha decisión difícil porque por unha banda creemos firmemente nas ideas e valores que estamos a trasladar á sociedade, pero por outro lado, os resultados veñen sendo absolutamente descorazonadores. C21 non acadou os obxectivos marcados na súa fundación e practicamente carece de solución de continuidade.

Como dicía Carlos Vázquez Padín, Presidente Fundador, na súa intervención final: “Non ten sentido nin dignidade suplicar o voto cando non eres un partido desexable pola sociedade”. Ratificando estas palabras o Presidente Nacional, José Palacín, expresaba: ” A sociedade aínda non está preparada para asumir o liberalismo porque a liberdade individual require grandes doses de responsabilidade e esforzo persoal, algo incompatible ca comodidade de unha sociedade que deixase fagocitar pola voraxine dun Estado paternalista e omnipresente”.

A decisión da disolución tomouse por unanimidade dos compromisarios, que ademais, permitiron e invitaron ao único cargo público da formación, José Palacín, concelleiro polo Municipio de Tui, a pasarse a condición de Non Adscrito na Corporación Local.

C21 queremos dalas grazas a tódolos afiliados e simpatizantes da nosa formación e tamén a aquelas persoas que no seu momento depositaron tanto a nivel local como cara o resto das institucións, o voto en favor de Converxencia 21. Todos nos, compartimos ser partícipes dun proxecto que xa forma parte da historia, de unha entidade que co tempo, estamos seguros, será considerada como unha obra de culto, incluso como unha avanzadilla de visionarios que anticipan a catarse deste sistema perverso no moral e no pragmático.

Por último, subliñar que esta web permanecerá activa por un tempo pero que nunha semana convertirase no blog do concelleiro Non Adscrito da Corporación de Tui, José Palacín.

Foto: Mesa do Congreso (José Palacín, Eduardo Freiría e Aurea Fernández)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.