Principios.

CONVERXENCIA 21 é un instrumento ao servizo do individuo como ser autónomo e con dereito a vivir nunha sociedade libre, respectuosa, xusta e prospera, tamén unha ferramenta ao servizo da democracia participativa e líquida, da gobernanza, ca participación da sociedade civil e da cidadanía en xeral, e que ten como obxecto abrir camiño ás persoas.

C21 está ao servizo de Galicia e de todas as persoas que queren traballar na construción dun proxecto político adaptado e pensado para as necesidades e ambicións do noso País, que teñen fe no seu futuro e que confían nas súas posibilidades. Nese aspecto, Converxencia 21 aspira a ser o punto de encontro das persoas que teñan ilusión por construír unha Galicia mellor dende un pensamento   autónomo, e dende a autoestima nas nosas capacidades. C21 tamén aspira a ser o punto de encontro onde converxan os cidadáns que queiran construír unha Galicia máis democrática e participativa, e que desexen facelo dende a integración e afondar no desenvolvemento persoal, e de os/as que queiran ver unha Galicia plenamente integrada no mundo globalizado do século XXI e que crean na importancia que a iniciativa persoal e a meritocracia teñen para o logro deste fin.

Por todo iso, dende o punto de vista democrático non pode haber ningún límite de decisión para a autoorganización da cidadanía co marco xurídico-político da súa elección. Este marco será o que voluntariamente, se queira definir, sen prexuízo do respecto ao marco legal vixente. Apostamos pois, por un aprofundamento do autogoberno municipal e de Galicia e polo recoñecemento da realidade plurinacional de España, que poida, nun futuro, adoptar a fórmula xurídica dunha confederación.

Por último, C21 é un partido que cre no municipalismo e na idoneidade dos entes locais para servir ao cidadán en primeira instancia, por iso aposta porque acaden e administren mais potestades e recursos.

A seguir, preséntase unha definición ideolóxica base que se desenvolverá e concretará nas condicións que dispoñan os sucesivos congresos do partido. Converxencia 21 é unha forza política que se define como democrática e liberal, profundamente reformista no que concirne as institucións, con sensibilidade social e ecolóxica, aconfesional, sendo no ámbito territorial un partido municipalista, galeguista e europeísta.